Blogia
vgomez

AUGA NO MANTO DA LÚA

Lúa Chea fotografada pola misión Apolo XI / NASA

Unha nova análise de datos obtidos por satélite apunta á existencia de auga atrapada en numerosos depósitos volcánicos distribuídos na superficie da Lúa, segundo un estudo que se publicou este luns na revista Nature Geoscience.

Investigadores do Departamento de Ciencias Planetarias, da Terra e o Medio Ambiente da Universidade estadounidense de Brown, a cargo do informe, indicaron que a auga contida neses antigos depósitos apoia a idea de que o manto do satélite natural da Terra é sorprendentemente rico en auga.

Durante anos, os científicos asumiran que o interior da Lúa estaba baleiro de auga, pero esa idea empezou a cambiar en 2008 cando un grupo de xeólogos da Universidade de Brown detectou sinais da súa presenza nalgúns cristais volcánicos traídos á Terra polas misións Apolo XV e XVII.

O director da investigación, sinalou que os datos da órbita permitiron examinar os grandes depósitos piroclásticos (materiais emitidos por algún tipo de explosión volcánica) da Lúa. Para a detección de auga nestes depósitos utilizáronse espectrómetros orbitais, que axudan a medir a luz que rebota da superficie lunar a fin de coñecer compoñentes ou minerais que poida haber no satélite.

Os investigadores acharon evidencias de auga en case todos os depósitos piroclásticos observados e mapeados, mesmo dos que están preto do lugar de aterraxe das misións Apolo XV e XVII, onde se recolleron mostras de cristais.

A idea de que o interior da Lúa é rico en auga expón interrogantes interesantes sobre a formación do satélite, posto que os científicos estiman que se creou polos restos deixados cando un obxecto do tamaño de Marte chocou contra a Terra nas primeiras etapas da historia do Sistema Solar.

Unha das razóns pola que os expertos asumiran que o interior da Lúa era seco é que parece improbable que o hidróxeno necesario para a formación de auga puidese sobrevivir á calor do impacto, indica a investigación.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia


0 comentarios