O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia
Distribución xeográfica da carracha H. Marginatum 2022 (esquerda) e 2023 (dereita)
A Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) acaba de facer público o seu derradeiro informe sobre a presenza de carrachas no territorio galego e os datos recollidos confirman o que moitos expertos agardaban: o virus causante da febre hemorráxica Crimea-Congo, transmitido pola especie Hyalomma marginatum, xa está circulando por distintas rexións de Galicia: “Mediante probas serolóxicas atopáronse animais seropositivos (con anticorpos fronte ó virus) practicamente en moitas das zonas nas que recolléronse exemplares adultos de hospedeiros, o que confirma que este patóxeno está a circular polo territorio”. Das 445 mostras analizadas durante todo o ano pasado, 13 animais deron positivo na proba para Crimea-Congo (denominados IgG), o que implica que estiveron expostos ao virus en algún momento e, como defensa, o seu organismo produciu anticorpos para loitar contra a infección.
Nas décadas dos anos 80 e 90 a H. Marginatum podía atoparse xa nas zonas do centro e do sueste peninsular, mais o primeiro caso dunha morte ocasionada por Crimea-Congo en humanos non chegaría ata 2010. Co paso do tempo, as condicións climáticas foron mudando e a carracha desprazouse ata rexións máis ao norte. No 2018, a morte dun home de 72 anos na provincia de Ávila a causa do Crimea-Congo fixo saltar a alarma das autoridades sanitarias da comunidade castelá, que puxeron en marcha un plan de vixilancia e observación que afectou a un centenar de persoas, a meirande parte delas persoal sanitario. A primeiros de maio, o vicepresidente e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica Francisco Javier Membrillo, anunciou que a enfermidade xa era endémica no territorio Español en zonas como Extremadura, Madrid e O Bierzo. Un mes despois un home de avanzada idade falecía en Salamanca a causa da febre hemorráxica de Crimea-Congo.
Segundo o informe de ReGaViVec, feito polos investigadores do grupo COPAR (USC), os achados recentemente reportados nos medios de comunicación da Comunidade de Castela e León sobre a presenza de carrachas capaces de transmitir o virus e o aumento de pacientes coa enfermidade confirmarían tamén a hipótese para o caso de Galicia. E os datos así o transmiten. En tan só un ano, esta carracha transmisora de Crimea-Congo quintuplicou a súa presencia no territorio galego: mentras que no 2022 só se capturaron tres exemplares, no ano pasado Galicia xa rexistraba ata 15 carrachas da especie Hyalomma Marginatum.
Os fluxos migratorios das aves converteron a España nun país exposto á Febre Hemorráxica Crimea-Congo, segundo a principal teoría sobre a súa aparición na península. Porén, segundo sinalan dende a Rede de Vixilancia, o simple feito de atopar a presencia do virus nunha carracha non a converte nun vector de transmisión da enfermidade real: “Para coñecer a circulación dos patóxenos é preciso ter coñecemento da distribución e períodos de actividade das carrachas que actúan como vectores, e en caso de zoonoses, realízanse estudos de presenza de antíxenos ou anticorpos en animais que compartan a mesma enfermidade, aínda que en moitos casos non desenvolvan un cadro clínico”.
E iso foi o que fixeron: grazas á axuda de centos de colaboradores, os investigadoras analizaron un total de 445 mostras de sangue de distintas especies animais ubicadas en zonas onde se atopara a presenza da Hyalomma marginatum. Os resultados amosaron casos de anticorpos en vacas e cabalos en varios concellos de Ourense, como Vilamarín (un cabalo), Verín (dúas vacas), Paderne de Allariz (un cabalo), A Veiga (dúas vacas) e Viana do Boló (una vaca), sendo San Xoán de Río o lugar onde máis positivos se deron, con catro vacas que amosaron anticoropos para Crimea-Congo. Nas provincias de Lugo e Pontevedra só se atoparon dous resultados positivos, unha vaca en Folgoso do Courel (Lugo) e outra no Porriño (Pontevedra).
O informe tamén recolle a relación entre as distintas especies de carrachas que se atopan no territorio Galego e a súa presenza nos diferentes climas que se establecen na comunidade, amasando a preferencia da H. Marginatum polas zonas do sur e o sueste caracterizadas como climas mediterráneos ou mediterráneos de verán fresco. Outro dato relevante é que esta especie de carracha só está activa, polo menos en Galicia, durante os meses da primaveira e do verán.
A febre hemorráxica de Crimea-Congo é unha enfermidade ocasionada por un virus da familia Bunyaviridae e transmitido principalmente por carrachas. Endémica nos territorios que se atopan por debaixo dos 50º de latitude norte como África, Oriente Medio e Asia, a súa presenza comeza a ser máis común en Europa a causa do aumento nas temperaturas. O informe de ReGaViVec explica: “As alteracións antropoxénicas, os cambios socioeconómicos e o movemento de persoas e transporte de animais domésticos traen con eles unha maior dispersión xeográfica das carrachas, favorecendo a emerxencia e reemerxencia das enfermidades transmitidas por estas”.
Ademais as novas rutas migratorias das aves, unido á perdida de hábitats como consecuencia do cambio climático tamén contribuíu enormemente a este feito.
A sintomatoloxía é moi variada, mais a maior parte dos pacientes adoitan ter febre, dor muscular, rixidez no pescozo e hipersensibilidade á luz. Nos casos graves chegan aos fenómenos hemorráxicos.
A transmisión do virus non só se da pola picadura dunha carracha infectado, senón que tamén existe a posibilidade de contaxiarse a través do contacto coa sangue ou outros tecidos de animais infectados. É por iso que, un dos factores de risco para esta enfermidade está vencellado ao traballo no medio rural e no campo cando este inclúe o contacto con animais de granxa.
FONTE: Lucía Casas/gciencia.com
0 comentarios