SABÍAS QUE... POR QUE SE FORMAN AS PELUXAS
Peluxes (Stromcarlson, 2006)
A ciencia e a tecnoloxía débenlle moito á Antiga Grecia. Foi precisamente nunha das súas colonias onde, cara ao século VI a. de C., naceu Tales de Mileto, un dos primeiros filósofos e científicos da Historia. A súa curiosidade levoulle a descubrir que o ámbar –en grego élektron- podía atraer a pequenos obxectos despois de fregalos cun pano de la. Este fenómeno físico forma parte da nosa infancia, xa que foi naquela época da nosa vida cando descubrimos por vez primeira que se un bolígrafo era fregado durante o tempo suficiente podía atraer a pequenos anacos de papel. É o que se coñece como efecto triboeléctrico, do grego tribein, fregar.
A rama da física que analiza os efectos mutuos que se producen entre os corpos como consecuencia das súas cargas eléctricas coñécese como electrostática e os seus efectos aparecen en forma de atraccións e repulsións. A pesar de que non pensemos nela na nosa vida cotiá estímase que a forza electrostática é, aproximadamente, un billón de billóns de billóns –dez elevado a trinta e seis- máis intensa que a forza da gravidade.
É precisamente esta forza, a electrostática, a que participa de forma activa na formación da peluxe.
O inquietante universo da peluxe redúcese, basicamente, a tres tipos diferentes: a do embigo, a da secadora e a doméstica. Os ingleses utilizan dous termos distintos para achegarse ao concepto de peluxe: fluff, que fai relación ao seu aspecto esponxoso, e lint, que garda relación co seu compoñente téxtil. A peluxe da secadora fórmase polo efecto triboeléctico ao que acabamos de referirnos, mentres que a do embigo encerra unha maior complexidade. Tal é así que un científico da Universidade tecnolóxica de Viena dedicoulle catro anos de arduo traballo. Durante ese tempo analizou –desde un punto de vista químico- 503 mostras de peluxe de embigo de persoas diferentes, chegando á conclusión que este tipo de peluxe prodúcese pola fricción da lanuxe abdominal coas hebras das camisetas. Segundo as súas conclusións, este tipo de peluxe está formada, maioritariamente, por celulosa de algodón, á que se engaden células mortas da pel, sulfuro e nitróxeno. No ano 2002 un dos premios Ignobel recaeu no investigador Karl Kruszelnick polo seu estudo sobre as peluxes do embigo, no cal chegou á conclusión de que as mulleres tiñan menos que os homes. Mentres estes estudos vían a luz un bibliotecario australiano –Graham Barker- entraba no libro Guiness dos Records pola súa minuciosidade e pulcritude á hora de almacenar peluxes do embigo. E é que se pasou máis dun cuarto de século colleitando exemplares do seu embigo cos que formou unha bóla amorfa que, finalmente, doou a un museo estatal.
O terceiro tipo de peluxes son as domésticas. Para que se formen é condición sine qua non que haxa un pelo, ao que se van a adherir, co paso do tempo fibras, po, pel morta, pole e outros pelos mediante a atracción electrostática, de forma que, aos poucos, a peluxe incremente o seu tamaño. Da observación cotiá das peluxes domésticas pódense extraer dúas conclusións: non existen nas vivendas desocupadas -xa que non hai nin pelos nin fibras- e non conseguimos eliminalas completamente por moito que pasemos a aspiradora e o plumeiro.
O que fai que a peluxe se mova polos nosos fogares é o vento, a corrente de aire que se xera cos nosos movementos e ao ventilar as habitacións coas portas e xanelas abertas. Grazas a estes pequenos remuíños as peluxes colonizan esquinas e recunchos, desde onde nos observan desafiantes.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia
0 comentarios