O custo económico global das especies invasoras podería ser ata 1.600 veces máis do que se estimaba
A avelaíña do tomate (Tuta absoluta) é unha especie de orixe suramericana que provoca cuantiosos danos aos cultivos. É unha das especies invasoras que ocasionan máis danos económicos a nivel global / Patrick Clement (Wikimedia Commons
O impacto económico global das especies invasoras podería superar, nalgúns casos, en máis dun 1.600 % as estimacións previas, con custos que alcanzarían os 35.000 millóns de dólares anuais durante o últimas seis décadas. É o que conclúe un estudo internacional publicado en Nature Ecology & Evolution que conta coa participación da Estación Biolóxica de Doñana–CSIC. Os resultados, baseados en datos de 162 especies invasoras de distintas partes do mundo, evidencian os danos potenciais e poderían contribuír a que os países planifiquen estratexias de xestión máis rendibles.
“As especies invasoras son un dos principais factores de perda da biodiversidade no mundo. Ademais, custan miles de dólares ás economías mundiais, por exemplo, en danos á agricultura, á saúde, ou á seguridade dos alimentos e da auga”, explica Elena Angulo, investigadora da Estación Biolóxica de Doñana e unha das autoras do estudo.
As invasións biolóxicas supoñen unha ameaza mundial para a biodiversidade, os servizos ecosistémicos e as economías, e estiveron implicadas no 60% das extincións documentadas a nivel mundial. As estimacións previas sobre os custos monetarios asociados ás especies invasoras baseábanse nuns poucos custos documentados nun número limitado de países, principalmente de Europa e América do Norte. Isto deu lugar a unha importante subestimación do impacto económico, especialmente en rexións con menor cobertura de datos, como África e Asia.
Para ofrecer unha representación máis precisa dos custos a escala mundial, o equipo científico combinou os custos estimados (incluídos os danos á agricultura e os gastos de xestión) a escala nacional de 162 especies invasoras, con modelos da súa distribución mundial. Entre elas figuraban especies como o mosquito tigre asiático, a árbore do ceo e a ra touro americana.
A continuación, o equipo científico modelizou os custos destas especies noutros países, incluídos 78 dos que non se dispoñía de datos sobre custos, como Bangladesh, Costa Rica, Chipre e Exipto. Calcúlase que os custos globais totais ascenden a uns 35.000 millóns de dólares anuais nos últimos 60 anos, unha cifra comparable aos custos económicos derivados de fenómenos meteorolóxicos extremos relacionados co cambio climático.
“Os datos dos que partimos son robustos e ademais tivemos en conta e calculado a superficie de hábitat favorable que ocupa cada unha desas especies en cada país, e o características socio-económicas de cada país”, explica Angulo. “Isto último é importante, xa que cada país ten unha diferente capacidade para facer fronte ás especies invasoras, e os danos que sofren van depender das súas propias características sociais e da actividade dos seus sectores económicos.”
Os custos totais máis elevados neste período rexistráronse en Europa (estimados en 1.584 millóns de dólares), seguida de América do Norte (226 millóns) e Asia (182 millóns). As plantas invasoras (como o arbusto bolboreta, o xacinto de auga e a prímula de auga) foron o grupo co custo total estimado máis elevado nos últimos 60 anos (926.380 millóns de dólares). Por exemplo, calcúlase que o impacto ambiental da planta de acacia negra custou a Sudáfrica 2.000 millóns de dólares. Os artrópodos (830.290 millóns de dólares) e os mamíferos (263.350 millóns) foron os seguintes grupos con maiores custos totais estimados.
A nivel global, entre as especies que causan maiores custos atópanse o xacinto de auga (Pontederia crassipes), o visón americano (Mustela vison), a avelaíña do tomate (Tuta absoluta), o gato doméstico (Felis catus) ou o trips das flores (Frankliniella occidentalis).
“O estudo mostra que o custo económico multiplícase cando realizamos estas estimacións”, sinala Angulo. “Na miña opinión, o verdadeiramente relevante non é a cifra exacta, senón o rango tan elevado de perdas económicas, que poderían evitarse mediante un maior investimento en ferramentas eficaces de prevención, detección temperá e erradicación”.
Os resultados desta investigación permiten mellorar a comprensión dos custos financeiros asociados ás especies invasoras a escalas nacionais e poñen de relevo a urxente necesidade de estratexias e políticas de xestión específicas para cada rexión co fin de mitigar os efectos das especies invasoras en todo o mundo.
O estudo estivo liderado por Ismael Soto da Universidade de Bohemia do Sur en República Checa e Brian Leung da Universidade McGill de Canadá e conta coa participación de 21 centros de investigación e universidades de 12 países de Europa, América do Norte, Sudamérica, África e Oceanía.
FONTE: ebd.csic.es
0 comentarios