O EVEREST SEGUE MEDRANDO
Nós chamámolo Everest, no Tibet refírense a el como Chomolungma e en Nepal como Sagarmāthā. Pero en calquera idioma, cos seus 8.843 metros, é a montaña máis alta do mundo. E non só iso, senón que segue medrando, cousa que ademais fai a un ritmo anormalmente alto en relación aos demais montes da cordilleira do Himalaia. O Everest, en efecto, supera nuns 250 metros ao segundo pico máis alto, o K2, e iso é case o dobre dos 120 metros de diferenza que hai entre o K2 e os dous seguintes no ranking de altura, o Kangchenjunga e o Lhotse. É dicir, que debe de existir un mecanismo, distinto á tectónica rexional en curso, que estea a impulsar este exceso de crecemento.
Agora, un equipo de investigadores da Universidade de Geociencias de China e o University College de Londres conseguiu pescudar cal é ese mecanismo: a erosión causada por unha rede fluvial que se atopa a un 75 km de distancia e que leva decenas de miles de anos escavando un desfiladeiro. A perda desa masa de terra está ’a empuxar’ cara arriba a montaña, facendo que se eleve uns 2 mm ao ano. En total, din os científicos, o Everest aumentou a súa altura entre 15 e 50 metros nos últimos 89.000 anos. O estudo acábase de publicar en Nature.
Segundo os investigadores, unha parte importante desta anomalía pode explicarse por unha forza de elevación causada pola presión do manto, debaixo da codia terrestre, despois de que un río próximo erosionase unha cantidade considerable de rochas e chans. Trátase dun efecto chamado ’rebote isostático’, onde unha sección de codia que está a perder masa flexiónase e ’flota’ cara arriba porque a intensa presión do manto líquido que hai debaixo é maior, despois da perda de masa, que a forza de gravidade.
Trátase dun proceso gradual, normalmente de só uns poucos milímetros ao ano, pero en períodos de tempo xeolóxicos pode marcar unha diferenza significativa na superficie da Terra. No caso do Everest, esa diferenza é unha elevación ’extra’, de entre 15 e 50 metros nos últimos 89.000 anos, desde que o próximo río Arun fusionouse coa rede adxacente do río Kosi.
"O Monte Everest -explica Adam Smith, do University College de Londres e coautor do artigo- é unha extraordinaria montaña de mitos e lendas, e segue medrando. A nosa investigación mostra que a medida que o sistema fluvial próximo profunda, a perda de material fai que a montaña se eleve aínda máis".
Hoxe en día o río Arun corre cara ao leste do Monte Everest e fusiónase río abaixo co sistema fluvial, máis grande, de Kosi. Durante milenios, o Arun foi escavando un importante desfiladeiro, arrastrando miles de millóns de toneladas de terra e sedimentos. Ao observar as taxas de erosión do río Arun, o Kosi e outros ríos da rexión, os investigadores puideron determinar que hai uns 89.000 anos o río Arun uniuse e fusionou coa rede do Kosi, un proceso chamado ’piratería de drenaxe’. Ao facelo, canalizouse máis auga a través do Kosi, aumentando o seu poder erosivo e levando consigo máis chan e sedimentos da paisaxe. Algo que desencadeou unha maior taxa de elevación, empuxando os picos das montañas cada vez máis alto.
Para Jin-Xene dai, da Universidade de Geociencias de China e tamén coautor do artigo, "na rexión do Everest existe un interesante sistema fluvial. O río Arun, augas arriba, flúe cara ao leste a gran altura nun val plano. Logo vira abruptamente cara ao sur como o río Kosi, baixando en elevación e volvéndose máis empinado. Esta topografía única, indicativa dun estado inestable, probablemente estea relacionada coa altura extrema do Everest".
Os investigadores descubriron que o levantamento non se limita só ao Everest, senón que afecta tamén os picos veciños, incluídos o Lhotse e o Makalu, que son o cuarto e o quinto pico máis altos do mundo. Segundo o estudo, o rebote isostático aumenta as alturas destes picos nunha cantidade similar á do Everest, aínda que Makalu, situado máis preto do río Arun, estaría a experimentar unha taxa de elevación lixeiramente maior.
"O Monte Everest e os seus picos veciños -di pola súa banda Matthew Fox, outro dos membros do equipo- están a medrar porque o rebote isostático elévaos máis rápido do que a erosión os desgasta. Podemos velos crecer uns dous milímetros ao ano utilizando instrumentos GPS e agora entendemos mellor que é o que impulsa este crecemento".
Para Xu Han, autor principal do artigo, "a altura cambiante do Monte Everest realmente resalta a natureza dinámica da superficie da Terra. A interacción entre a erosión do río Arun e a presión ascendente do manto da Terra dálle ao Monte Everest un impulso, empuxándoo máis alto do que estaría doutra maneira"
FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios