ATOPAN NA FONSAGRADA (LUGO) FÓSILES DE ESCORPIÓNS MARIÑOS XIGANTES DE HAI 434 MILLÓNS DE ANOS
Na esquerda, reconstrución artística do escorpión xigante. Na dereita, fósil dun fragmento cutirular de euriptérido atopado na Fonsagrada / Wikipedia/Juan Carlos Gutiérrez-Marco.
No Silúrico, un período de tempo pertencente á era do Paleozoico, apareceron os primeiros peixes cartilaxinosos e os tiburóns espiñentos. As plantas terrestres só se atopaban nas rexións pantanosas, e os mares cálidos cubrían a meirande parte das masas de terra no ecuador do planeta. Coa chegada deste período, hai 443,8 millóns de anos, os glaciares retiráronse cara o Polo Norte, ata case desaparecer. Isto fixo que aumentara o nivel dos océanos, deixando para o futuro unha chea de rexistros de sedimentos mariños agochados nas rochas de todo o mundo. Aínda non existía Europa: a Península Ibérica e Galicia pertencían ao continente de Gondwana.
Na aldea de Ortigoso, na Fonsagrada, aínda permanecen baixo a rocha os tesouros do Silúrico. Se cadra, o máis impresionante é o que vén de ser anunciado polo paleontólogo do CSIC Juan Carlos Gutiérrez-Marco e outros colaboradores da Arxentina e Italia. Os investigadores descubriron recentemente fósiles mariños de escorpións xigantes no municipio lugués: os euriptéridos atopados en Galicia pertencen ao grupo dos maiores artrópodos mariños coñecidos ata o momento. O achado destes fósiles é excepcional: a causa da fraxilidade do seu exoesqueleto, en condicións normais os restos adoitaban desaparecer en días. Segundo Gutiérrez-Marco, os resultados da Fonsagrada revelan que a comunidade, dun xeito contrario ao que se pensaba ata o de agora, podería gardar importantes rexistros do pasado aínda sen explotar.
Pregadura modo de escamas na superficie do exoesqueleto do escorpión xigante / Juan Carlos Gutiérrez-Marco
No 2014, Gutiérrez-Marco recibiu unha inesperada chamada dun compañeiro profesor de instituto. Nunha pequena aldea da Fonsagrada, o médico, quen tamén era o Alcalde do municipio, atopara fósiles que poderían resultar de interese para a comunidade científica e outros moitos segmentos de rocha que poderían albergar máis restos. Naquel momento, o paleontólogo galego afincado en Madrid traballaba noutro proxecto e non tiña moito tempo para adicarse a un traballo extra. Porén, picoulle a curiosidade, e así comezou a aventura.
Tivo a sorte de contar coa axuda do xeólogo Enrique Bernández, a quen o científico do CSIC define como “un auténtico marine da paleontoloxía”. Nas recorrentes viaxes de Bernández a Asturias, aproveitaban a ocasión para recoller as mostras de interese e así estudar a existencia de posibles fósiles. Segundo conta o galego, o ollo vaise facendo experto a miúdo que gaña experiencia: “Ás veces pénsase que os fósiles están aí, na superficie da rocha, pousando a súa ollada sobre nós, máis é un pouco máis complexo. Trátase de estudar en que rexións é máis probable atopar estes restos e, grazas ao coñecemento e á práctica, vas atopando os lugares onde podería agocharse o tesouro”. Porén, e tal como subliña o galego, atopar esta cantidade de rexistros e afloramentos de interese fósil sería imposible sen a colaboración da xente local, como Ricardo Parada e Tino Álvarez.
Moitos anos despois, este equipo conformado por Gutiérrez-Marco, Bernández e o paleontólogo italiano Paolo Serventi anuncia un achado sen precedentes para a comunidade científica en Galicia: trátase dos primeiros rexistros fósiles de fragmentos cuticulares de euriptéridos no noroeste peninsular, atopados na aldea de Ortigoso e que contan cunha antigüidade de 434 millóns de anos. Os eruptéridos son coñecidos como escorpións mariños xigantes debido á súa fisionomía semellante. Podían chegar a medir ata tres metros de lonxitude e, malia que se extinguiron a finais do Paleozoico, seguen ostentando o récord de acadar os maiores tamaños entre os artrópodos.
Aínda que os euriptéridos acadaron unha ampla distribución xeográfica no Paleozoico, explica o paleontólogo, atopar rexistros fósiles é bastante excepcional: “O exoesqueleto destes escorpións albergaba unha concentración de carbonato cálcico moi baixa. Isto favorecía que os restos desapareceran nun período de tempo moi curto, normalmente días”.
A isto súmaselle que a rexión de Galicia é moi antiga dende o punto de vista xeolóxico: a meirande parte das rochas pertencen ao Paleozoico. Ao longo da súa historia, o territorio que hoxe conforma a comunidade estivo exposto aos choques entre as placas tectónicas continentais e, debido ás altas presións e ás altas temperaturas, perdéronse moitos rexistros fósiles: “Seguramente en Galicia houbo dinosauros, igual que noutros territorios. Sinxelamente, aquí non se deron as circunstancias para que os fósiles prosperaran co paso do tempo”, reflexiona Gutiérrez-Marco.
Ademais dos restos de escorpións mariños xigantes, o equipo identificou máis de cen restos, algúns máis comúns, como os trilobites, e outros moi significativos, como é o caso de dúas posibles novas especies de cefalópodos: unha delas correspóndese co xénero Serpagliocera, e ata o de agora só se describira nunha rexión dos Alpes italianos. A outra, subliña o investigador do CSIC, podería ser o representante máis antigo de Kopaninoceras.
Exoesqueleto de Kopaninoceras colonizado post mortem por briozoos / Juan Carlos Gutiérrez-Marco.
Porén, un dos aspectos máis satisfactorios do traballo feito polo equipo é, segundo o paleontólogo, axudar a derrubar o mito de que Galicia é un territorio sen fósiles de épocas tan antigas: “Queremos aproveitar a ocasión de ter estas Xornadas Españolas de Paleontoloxía na Coruña para compartir o achado con todos os paleontólogos e paleontólogas do país e axudar así a que non se herde esta idea errónea”.
FONTE: Lucia Casas/gciencia.com
0 comentarios