Blogia
vgomez

AS COMPLEXAS RELACIÓNS DOS ECOSISTEMAS

 

Os ecosistemas están compostos por un lugar ou hábitat e unha complexa e refinada rede de relacións entre organismos e microbios, que permiten que os bosques respiren, que os océanos sexan o fogar das baleas ou que unha persoa poida facer a dixestión. Estas redes son moi complexas, pero en ocasións a desaparición dunha destas especies ou axentes pode ter efectos insospeitados e graves, mesmo aínda que non sexamos consciente diso.

Un estudo publicado recentemente na revista Science Advances mostrou unha destas complexas relacións. Os investigadores constataron que o drástico descenso da poboación de  hipopótamos (Hippopotamus amphibius) en África pode levar a que en décadas escaseen os peixes en ríos e lagos. O motivo é que as feces destes mamíferos son unha auténtica bomba de silicio para os ecosistemas acuáticos, sen o cal o crecemento de diatomeas pode perigar. Se non hai  diatomeas, medran unhas algas que consomen todo o osíxeno da auga e que acaban matando a todo tipo de animais.

 Os  hipopótamos salvaxes son animais moi  voraces. Cada día, á noitiña, cada un come ducias de quilogramos de herba na sabana africana. Durante o día, descansan e protéxense da calor dentro da auga, nos meandros dos ríos, co que envían miles e miles de quilogramos de feces ao fondo dos lagos. Dado que a herba que se comen é moi rica en silicio, os hipopótamos fertilizan a auga con este elemento químico, crucial para as  diatomeas. Estas algas unicelulares fotosintéticas, teñen unha parede celulardura composta precisamente por este elemento e que reciben o nome de frústulas.

O Lago Vitoria, onde desemboca o río Mara (lugar de estudo dos investigadores), que é o lago tropical máis grande do planeta, é a maior pesqueira de auga doce do mundo. Produce un millón de toneladas de peixes cada ano e dá emprego a 200.000 persoas. A conca do lago é o fogar de 40 millóns de persoas, que viven nalgúns dos países máis pobres do planeta. A deforestación, a sobrepesca, a construción de encoros, a introdución de especies invasoras e a contaminación xa están a destruír os ecosistemas do lago e causaron a probable extinción de 500 especies  endémicas de  cíclidos. Desde os anos sesenta, xa se rexistrou unha caída no crecemento das  diatomeas. Espérase que o crecemento das cidades e o cambio climático empeoren a situación.

FONTE: Gonzalo López Sanchez/abc.es/ciencia

0 comentarios