XII PREMIOS FRONTEIRAS DO COÑECEMENTO 2019. CATEGORÍA BIOLOXÍA E BIOMEDICINA
Os investigadores estadounidenses David Sabatini e Michael Hall / FBBVA
A principal marabilla que deu a chilena Illa de Pascua non foron as súas moáis, esas xigantescas estatuas monolíticas ergueitas no medio do océano Pacífico, senón unha molécula: a rapamicina, illada das bacterias do seu chan en 1972. A rapamicina (bautizada así polo nome nativo da illa, Rapa Nui) é un presunto santo graal: alonga a vida de ratos, moscas e vermes, e prevén enfermidades asociadas ao envellecemento, como o cancro, en roedores, cans, monos e mesmo humanos. Hoxe, os dous descubridores do mecanismo da rapamicina, os estadounidenses Michael Hall e David Sabatini, foron galardoados co Premio Fronteiras do Coñecemento da Fundación BBVA, na categoría de bioloxía e biomedicina.
Michael Hall (San Xoán de Porto Rico, EE UU, 1953), doutorouse no Departamento de Microbioloxía e Xenética Molecular da Universidade de Harvard en 1981. Tras realizar investigación posdoctoral no Instituto Pasteur de París e na Universidade de California en San Francisco, en 1987 incorporouse ao Biozentrum da Universidade de Basilea, institución onde exerce como catedrático de Bioquímica desde 1992 e da que foi vicedirector en dúas ocasións. Descubriu a proteína chamada Diana de Rapamicina en 1991, investigando con células de fermento.
David Sabatini (Nova York, EE UU, 1968) licenciouse en Bioloxía pola Universidade Brown e licenciouse e doutorou en Medicina pola Universidade Johns Hopkins en 1997. Ese mesmo ano incorporouse ao Instituto Whitehead, unha división do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) centrada na investigación básica en biomedicina. En 2002 converteuse en membro do Whitehead e integrouse tamén no MIT, onde hoxe é catedrático de Bioloxía. El detectouna en mamíferos en 1994, cando aínda era un estudante moi novo.
A proteína, coñecida como mTOR (mammalian Target of Rapamycin), funciona como un interruptor que se acende cando hai nutrientes e permite o crecemento das células. Ata o 60% dos tumores malignos ten a súa orixe na activación anómala deste interruptor. Esta proteína controla unha multitude de reaccións en fervenza, en función dos nutrientes dispoñibles. A rapamicina pode bloquear este proceso, enganando ás células, que actúan coma se non houbese alimento. Este efecto é a gran esperanza para alongar a vida humana. Xa en 1935, o equipo do bioquímico estadounidense Clive McCay descubriu que os seus ratos vivían un 50% máis se comían menos, dando lugar á chamada dieta da restrición calórica. Potencialmente, a rapamicina podería equivaler a comer menos e vivir máis.
Parabéns!
FONTE: premiosfronterasdelconocimiento.es e elapsi.es/ciencia
0 comentarios