Blogia
vgomez

Celtas ou romanos? Viaxe ás raíces da identidade galega

A pregunta leva anos formando parte dos debates de historia: os galegos e as galegas, somos celtas ou somos romanos? A imaxe dos nosos antepasados con torques ao pescozo e vivindo en castros nos cumios máis altos da nosa terra leva décadas instalada no imaxinario colectivo. No século XIX, Manuel Murguía contribuíu a darlle máis pulo a esta idea, destacando as orixes celtas de Galicia, unha orixe que xa era considerada desde o século XVII. Con todo, cando se lle pregunta á historia e á arqueoloxía, a resposta complícase. Porque, malia que o noso pasado celta é innegable, o peso de Roma na nosa identidade é maior do que ás veces se cre.

É un tema extraordinariamente complexo. Eu creo que a idea que ten a maior parte da xente, e isto a pesar dos avances que houbo na investigación, é que nós, a pesar de que non hai dúbida de que fomos conquistados por Roma e formamos parte do Imperio Romano, practicamente non cambiamos nada. É dicir, os romanos non nos transformaron”, comenta Dolores Dopico, profesora do Departamento de Historia Antigua da USC. “Isto pénsase sobre todo porque o que ve a maior parte da xente é que nesa época seguimos vivindo en castros. Con todo, a maior parte da cultura material  (o tipo de asentamentos, de cerámica, de ornamentacións) que chegou ata nós e da que bebemos hoxe, non é celta. É dicir, podemos dicir que tivemos influencias deste pobo, pero non podemos dicir que somos celtas”.

Para Dopico, outra das grandes razóns pola que en Galicia a maior parte das persoas seguen pensando que Roma non tivo influencia en nós, é o feito de que se adoita asociar a romanización con grandes restos monumentais. Edificios emblemáticos, como o teatro de Mérida ou o acueduto de Segovia acostuman ser no que se pensa cando imaxinamos a pegada deste Imperio nas cidades. Con todo e aínda que en menor medida, en Galicia si que existen exemplos disto, como pode ser a Torre de Hércules ou Lucus Augusti, a actual Lugo.

É que antes da chegada de Roma, no noroeste non había cidades. Lucus Augusti foi fundada directamente polo poder imperial, igual que ocorreu na Galia ou en Bretaña. Non foi unha aldea que medrase, é que xurdiu de cero”, destaca Dopico. “ E despois está tamén o cambio político. Coa chegada de Roma, adoptamos o dereito romano, pagamos impostos, ata comezamos a usar determinados materiais de construción e empezamos a comer certos alimentos que antes non se tiñan en conta”, lembra.

E está tamén a lingua que falamos. O mundo castrexo era ágrafo. Non escribía. Roma trouxo o latín, unha lingua que permitía expresar ideas abstractas e que chegou ata nós a través da escritura. Grazas a ela, hoxe conservamos inscricións funerarias tan humanas como a dunha nai de Lugo que chama ‘infeliquísima’ á súa filla falecida aos 18 anos. Mesmo o noso nome, Galicia, é herdanza romana: Gallaecia, é o termo co que o Imperio bautizou este territorio castrexo, que co tempo se convertería no que utilizamos hoxe.

Gallaecia era un máis dos moitos pobos que había no noroeste da Península, pero os romanos tomaron o seu nome para denominar toda esta área”, engade Dopico. “Así que foron eles os que realmente deron unha certa identidade a esta zona que tiña unha cultura común, a castrexa, que chegaba ata o Duero. É dicir, a Galicia actual e un pouco máis”.

Os elementos celtas están aí, pero non definen por completo a nosa historia. Para expertas como Dopico non somos un ‘celtismo puro’, senón unha mestura de influencias, con Roma como un dos piares principais.

Claro que temos elementos celtas. Pero non podemos identificarnos cun celtismo puro e duro”, recalca Dopico. “O que somos é o resultado de moitas influencias. E por suposto que fomos conquistados por Roma que eran imperialistas e se aproveitaron de nós. Pero tamén nos deixaron outras cousas. E aínda que o pasado non podemos cambiar, si podemos decidir que queremos ser no futuro. E iso é importante. Poder decidir que valores queremos manter e transmitir”.

En definitiva, Galicia é un mosaico formado por celtas, romanos e moito máis. É unha terra feita de capas, de influencias, de historias cruzadas. E a súa identidade, coma a súa historia, segue aberta e aínda está por escribir.

FONTE: Elena Martín/gciencia.com

0 comentarios