Unha nova xoia para Galicia: así apareceu o primeiro exemplar de Lamprodila festiva
Galicia sumou un novo habitante á súa biodiversidade: o escaravello xoia Lamprodila festiva / Wikimedia Commons
O 7 de setembro de 2023, Galicia sumou un novo habitante á súa biodiversidade: o escaravello xoia Lamprodila festiva. A descuberta foi realizada polo equipo de investigadores da Universidade de Vigo formado por Alejandro Polina, Yasmina Martínez Barciela e Josefina Garrido, que documentaron por primeira vez a presenza desta especie no territorio galego. O achado resultou ser fortuíto: o exemplar apareceu na casa dun particular no barrio vigués de Teis.
Os investigadores traballaban nun proxecto de vixilancia entomolóxica de vectores (insectos capaces de transmitir enfermedades, como o mosquito) cando foron quen de atoparse con este chamativo insecto. “Comentounos que o seu ciprés se estaba comezando a secar”, explica Alejandro Polina, investigador principal do paper. Durante a inspección das ramas danadas, descubriron un pequeno insecto de cor verde metálico con pintas azuladas: a súa tonalidade brillante e o seu tamaño, duns 8 a 10 milímetros, chamaron de inmediato a atención do equipo.
Tras a consulta de fontes especializadas, confirmaron que non existían rexistros previos desta especie en Galicia. “Dar a coñecer o primeiro rexistro dunha especie nun territorio é sempre importante para a biodiversidade e para a comunidade científica” destacou o entomólogo.
A identificación definitiva realizouse coa axuda de Josefina Garrido, experta en coleópteros, que empregou unha chave dicotómica da familia Buprestidae para determinar a especie con precisión. Polo momento, Lamprodila festiva aínda non conta cun nome común en galego recollido na ferramenta AChave da Xunta de Galicia, mais o seu descubrimento xa enriquece o catálogo de especies presentes na comunidade.
Aínda que a distribución natural deste escaravello se concentra na contorna mediterránea, todo indica que Galicia tamén forma parte do seu rango de presenza natural, segundo explica o investigador da Universidade de Vigo. “Ata o de agora non se localizara porque tampouco existen estudos concretos sobre os buprestidos”, sinala, facendo referencia á familia á que pertence a Lamprodila festiva.
O aumento das temperaturas nas zonas do norte podería ser unha das causas que favorecen a súa expansión pola península ibérica. Ademais das poboacións xa rexistradas en España, Francia e Italia, nos últimos anos detectouse a súa presenza en países de Europa do Leste, como Romanía, e mesmo en rexións máis setentrionais, como Rusia.
“Dá a sensación de que está comezando a espallarse”, comenta o entomólogo galego. Isto pode deberse tamén ao transporte de mercadorías, especialmente á exportación de cipreses, unha das árbores nas que este insecto pode instalarse. As larvas, ocultas no interior das ramas, viaxarían así a novas localizacións.
Aínda que o equipo non realiza un seguimento específico desta especie, xa que non é a súa área de investigación, existen bases de datos abertas ao público onde se rexistran os achados de distintos insectos, como iNaturalist. A raíz da detección do exemplar en Teis, apareceron novos rexistros en Tomiño e na comarca de Pontevedra. “É bastante probable que esta especie estea xa establecida en Galicia”, aclara Alejandro Polina.
O principal risco que presenta a Lamprodila festiva está vinculado á súa relación coa familia das Cupresáceas, como os cipreses. Nos estadios inmaturos dos coleópteros, as femias poñen os ovos nas fendas da cortiza destas árbores. A eclosión prodúcese nun período que pode variar entre unha e tres semanas, ou mesmo un mes, momento no que as larvas xa se atopan no interior da cortiza, sobre todo nas ramas, onde se alimentan.
Durante este proceso, o escaravello vai creando cavidades no interior das ramas, o que pode interromper o fluxo de zume. Ao dificultar o transporte dos nutrientes, a árbore comeza a perder forza. “Se hai unha elevada cantidade de larvas, pode chegar a súa provocar a morte”, explica Polina.
Unha vez que as larvas completan o seu desenvolvemento, entran no chamado “estadio de pupa”, que dura entre un e dous meses. Neste tempo prodúcese a metamorfose e xorden o adultos, que abandonan a árbore para reproducirse noutras ramas ou noutros exemplares, reiniciando así o ciclo vital.
Como acontece con calquera especie que incrementa a súa poboación sen control, a súa presenza pode causar episodios de infestación puntual en determinadas plantacións. “O problema dáse en masas concretas de árbores”, explica o investigador, en referencia ás áreas ornamentais.
“Toda especie ten algún tipo de función ou implicación na cadea ecosistémica”, lembra o entomólogo da UVigo. Pero cal é o papel da Lamprodila festiva? Este escaravello pode chegar a convertese nunha praga para especies como o ciprés ou a tuia. “En Galicia, moitos cemiterios contan con plantacións masivas de cipreses”, explica Alejandro Polina. A presenza deste insecto nas fronteiras galegas, e co seu comportamento larvario, podería ter consecuencias significativas.
O problema é que as larvas se instalen nas ramas destas árbores. A tendencia a realizar plantacións densas de cipreses aumenta o perigo: se as árbores están moi próximas entre elas, o escaravello pode pasar dunha a outra, expandindo a infestación e afectando a toda a plantación.
Sobre se a chegada de Lampedila festiva a Galicia, Polina mantén cautela. “Non sei se este primeiro rexistro se debe ao cambio climático ou a que non se traballou na identificación destes exemplares”, apunta. Este feito podería explicarse pola súa predilección por árbores moi concretas e pola falta de estudos específicos: “Simplemente, ninguén lles estaba prestando atención”.
En paralelo, investigacións europeas apuntan a que o aumento das temperaturas, a globalización e o comercio masivo poderían estar favorecendo que esta especie se comporte de maneira invasora, como xa se observa en países como Romanía, onde se está estudando de preto. En todo caso, dende Galicia a situación aínda non é alarmante. O máis sensato é manter a vixilancia, sen deixar de admirar a beleza deste chamativo escaravello verde con pintas azuis.
FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com
0 comentarios