Nova ameaza para a píllara das dunas: as chuvias intensas reducen a súa supervivencia
A píllara das dunas é unha ave catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia / Wikimedia Commons
A píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus) é unha ave catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia, cun risco moi alto de extinción en estado silvestre. Trátase dunha especie que nidifica sobre todo en praias areosas con pouca cobertura vexetal, como os sistemas dunares. Por iso, entre as causas do seu estado crítico atópanse a perda de hábitat, a presión turística durante os meses de verán (coincidindo coa súa época de reprodución, entre marzo e agosto), a presenza de cans e os sistemas de limpeza dos areais. Con todo, súmase agora un factor ata o de agora pouco coñecido que pode afectar á súa supervivencia: as precipitacións.
Un estudo liderado polo Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con ornitólogos independentes, e publicado en Birds, revela que as condicións meteorolóxicas máis adversas reducen a supervivencia anual aparente da píllara das dunas, o que pode “provocar cambios nas súas tendencias poboacionais”, segundo sinala a investigadora. Este feito resulta especialmente relevante en praias galegas, como A Lanzada, cun clima caracterizado pola elevada frecuencia de precipitacións.
“A poboación está en declive, aínda que nos últimos anos houbo un lixeiro aumento”, indica Gestoso. Este incremento responde aos obxectivos do Plan de conservación da píllara das dunas da Xunta de Galicia, aprobado en 2014, que inclúe medidas como a instalación de gaiolas de protección para os niños, limitacións no acceso de animais domésticos sen correa e o control de determinadas actividades deportivas e de limpeza. Con todo, esta investigación, que abrangue case tres décadas de observación, permite analizar a evolución da especie a partir de 375 exemplares adultos rexistrados en 62 praias da costa noroeste peninsular, utilizadas para a cría e/ou invernada.
O estudo analiza a supervivencia da especie en función da precipitación anual acumulada e do número de días con refachos de vento superiores aos 60 quilómetros por hora. Os resultados amosan unha influencia negativa das precipitacións sobre a supervivencia da píllara das dunas. “A supervivencia foi menor entre 2012 e 2014, coincidindo cun período de condicións climáticas extremas na costa galega, con abundantes tormentas“, explica Andrea Gestoso. Como consecuencia, produciuse unha notable diminución no número de parellas reprodutoras. Pola contra, o vento non mostrou un efecto significativo sobre a supervivencia das aves. Non obstante, fenómenos máis intensos, como os furacáns, si poden ter un impacto máis acusado, aínda que son pouco frecuentes en Galicia.
Aínda que o estudo non analiza de forma directa os efectos concretos dos fenómenos meteorolóxicos, Gestoso indica que, en liña con outras investigacións sobre aves, estes poden dificultar a alimentación, aumentar o estrés, obrigar aos desprazamentos ou mesmo provocar a morte. A dispoñibilidade de alimento tamén pode verse afectada, xa sexa pola redución das presas (principalmente crustáceos, lombrigas e moluscos) ou pola dificultade para capturalas debido á baixa visibilidade durante episodios de chuvia. Ademais, estes factores poden influír en distintas fases do ciclo vital da especie, desde a supervivencia dos niños ata a dos exemplares adultos.
Para analizar esta evolución, o equipo realizou censos regulares durante a tempada de cría, entre marzo e agosto, en praias potenciais ou confirmadas, e posteriormente ampliou o estudo ás zonas de invernada. A metodoloxía principal baséase no anelamento, que permite o seguimento individual dos exemplares. “Sempre tratamos de ter anelado o maior número posible de individuos”, sinala a investigadora. Ademais, incluíron rexistros de aves marcadas observadas fóra destas áreas por outros colaboradores.
Os datos meteorolóxicos empregados abranguen o período entre 1994 e 2023, considerando os doce meses de cada ano. Proceden principalmente da rede de estacións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), especialmente da situada en Fisterra, e foron complementados con información de Cabo Vilán, Estaca de Bares e A Coruña nos anos con rexistros incompletos.
A investigación tamén analiza o impacto de verteduras como a do Prestige. Para iso, diferenciáronse catro fases: o período previo (1994-2002) e tres etapas posteriores (2003-2007; 2008-2015; 2016-2023). “O Prestige provocou unha lixeira diminución“, apunta Gestoso. Ademais, detectouse un efecto negativo na masa corporal das femias, máis acusado ca nos machos.
O cambio climático preséntase como un factor que pode agravar esta situación. Espérase unha maior variabilidade climática, con eventos extremos que inclúan tanto secas severas como precipitacións torrenciais, así como un incremento significativo na frecuencia e intensidade das chuvias na Península Ibérica. “Non podemos atribuír todo ao cambio climático, pero é previsible un aumento das precipitacións extremas“, sinala a investigadora. En Galicia, a isto súmanse as anomalías de temperatura e o quecemento da superficie do mar, factores que favorecen a intensificación das tormentas e que poden ter consecuencias nunha especie xa de por si vulnerable.
“O impacto das precipitacións debe interpretarse en combinación con factores ambientais e antropoxénicos, nunca de forma illada“, sinala Andrea Gestoso. Entre estes destacan o uso intensivo das praias —como o pisoteo dos ecosistemas dunares— e a presenza de cans sen control: “Moita xente non os leva atados; con iso xa se podería avanzar moito”.
A investigación, feita dende Galicia, subliña a importancia do seguimento demográfico a longo prazo para comprender como factores como as precipitacións ou a contaminación costeira inflúen nas poboacións da píllara das dunas ao longo dos anos. Ademais, no caso das verteduras de petróleo, os investigadores reclaman a “implementación de medidas de resposta rápida e restauración do hábitat” a fin de garantir a viabilidade a longo prazo da especie.
FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com
0 comentarios