Blogia
vgomez

O VIRUS DE CRIMEA-CONGO PROBABLEMENTE XA ESTEA EN GALICIA

Exemplar de carracha do xénero Hyalomma, o principal vector de transmisión da febre hemorráxica Crimea-Congo / Wikimedia Commons

Un home de 51 anos morreu en xuño de 2022 a causa da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade cunha taxa de letalidade que pode acadar o 40%. O falecido era axente forestal na comarca do Bierzo, na fronteira con Galicia, e contraeu o virus a través da picadura dunha carracha, o seu principal vector de transmisión. Case dous anos despois daquel episodio, un equipo do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) publica un estudo no que constata a presenza do virus na área de Ponferrada. En concreto, os investigadores atoparon o patóxeno en 10 das 95 carrachas analizadas: “Unha das taxas de infección máis altas xamais documentadas”. Como nin os animais nin as enfermidades entenden de fronteiras, cabe reflexionar sobre a posibilidade de que a febre hemorráxica chegue a Galicia. “Probablemente o patóxeno xa estea aquí. Outra cousa é que se dean casos en humanos”, apunta a investigadora Susana Remesar, experta en Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC).

O virus leva circulando en España dende o 2010. E, de feito, entre 2013 e 2022 detectáronse 12 casos de febre hemorráxica de Crimea-Congo, dos que faleceron catro, segundo os datos facilitados polo Sergas. As únicas comunidades autónomas nas que se rexistraron contaxios foron Castela e León e Estremadura, coas provincias de Ávila, Badaxoz, Salamanca e León como únicas afectadas. E aínda que en Galicia non se rexistrou ningún caso desta enfermidade, os expertos non descartan que xa estea circulando no territorio. “Ata hai pouco non tiñamos o serotipo 4 do virus da Lingua azul —unha enfermidade que afecta aos ruminantes— e hoxe xa está en Ourense. Co cambio climático aparecen novas especies e novas enfermidades”, sinala o decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández. A súa compañeira Susana Remesar insiste en que a febre hemorráxica pode estar presente en Galicia aínda que non haxa constancia dela: “Non vas detectar o virus se non se dan casos”.

Un paso imprescindible para coñecer mellor o patóxeno e a súa distribución no territorio é, precisamente, a través de estudos científicos como o do IREC, que depende do CSIC e ten a súa sede na cidade manchega de Ciudad Real. A aparición de tres casos na comarca do Bierzo entre 2021 e 2022 foi o principal impulso da investigación, que tamén suxire que esta febre hemorráxica “pode estar estendéndose ao noroeste de España. Para a detección do virus, os investigadores percorreron 30 quilómetros a pé na periferia de Ponferrada co obxectivo de identificar as especies de carrachas presentes na zona e responsables da transmisión autóctona do virus. O resultado foi, tal e como cualifican no propio estudo, “sorprendente”, dado que ningún dos individuos recollidos pertencía ao xénero Hyalomma, considerado o principal vector da enfermidade.

Máis en detalle, hai dúas especies moi abundantes que son as grandes transmisoras da febre hemorráxica de Crimea-Congo: Hyalomma lusitanicum e Hyalomma marginatum. Segundo explican os investigadores no artigo, ambas están documentadas no noroeste peninsular, aínda que en baixa frecuencia. Así o confirman tanto Gonzalo Fernández como Susana Remesar, que fan fincapé en que este xénero de carrachas non está moi estendido en Galicia. Con todo, o estudo do IREC confirmou que outras especies eran positivas no virus, abrindo a hipótese de que outro tipo de xéneros, máis alá do Hyalomma, desenvolvan “un papel inesperado” na transmisión do virus de Crimea-Congo. “Que detectaran o patóxeno noutros xéneros de carrachas non quere dicir que teñan a capacidade de transmitilo. Habería que demostrar que sendo positivas, se pican a algún hospedador poden contaxialo”, indica Remesar, insistindo en que se precisan máis estudos para determinar o comportamento do virus e tamén da súa transmisión.

Os “sorprendentes resultados” do estudo do IREC, que abren a porta a contemplar outros xéneros de carrachas como transmisoras deste virus de orixe africana, tampouco son concluíntes. De feito, os investigadores indican claramente no estudo que non se pode descartar que fosen as carrachas do xénero Hyalomma as que contaxiaron aos tres casos detectados no Bierzo entre 2021 e 2022. “A limitada extensión da área de estudo podería ter pasado por alto focos moi favorables para as carrachas Hyalomma na rexión, polo que non se pode descartar que desempeñaran un papel nos casos humanos de febre hemorráxica Crimea-Congo notificados no Bierzo”, subliña o estudo. Malia que este punto non queda de todo esclarecido na investigación, serve para que o equipo do IREC lance unha advertencia e considere “necesario” comezar a tomar medidas preventivas no noroeste de España, onde semella que se está propagando a enfermidade.

No que respecta ás accións que se poderían levar a cabo, Remesar sinala a realización de mostraxes, tanto a nivel preventivo —como fixeron os investigadores do IREC— como nos centros sanitarios, de maneira que se poidan detectar casos de febre hemorráxica que, doutro modo, poderían pasar desapercibidos. Con todo, estas non son as únicas propostas da experta en Sanidade Animal, que cre que se deberían implementar medidas de tipo individual para reducir o máximo posible o risco de transmisión. “Debes prestar especial atención se vas por zonas con moita vexetación. Galicia non é Madrid e por calquera matogueira pola que pases xa podes levar unha carracha enriba”, apunta a investigadora da USC. Con todo, insiste en que aínda non se detectou ningún caso no país e que máis alá da vixilancia, non hai que caer na alarma. “A febre hemorráxica Crimea-Congo ten unha taxa de mortalidade elevada pero son casos puntuais. A enfermidade de Lyme si que está estendida por toda Galicia e xa se considera endémica”, puntualiza Remesar.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com

 


0 comentarios