Mary-Claire King: Premio Princesa de Asturias Investigación Científica e Técnica (XLV edición)
Mary-Claire King, no seu laboratorio / UW Medicine
O xurado do Premio Princesa de Asturias Investigación Científica e Técnica decidiu entregar o galardón á xenetista estadounidense Mary-Claire King (Wilmette-Illinois - 27 de febrero de 1946). A científica é coñecida polo descubrimento do primeiro xene relacionado co cancro de mama, e o seu posterior traballo na identificación de vítimas da ditadura Arxentina comparando o ADN de avós e netos.
As investigacións de King sobre a orixe xenética do cancro de mama nos anos 90 do século pasado levárona a identificar e nomear o xene BRCA1, que multiplica o risco de sufrir este tipo de tumor. O seu traballo e o doutros investigadores neste campo acabou identificando o xene BRCA2, relacionado con tumores de mama e ovario. As proteínas que codifican estes xenes reparan o ADN danado e manteñen a saúde celular. Cando estes xenes fallan, pérdese esa protección xenética e aumenta o risco de cancro. O achado de King foi fundamental para facer un diagnóstico temperán e tomar decisións para o seu tratamento.
Nos anos 80, King axudou a identificar os nenos roubados durante a ditadura arxentina (1976-1983). A investigadora desenvolveu unha técnica para analizar o ADN mitocondrial, que se herda de nais a fillas, que permitía demostrar quen eran os avós dos nenos que foron apartados dos seus pais, en moitos casos asasinados pola xunta militar. O traballo de King axudou a reunificar máis de 100 familias.
Posteriormente, o goberno arxentino pediulle axuda para identificar restos de persoas asasinadas. King aplicou o mesmo enfoque e logrou dar nome a persoas asasinadas e enterradas en fosas comúns a través da análise do ADN conservado na pulpa dos dentes, mesmo décadas despois.
“A ciencia é neutra, pódese usar para ben ou para mal, e este é un exemplo paradigmático do poder que ten a ciencia para axudar a causas xustas polos dereitos humanos”, dixo King en 2023 durante unha visita a Arxentina na que foi homenaxeada polo seu traballo.
Este galardón científico está destinado, segundo sinala o seu regulamento, a galardoar “o labor de cultivo e perfeccionamento da investigación, descubrimento e/a invención na astronomía e a astrofísica, as ciencias médicas, as ciencias tecnolóxicas, as ciencias da Terra e do espazo, as ciencias da vida, a física, as matemáticas e a química, así como das disciplinas correspondentes a cada un dos devanditos campos e das técnicas relacionadas con elas”.
As deliberacións na categoría científica comezaron este mércores en Oviedo, cun xurado de 17 membros presidido polo físico Pedro Miguel Echenique, no que figuraban a bióloga Cristina Garmendia, a matemática Peregrina Quintela, o xenetista Ginés Morata e o paleoantropólogo Juan Luis Arsuaga. Nesta ocasión, ao galardón optaban un total de 59 candidaturas de 23 nacionalidades.
O de Investigación Científica e Técnica é o sétimo dos oito galardóns en fallarse na XLV edición dos Premios Princesa de Asturias. A cerimonia de entrega, como é tradicional, celebrarase no mes de outubro nunha solemne cerimonia presidida polos reis no Teatro Campoamor de Oviedo, acompañados pola princesa Leonor e a infanta Sofía.
FONTE: Nuño Domínguez/elpais.om
0 comentarios