Blogia
vgomez

DESVELADOO MISTERIO DO VENTO SOLAR LENTO

Ilustración da nave Solar orbiter / ESA

O vento solar, que pode viaxar por centos de quilómetros por segundo, fascinou aos científicos durante anos. Agora, grazas aos datos recollidos pola misión Solar Orbiter, os científicos pescudaron máis cousas sobre a orixe deste fenómeno.

O vento solar é un fluxo continuo de partículas de plasma que saen despedidas desde o Sol ao espazo. Cando viaxan a máis de 500 km por segundo chámaselle vento «rápido» e cando vai a menos de 500 km/s, é «lento».

Nalgunhas ocasións, estas partículas solares chocan coa atmosfera da Terra dando lugar ás impresionantes auroras boreais que vemos no ceo, pero cando o Sol libera grandes cantidades de plasma (execcións), pode ser perigoso e causar importantes danos en satélites e sistemas de comunicación.

Os científicos levan décadas observando este fenómeno pero aínda non coñecen ben as fontes e os mecanismos que liberan, aceleran e conducen ao plasma do vento solar cara ao Sistema Solar, en especial o vento solar lento.

Para estudalo, en 2020, a Axencia Espacial Europea (ESA), con apoio da NASA, lanzou a nave Solar Orbiter que, ademais de captar as imaxes máis próximas e detalladas do Sol tomadas xamais, obtén, mide e relaciona o vento solar coa súa zona de orixe na superficie do Sol.

Para iso, Solar Orbiter conta con dez instrumentos científicos que recollen e analizan mostras do vento solar próximas á nave, e que captan imaxes de alta calidade da actividade na superficie do Sol.

Esta combinación de datos permitiu aos científicos identificar por primeira vez onde se orixina o vento solar lento e axudoulles a pescudar como abandona o Sol e vaise cara á heliosfera, a inmensa burbulla que rodea ao Sol e aos seus planetas e que protexe ao sistema solar da radiación.

"Como Solar Orbiter viaxa moi preto do Sol, podemos captar a complexa natureza do vento solar e obter unha imaxe moito máis clara das súas orixes e de como esta complexidade vese impulsada polos cambios nas diferentes rexións de orixe", explica Steph Yardley, da Universidade de Northumbria (Newcastle upon Tyne) e líder da investigación.

Crese que a diferenza entre a velocidade do vento solar rápido e lento débese ás distintas zonas da coroa do Sol, a capa máis externa da súa atmosfera, nas que se orixinan.

Un dos obxectivos do Solar Orbiter era probar a teoría de que o vento solar lento orixínase na coroa pechada e escapa ao espazo grazas a un proceso de ruptura e reconexión das liñas de campo magnético.

O equipo científico fíxoo medindo a «composición» das correntes de vento solar, que varía segundo a súa procedencia: a coroa pechada, máis quente, fronte á coroa aberta, máis fría. Grazas aos instrumentos do Solar Orbiter, o equipo puido analizar a actividade na superficie do Sol e comparala coas correntes de vento solar recollidas pola nave. Á vez, a partir das imaxes da superficie solar puideron determinar que as correntes de vento lento procedían dunha zona na que confluían a coroa aberta e a coroa pechada, demostrando así a teoría de que o vento lento pode escapar das liñas de campo magnético pechadas mediante o proceso de ruptura e reconexión.

"Desde o principio, un dos principais obxectivos da misión Solar Orbiter foi relacionar os fenómenos dinámicos do Sol co seu impacto na burbulla de plasma que rodea a heliosfera", explica Daniel Müller, científico do Proxecto Solar Orbiter da ESA.

"Para conseguilo, tivemos que combinar observacións remotas do Sol con medicións in situ do vento solar ao seu paso pola nave". "O resultado confirma que Solar Orbiter é capaz de establecer conexións sólidas entre o vento solar e as súas rexións de orixe na superficie solar. Este era unha obxectivo clave da misión e ábrenos o camiño para estudar a orixe do vento solar cun detalle sen precedentes", conclúe Müller.

En próximas investigacións, "será moi interesante usar os datos de Solar Orbiter e facer tamén unha comparación con conxuntos de datos doutras misións próximas, como a Parker Solar Probe da NASA", avanza Yardley.

FONTE: eldebate.com/ciencia

0 comentarios