Blogia
vgomez

EVENTOS ASTRONÓMICOS DO 2025

O 2025 comezou cun fenómeno espectacular: as auroras boreais tinguiron de rosa os ceos galegos durante a primeira noite do Aninovo. Pero que outros eventos astronómicos se poderán observar no firmamento de Galicia nos próximos meses? O Observatorio Astronómico Nacional (OAN) indica que serán visibles dúas eclipses totais de lúa e unha parcial de sol, ademais das principais chuvias de meteoros como as cuadrántidas, que aínda se poden apreciar ata o día 12 de xaneiro.

Considérase unha eclipse cando un obxecto astronómico escurece temporalmente ao pasar un corpo ou a súa sombra entre o propio obxecto e o observador. Este ano os galegos poderán apreciar tres eclipses: dúas totais de lúa e un parcial deol.

Eclipse parcial de Sol

O primeiro destes eventos terá lugar o 14 de marzo. Será unha eclipse total de Lúa que será visible en gran parte do mundo e en todo o territorio galego. A súa observación pódese realizar a simple vista “xa que non implica ningún tipo de perigo nin require instrumentación especial”, destacan dende o OAN. O fenómeno terá o seu punto máximo ás 07:58 horas, segundo os datos da institución.

Poucos días despois terá lugar a única eclipse parcial de Sol visible en Galicia. Será o 29 de marzo e alcanzará unha magnitude máxima superior ao 0,4 no territorio galego. Se se realiza a súa observación dende a provincia de Lugo poderase ver un escurecemento maior que dende outras áreas galegas. O evento acontecerá entre as 10:45 e as 12:38 horas e o punto máximo darase ás 11:40 horas.

Malia que este ano serán parciais, o observatorio nacional avanza que o 12 de agosto de 2026 poderase ver unha eclipse solar total nas provincias da Coruña e Lugo. En Pontevedra e Ourense non se chegará a apreciar o total escurecemento do astro.

Si será visible dende a meirande Galicia a eclipse total de lúa do día 7 de setembro deste ano. Durante a noite dese domingo o satélite terrestre non estará completamente escuro senón que se tinguirá dun matiz vermello debido a que a luz solar será desviada pola atmosfera. “No extremo máis occidental o fenómeno finalizará antes da saída da lúa polo que só será visible o final da fase parcial”, advirte o OAN.

Fenómenos de xaneiro

Onte, día 4 de xaneiro, a Terra viviu o seu perihelio, o punto no que está máis preto do Sol. Ademais, a institución nacional avanza que durante este mes será posible ver catro planetas no firmamento: Venus, Marte, Xúpiter e Saturno durante o solpor. Pola contra, no amencer será posible observar Mercurio e tamén Marte.

Chuvias de meteoros: máis que as Perseidas

A chuvia de meteoros é o fenómeno resultante da penetración dunha gran cantidade de partículas de material na atmosfera a gran velocidade. Após do punto máximo das Cuadrántidas, que tivo lugar a noite do 3 de xaneiro —aínda se poden desfrutar ata o día 12— Galicia poderá observar outras moitas chuvias de estrelas este ano.

As seguintes serán as Líridas —entre o 14 e o 30 de abril—, cuxo punto máximo será o día 22 dese mes. De xeito simultáneo tamén se poderán observar as Eta Acuáridas —entre o 19 de abril e 28 de maio—, cuxo día chave será o 6.

Pola súa banda, as Delta Acuáridas daranse entre o 12 de xullo e o 23 de agosto, malia que terán unha velocidade e ritmo cenital menor ás súas homónimas anteriores. Durante o final de verán producirase a chuvia de estrelas máis popular: as Perseidas. A súa visibilidade será entre o 17 de xullo e o 24 de agosto, pero o punto álxido será o día 12, con máis de 100 meteoros por hora.

Durante o outono e inverno será a quenda das Dracónidas —entre o 6 e 19 de outubro—, as Oriónidas —do 2 de outubro ao 7 de novembro—, as Leónidas —entre o 6 e 30 de novembro—, as Xemínidas —do 4 ao 20 de decembro— e as Úrsidas —do 17 ao 26 de decembro— pecharán as principais chuvias de estrelas desde 2025.  

FONTE: Gloria Montenegro/gciencia.com

0 comentarios