Blogia
vgomez

Onde están os faros da costa galega? Consúltao neste mapa interactivo

Onde están os faros da costa galega? Consúltao neste mapa interactivo

A páxina web Faros de España permite consultar a ubicación destas estruturas costeiras en Galicia.

Galicia conta con 2.555 quilómetros de litoral, o máis longo de España. Cunha importante tradición mariñeira e unha costa conformada por rías e enseadas, é o enclave perfecto para os faros, co obxectivo de guiar ás embarcacións polo mar. A raíz da curiosidade por localizar estas estruturas costeiras, aparece a páxina web Faros de España, que permite coñecer onde se atopan 919 faros, 97 deles principais, na península, Canarias e Baleares.

Segundo esta ferramenta, creada por David Antizar, Galicia conta con 28 faros principais, entre os que destacan o faro de Cabo Estai, de Corrubedo, o situado en Cabo Prior e a Torre de Hércules, o máis antigo da comunidade e o único faro romano en funcionamento do mundo, construído no século I. Con todo, faltan outros relevantes, como Cabo Silleiro (Baiona).

Unha das curiosidades que permite consultar esta ferramenta é o sinal luminoso de cada faro rexistrado: como é o percorrido e que cor ten a súa luz, ademais de informar sobre outros datos técnicos. Por exemplo, o faro de Estaca de Bares leva a cabo un círculo completo que equivale a un minuto, e cada grao é un segundo. Tarda exactamente 7,5 segundos en repetir a secuencia de luces e escintileos, a luz branca pódese ver ata 25 millas náuticas e a altura da luz do faro é de 101 metros.

As luces dos faros teñen diferentes cores, a fin de transmitir unha sinal distinta para axudar a identificar a zona na que se atopa. A luz do faro da Illa de Sálvora é branca, a máis habitual, empregada sobre todo en costa ou canais importantes. O faro do Rebordiño (Muros) ten luz vermella, o que xeralmente indica un perigo; mentres, o faro de Punta Lameda, en Monteferro (Nigrán), ten unha luz verde que advirte da situación das rochas e da entrada á ría.

Tamén existen os faros con luz amarela, pero esta páxina web non rexistra ningún en Galicia. É a cor menos empregada, pero en ocasións serve para ver en áreas onde as condicións de visibilidade son máis complicadas.

Podes consultar o mapa interactivo na seguinte ligazón.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios