Un estudo da UVigo en ratas suxire que os microplásticos alteran a conduta e a función cerebral
Paseas pola praia, xusto á beira do mar, e atopas unha botella de auga, o envase roto dun xeado e os restos dunha antiga bolsa de supermercado. Ningún destes plásticos está nunha papeleira, senón flotando sobre a auga. Tamén están presentes a escala microscópica, aínda que non poida velos o ollo humano. Diferentes estudos xa detectaron microplásticos no sangue, nas feces e na placenta. Co obxectivo de entender o seu impacto sobre o cerebro, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) analizou os efectos da exposición aguda a micro e nanoplásticos en ratas. A investigación suxire que tras admnistrárllelos mediante unha inxección, os roedores experimentaron alteracións no comportamento e cambios na bioquímica do cerebro en tan só 24 horas.
O artigo, publicado recentemente na revista Ecotoxicology and Environmental Safety, é unha aproximación ao que podería acontecer no corpo humano baseándose nun modelo moi empregado en ciencia: as ratas. Con todo, o experimento non reproduce a exposición ambiental, senón que os micro e nanoplásticos son administrados en laboratorio para analizar os seus efectos a curto prazo. “Non avaliamos unha exposición crónica, senón aguda. Queremos saber onde están a facer dano. Precisaríanse máis investigacións para ver os mecanismos exactos que o causan”, explica a primeira autora do estudo, Laura Bergantiños Lillo.
A investigadora da UVigo matiza que, de momento, só atoparon indicios e unha relación entre o tóxico (os micro e nano plásticos) e os efectos que produce no comportamento e na función cerebral das ratas. Así, tras a inxección das partículas contaminantes, os roedores mostraron alteracións motoras, descoordinación e certa fatiga. “Adéstralos para correr nunha roda. Nunha situación normal fano durante un tempo determinado pero, tras a exposición a microplásticos, xa non eran capaces de acadalo”, sinala Bergantiños Lillo. Ademais dos problemas motores, tras someter as ratas a probas de exploración, o equipo decatouse de que tras a administración de microplásticos perdían parte da súa motivación e curiosidade.
O seguinte paso foi tratar de entender por que se producían os fallos motores nos ratos tras a exposición aos plásticos. “Analizamos marcadores específicos de toxicidade e avaliamos varios parámetros de estrés oxidativo. Con eles confirmamos que os microplásticos teñen certa toxicidade“, sinala a autora, que asinou o estudo xunto aos tamén investigadores da UVigo Martiño Barreiro Chapela, Lilian Rosana Ferreira Faro e Rafael Durán Barbosa. Mais un dos aspectos que máis lles sorprendeu foi a interacción dos micro e nanoplásticos con outros contaminantes. En concreto, co glifosato, un pesticida de uso moi común na agricultura.
“Se xa os microplásticos causaban efectos, cando os mesturabas con glifosato creábase unha bomba. É dicir, os danos eran máis evidentes”, sinala. A hipótese que barallan dende o equipo da UVigo é que os plásticos actúan como unha especie de vehículo ou vector doutros contaminantes e que, ao asociarse, potencian os seus efectos nocivos sobre o organismo. Bergantiños Lillo aclara que a dose empregada de glifosato foi moi baixa e, polo tanto, non debería ter “ningún efecto” sobre o organismo dos roedores. Porén, o estudo suxire que ao combinar ambos os contaminantes, amplifícase e poténciase a súa toxicidade.
Outro dos aspectos máis relevantes do traballo, que empregou 72 ratas, é a diferente resposta aos contaminantes en función do sexo. Malia que o que atopan tan só son indicios, os resultados suxiren que as femias son máis sensibles aos efectos do micro e nanoplásticos que os machos. “Só podemos extraer hipóteses pero probablemente estea relacionado con cuestións hormonais“, explica Bergantiños Lillo. Non obstante, a primeira autora insiste en que o seu estudo é unha primeira aproximación e que continuarán a investigar nesta liña para xerar máis coñecemento e evidencia científica.
O equipo da UVigo centrouse no estudo do cerebro en ratas, dado que a literatura científica sobre o impacto dos nano e microplásticos está máis enfocada ao modelo de peixe cebra e ao sistema dixestivo. “O cerebro é especialmente delicado”, sinala Bergantiños Lillo, quen menciona estudos que xa describiron a capacidade dos micro e nanoplásticos de atravesar a barreira hematoencefálica, ás veces complicada de cruzar incluso para algúns fármacos. O obxectivo agora é indagar en máis profundidade que acontece coas moléculas que conseguen chegar a cerebro. “O que buscamos é previr, porque non sabemos o que vén”, advirte a investigadora.
Bergantiños Lillo expón as grandes lagoas que hai sobre os efectos no corpo humano dos nano e microplásticos, e lembra o impacto mediático da crise dos pellets, que chegaron en masa ás costas galegas tras o accidente do buque Toconao en decembro de 2023. A liberación de plásticos no medio ambiente, e tamén a súa chegada aos tecidos humanos, dá pé a unha profunda reflexión. “Xa hai estudos que apuntan que a inxestión de plásticos podería estar asociada con enfermidades como o párkinson e o alzhéimer”, apunta a investigadora da UVigo. De momento tan só son hipóteses, pero Bergantiños Lillo e o seu equipo están xa un paso máis preto de entender o efecto dos micro e nanoplásticos no sistema nervioso central.
FONTE: Laura Filloy/gciencia.com Imaxe: ars.els-cdn.com/sciencedirect.com
0 comentarios