Blogia
vgomez

Os Maios, a tradición prehistórica que mantivo a súa esencia a través dos milenios

Celebración da festa na Praza de Touros. Maio pontevedrés / Francisco Zagala, ca. 1900, a través do Museo de Pontevedra

As rúas vístense de gala para celebrar a chegada de maio: pólas de exuberante vexetación, cores salpicando cada oco con intensidade e coplas apaixonadas cantadas dende a sátira e a devoción. O pasado venres non só deu inicio ao quinto mes do ano, senón que marca o festexo dos Maios, unha tradición acollida en múltiples puntos da xeografía galega e foránea.

Esta celebración, habitualmente realizada entre as semanas que pechan o mes de abril e as que abren o de maio, ten connotacións rituais de adoración divina. Porén, a súa orixe exacta é un misterio para os estudosos do tema, que, non obstante, concordan en atribuírlle o espazo central da festa a unha única entidade: a natureza. Como indica o etnógrafo Miguel Losada, responsable da área de historia da Sociedade Antropolóxica Galega, o carácter sacro dos maios ten un fondo innegablemente pagán: é un costume que precede con longa folgura á chegada do cristianismo. A súa extensa tradición popular non o escudou do escrutinio de desaprobación da Igrexa, que tratou de redirixir a fe da poboación cara ao dogma da súa relixión.

Estas cuestións volven a evolución dos maios un reflexo das crenzas e fervores da poboación. E, como é de agardar, as imaxes amosadas nese espello experimentaron varias matizacións ao longo dos séculos.

A tradición dos Maios non ten unha orixe definida. Miguel Losada explica: “O que hoxe denominamos así é a forma contemporánea dunha tradición moi antiga”. Puido estar ligada á chegada da agricultura europea por Asia Menor; así, esta festividade sería a representación do desexo de prosperidade agraria, a ilusión de deixar atrás as dificultades atribuídas ao inverno e a esperanza da revitalización da natureza.

Este día celebra unha entidade divina que entronca directamente cun paradigma moi distinto ao de hoxe en día: personifica unha divinidade da natureza, celebra o rexurdimento da vida e axuda a que a natureza provexa boas colleitas. Isto é un elemento universal compartido por comunidades humanas en moitos lugares, pero que, neste caso, ten especial incidencia nas comunidades agropecuarias europeas”, conta Losada.

O propio nome da festa apunta un dos compoñentes que aínda mantén a súa esencia: os maios. Son estruturas vexetais que materializan o poder da natureza sobrepoñéndose á invernada. O etnógrafo sinala que os maios están no espazo de transición entre a crenza de que os deuses eran seres incorpóreos capaces de adoptar calquera forma (e cando trata de representar esa divinidade podía chegar a considerarse unha blasfemia) e o punto no que se lles atribúe aparencia humana. “Por iso moitos maios son antropomorfos”, engade.

Estas estruturas buscan apelar á bondade sobrenatural: son unha ofrenda que propicia o bo trato para as comunidades que celebran o trunfo da primavera sobre os pesares do inverno.

Este evento non é exclusivo de Galicia nin da península. Existe a mesma tradición, aínda que con pequenas diferenzas, nas illas británicas, Irlanda, centroeuropa, etc. Losada pon como exemplo Suecia: “Aí aínda persiste a tradición e o costume de regalar uns ramiños de flores amarelas. Tamén en Galicia teñen moito protagonismo as xestas amarelas. Esa cor parece desempeñar un rol fundamental”. A continuidade de tradicións e detalles entre comunidades que non comparten nin lingua nin proximidade xeográfica dan parte do amplo arraigo desta tradición.

Hai documentación medieval e altomedieval na que se recolle esa citrolatría, esa veneración dos elementos vexetais da natureza e, polo tanto, das divinidades que rexen estes movementos”, comenta o etnógrafo. Hai rexistros que se remontan a unha antigüidade máis afastada: é o caso do Concilio de Elvira, unha asemblea na que a Igrexa pactou 81 cánones para rexer a moral cristiá a comezos do século IV, e que fai alusión a estas celebracións.

Ao ser unha festa tan recoñecida en tempos e lugares tan afastados, pode determinarse que ten unha antigüidade practicamente prehistórica.

Como conta o etnógrafo, a inclinación da Igrexa por resignificar, cando non erradicar, celebracións de orixe popular é sobradamente coñecida e aceptada nos estudos do pasado. O caso dos Maios non foi unha excepción: “No século XVIII, o cabildo compostelán condenou a entrada das maias [grupos que danzaban durante os maios] na catedral. En tempos de Carlos III proscribiuse vestirse para o evento [con vexetación cubrindo o individuo]. Nos séculos posteriores, en lugar de combater o rito de veneración a estas divinidades, a Igrexa transformouno nun xogo infantil, nunha actividade lúdica, nun evento cívico”, explica Losada.

Con isto, na historia recente deixouse atrás o seu afán de veneración sacra a entes sobrenaturais asociados á flora e, pola man dos dirixentes cristiáns, redirixiuse ese fervor cara a unha actividade de celebración comunitaria. Para iso, a Igrexa ampliou esta festa para extraela do grupo social ao que estivera tradicionalmente ligado: a mocidade. A xuventude, asociada á vitalidade da natureza, deixou de ser a responsable principal da preparación dos maios e, no seu lugar, achegouse este costume a outros grupos demográficos coa fin de aliñar a festividade co paradigma cristián.

A festa que hoxe coñecemos é o resultado dunha adaptación aos novos tempos e aos novos espazos sociais, tanto materiais como simbólicos. A esencia daquelas antiquísimas tradicións (neste caso cunha enorme probabilidade prehistórica)  mantense; o que cambiou só foi o accesorio. E niso está a tradición: en conservar a esencia e mudar o demais”, conclúe Losada.

FONTE: Noelia gallego/gciencia.com

0 comentarios