Dez científicas galegas que deberías coñecer (III)
Continúo coa serie adicada as científicas galegas que foron innovadoras e pioneiras, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, celebrado o pasado día 11.
Olga Moreiras Tuni
Olga Moreiras Tuni (Vigo, 1933—Madrid, 2012) trasladouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Comercio. Posteriormente converteuse en técnica de Bromatoloxía na Universidade Complutense. Tras o seu traslado a Granada por mor do traballo do seu home, decidiu estudar a carreira en Farmacia. Cando regresa a Madrid, realiza o doutoramento nesta disciplina. Logra unha praza de catedrática de Nutrición e Dietética na Complutense. É recoñecida polo deseño de táboas de composición de alimentos e por realizar as primeiras enquisas sobre alimentación. Liderou proxectos europeos, así como outros liderados por Estados Unidos, a OCDE e a FAO.
María Teresa Miras Portugal
María Teresa Miras Portugal (O Carballiño, 1948—Madrid, 2021) iniciou a carreira de Farmacia en USC ata que se trasladou a Madrid e logrou o título en 1970 con Premio Extraordinario Fin de Carreira. Polo seu brillante expediente foi recoñecida con varios galardóns. En 1971 trasladouse a Estrasburgo para realizar a súa tese de doutoramento no Centre de Neurochimie do CNRS e logrou o título en 1975. Cando volveu a España comezou a súa carreira no Instituto Afonso X O Sabio do CSIC e como investigadora na Facultade de Farmacia da Complutense. Despois de gañar prazas en Oviedo e en Murcia, regresa á capital española. Publicou máis de 380 traballos de investigación en neuroloxía, e con repercusión no estudo das enfermidades neurodexenerativas. Foi a primeira muller presidenta dunha Real Academia do Instituto de España desde a súa creación no século XVIII.
María del Portal Panisse Ferrer
María del Portal Panisse Ferrer (A Coruña, 1914—Santiago de Compostela, 2001) foi unha peza fundamental na Compostela do franquismo porque defendeu a saúde sexual e reprodutiva das mulleres nunha época de profunda represión. Chamada popularmente a “boticaria da liberdade”, naceu nunha familia liberal e culta. Como non se podía trasladar a Santiago a estudar Bioloxía, decidiu cursar Químicas na USC. Conseguiu o título en 1937 e, despois, decidiu estudar Maxisterio. Traballou como mestra, pero tras detectarlle unha grave enfermidade ao seu home decidiu estudar Farmacia. En 1957 abriu unha botica na rúa Fonseca onde comercializou a pílula anticonceptiva sen receita médica.
Continuará...
FONTE e Imaxes: gciencia.com
0 comentarios