Blogia
vgomez

CHEGA O COMETA NISHIRUMA

Ameceres do 5-10 de setembro / Trevinca Skies, CC BY-SA 4.0

A maior parte dos cometas que se achegan á Terra son demasiado débiles para ser vistos co ollo espido e pasan desapercibidos. Só de cando en vez hai algún que se fai visible proporcionándonos un belo espectáculo.

Estes días hai un cometa, chamado Nishimura (C/2023 P1) que espertou moita expectación. O seu nome provén do seu descubridor, o astrónomo amateur xaponés Hideo Nishimura que, o 12 de agosto, utilizou unha cámara réflex equipada cun teleobxectivo para rastrexar o ceo desde Kakegawa.

Este cometa describe unha órbita elíptica ao redor do Sol, o seu período é duns 435 anos. A súa maior aproximación á Terra (a uns 126 millóns de quilómetros) terá mañá, 12 de setembro, mentres que o perihelio (punto de máximo achegamento ao Sol, a uns 34 millóns de quilómetros) producirase cinco días máis tarde. O cometa pasará entón tan preto do Sol que non parece imposible que se desintegre. Para orientación, lembremos que a distancia Terra-Sol é duns 150 millóns de quilómetros.

Visita do cometa Nishimura / JPL/HorizonsJPL/Horizons

A órbita do cometa está inclinada con respecto á órbita da Terra, de tal maneira que, durante a súa visita, o cometa sempre se presenta preto da liña de mirada ao Sol. Por iso, só é visible ao amencer, moi preto do horizonte, xusto antes do orto solar. Desde as nosas latitudes, nestes días de primeiros de setembro, pode observarse a uns 15 graos de elevación polo horizonte leste, como dicimos, xusto antes de que se levante o Sol. Cada día que pasa, o cometa está máis e máis próximo ao Sol, de forma que a mediados de setembro quedará engulido no resplandor solar e non será observable.

Esperemos que o tempo axude!

FONTE: Rafael Bachiller/elmundo.es/ciencia

0 comentarios