CONCELLOS GALEGOS NOS QUE SE DETECTOU A PRESENZA DA CARRACHA QUE TRANSMITE O VIRUS CRIMEA-CONGO
As carrachas do xénero Hyalomma son as transmisoras da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade endémica en África, Asia e Os Balcáns que se está a propagar polo noroeste da península ibérica. Aínda que en Galicia non se rexistrou ningún caso, os informes periódicos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) demostran que a especie Hyalomma marginatum leva presente no territorio, polo menos, dende 2019. De feito, as mostraxes levadas a cabo polo equipo de ReGaViVec detectaron esta carracha, o principal vector do virus de Crimea Congo, en 21 concellos. A maior distribución rexístrase na provincia de Ourense, con 14 municipios afectados; séguea Lugo con 5; e finalmente Pontevedra, con 2. A Coruña é a única provincia libre de Hyalomma marginatum.
Segundo explican fontes da Consellería de Sanidade, organismo do que depende ReGaViVec, os número de concellos nos que está presente a carracha son un acumulado dos últimos cinco anos. É dicir, non significa que a especie aparecera todos os anos en todos os concellos, senón que dende o 2019 se detectou Hyalomma marginatum en 21 localidades galegas. Seguindo a listaxe proporcionada por Sanidade, as zonas afectadas en Ourense son Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, Allariz, Verín, Bande, Muíños e Lobios. Na provincia de Lugo son o propio municipio homónimo, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Triacastela e Quiroga. Finalmente, detectouse Hyalomma marginatum nos concellos pontevedreses de Gondomar e Oia.
FONTE: Laura Filloy/gciencia.com Imaxe: Martín Galli/gciencia.com
0 comentarios