AS SAMBESUGAS, "AS CURANDEIRAS" DO SÉCULO XIX QUE SE CULTIVARON NA LAGOA DE ANTELA
Sambesuga (Hiduro menicibalis) / es.wikipedia.org
O médico francés François Joseph Victor Broussais estipulou no século XIX que todas as enfermidades se desenvolven no tracto gastrointensinal e viaxan polo sistema simpático ata que afectan os órganos. Unha das prácticas que defendía para atallar este problema consistía en sangrías con sambesugas, que radicaba en eliminar o sangue prexudicado e “restaurar” a saúde. Non era, nin moito menos, o primeiro doutor que se servía destes vermes para insumo médico, pero as súas teorías triunfaron tanto dende Francia que ocasionaron unha sobreexplotación do recurso en varios puntos da península, entre eles, a Lagoa de Antela (Ourense). Un novo traballo elaborado na Universidade de Santiago en colaboración coa Universidade de Cádiz demostra a importancia da comunidade galega no comercio internacional destes animais dende 1820. “O proceso foi tan importante que en 1827 Galicia convértese no primeiro territorio en prohibir a extracción de sambesugas”, explica Damián Copena, do Departamento de Economía Aplicada da USC.
O artigo O comercio de sambesugas hispano-francés e as súas consecuencias: dende o aumento da demanda médica ata o esgotamento dos recursos e a innovación técnica foi publicado na revista Medical History. O seu obxectivo é estudar a recolección, regulación, ámbitos de demanda de uso médico das sambesugas e as relacións comerciais de España con Francia dende o século XIX ata 1860. A febre das sambesugas tivo o seu máximo apoxeo en 1832 e disto deixouse constancia en múltiples documentos históricos que analizan Copena e a coautora do traballo, a profesora María Gómez-Martín. Tanto na península como en Galicia houbo un intenso proceso de recopilación de vermes para exportar a Francia. Na Lagoa de Antela instalouse unha factoría que deixaba, como anotaban os investigadores, “para os franceses tanto lucro como puidesen os atúns nas almadrabas de Conil”. Damián Copena, sostén que a explotación deste recurso “aconteceu nun período relativamente curto de tempo, por iso é algo descoñecido”.
Este comercio efímero pero de grandes repercusións para o medioambiente estivo baseado na demanda dun recurso natural con pouca regulación. Con todo, tivo tanta relevancia que se desenvolveu un corpus normativo para establecer un control á comercialización con medidas restritivas. “En Galicia a norma evidencia o impacto da extracción de sambesugas. As iniciativas tratan de recuperar os recursos para incrementar as cantidades”, apunta o investigar da USC. En 1839 prohibiuse capturar o anélido e a medida foi complementada con outras que impulsaban “solucións tecnolóxicas” para aumentar as poboacións. E é que, no noroeste da penísula, o lugar de referencia para a recolección do animal que aportaría milagres médicos se atopaba en Ourense. Segundo indica o artigo publicado polos expertos, os franceses mercaban sambesugas a catro reais por libra (que eran de trinta a corenta docenas).
As consecuencias nos recursos naturais tamén se observaron en Francia: o esgotamento de sambesugas, o aumento do prezo dos anélidos e una escasa resposta no ámbito comercial e médico. “En 1825 tiña que ser moi difícil transportar sambesugas vivas de Galicia a Francia. Era unha actividade moi lucrativa para os franceses, non tanto para os galegos”, explica Copena. Os autores atoparon na Gaceta de Madrid que o Goberno de España, a partir da información que subministrara a Subdelegación de Medicina, Cirurxía e Farmacia de Santiago de Compostela, considerou necesario controlar as poboacións destes vermes; á vez que o Goberno procuraba dar resposta ás demandas para a obtención de beneficios do comercio con Francia, en Galicia poñíanse en marcha medidas para “preservar este recurso médico”. Así comezaba un parón de dous anos no que se estableceu unha tempada exclusiva para poder capturar sambesugas, prohibindo a súa recolección durante os meses de marzo, abril e maio, época na que se reproducen.
“A prohibición discutiuse na prensa francesa, que explicou que, incluso se esta suspensión de dous anos da explotación tamén foi solicitada inicialmente por outros territorios españois, finalmente se concluíu que a zona máis afectada era Galicia, e a temporada de peche estableceuse en última instancia só aí e durante os meses da primavera”, sinalan os autores.
A pesar do ‘boom’, o aproveitamento destes animais existiu antes e despois, cando cirurxiáns e sangradores realizaban as curas que os médicos consideraban algo “mecánico”. Así se recolle nos Arquivos de Galicia, que apuntan que estes traballadores practicaban sangrías para evacuar o exceso de sangue do corpo (plétora) a través de flebotomías, sambesugas e ventosas, sendo unha “terapia tradicional galénica”. Iso si, en Galicia as capturas non provocaron o esgotamento do recurso. E é que a febre das sambesugas ocasionou que Francia importara máis de 57 millóns de exemplares. “Se iso [as teorías médicas arredor da sambesugas] acontece en París, no lugar do coñecemento, se se fai literatura científica arredor desas innovacións, inevitablemente aumenta a demanda nos hospitais e no ámbito militar”, engade o investigador da USC.
Como principal conclusión, o traballo esgrime como un cambio no coñecemento científico na Francia do século XIX cambiou a caracterización que posuía un animal, provocou un aumento da súa demanda, a creación de novos sistemas de transporte e o coñecemento asociado á actividade económica. Por exemplo, en España, para conservar as sambesugas fóra do seu hábitat natural, colocáronse nunha base de arxila en grandes contedores. A partir de 1850, as relacións entre España e Francia mudan e a península deixa de ser un provedor de sambesugas para ser un importador. “A necesidade de abastecer as farmacias e hospitais civís e militares, centros de caridade e prisións durante as décadas centrais do século XIX aumentou a presión sobre o recurso”, alegan os autores nas conclusións do traballo. Foi partir de 1860 cando a terapia con sambesugas se substitúe por outras baseadas na ciencia teórica moderna.
FONTE: Alba Tomé/gciencia.com
0 comentarios