O ÚLTIMO DÍA DOS DINOSAUROS
A catástrofe pertecta / Robert DePalma/nationalgeographic.com.es
A historia é sobradamente coñecida. Hai 66 millóns de anos, un enorme asteroide impactou na costa de Iucatán, preto do que hoxe é a cidade de Chicxulub, no golfo de México. O violento choque levantou unha montaña de material fundido máis alta que o Everest e máis quente que a superficie do Sol, liberando máis enerxía que mil millóns de bombas como a de Hiroshima. O terreo incendiouse en miles de quilómetros á redonda e unha choiva de rocha fundida caeu sobre o hemisferio occidental, calcinando o 70% dos bosques. O po acumulado na atmosfera impediu durante meses a fotosíntesis das plantas terrestres e do fitoplancto mariño, colapsando as cadeas tróficas e o ciclo do carbono na terra e no mar, e a falta de luz conxelou o planeta. O osíxeno practicamente desapareceu da atmosfera, substituído por monóxido e dióxido de carbono, metano e xofre, que provocaron choivas ácidas durante meses. Como consecuencia, o 75% das especies foron aniquiladas, o 99,9% de todos os organismos vivos pereceron e o ecosistema planetario foi destruído e tivo que reinventarse. Despois do impacto, a Terra cambiou de era xeolóxica: rematou o Cretácico, con el a era mesozoica, e empezou o Cenozoico.
Pero esta historia tivo sempre un punto débil. Se nun só día, que é un instante en termos xeolóxicos, pereceron miles de millóns de seres vivos, incluídos todos osdinosauros, non debería existir uestrato xeolóxico absolutamente saturado dos restos destes animais e plantas? E non debería estar localizado por todo o mundo? De feito, o límite estratigráfico entre o Cretácico e o Cenozoico (límite K-T) está ben determinado, entre outras cousas porque nel abunda o iridio, un metal escaso na códia terrestre pero moi abundante nos meteoritos. Por tanto o impacto está ben rexistrado e datado, e o tempo no que ocorreu tamén, así como a súa localización estratigráfica en todo o planeta. Pero neste estrato non se atoparon fósiles e moito menos evidencia algunha dunha mortaldade planetaria de dinosauros. Ata agora.
Robert DePalma, da Universidade de Kansas, publicou o 23 de abril os seus descubrimentos nun xacemento de Dakota do Norte, datado exactamente no límite K-T. O xacemento, denominado Tanis, está localizado a 3.000 quilómetros de Chicxulub. Hai 66 millóns de anos Tanis atopábase na beira dun mar interior que asolagaba o que hoxe é o medio oeste norteamericano. O impacto orixinou unha serie de ondas sísmicas de gran magnitude, que provocaron un enorme tsunami neste mar interior, con ondas de ata 10 metros, que amontoaron multitude de animais e plantas nun sedimento caótico e repleto de restos fósiles. É esta a primeira proba empírica de que o impacto de Chicxulub causou a gran mortalidade na biosfera terrestre?
Os fósiles de Tanis son espectaculares: peixes de auga doce e auga salgada mesturados, troncos de árbores, dinosauros, pétalos de flores, equinodermos, pequenos mamíferos, plumas… inclúen máis dunha ducia de plantas e animais descoñecidos ata agora. Ademais, os fósiles de Tanis están conservados en multitude de orientacións ao azar e tamén hai peixes en posición vertical, o que proba que a súa deposición foi o resultado dun proceso violento e moi rápido, que os capturou nunha masa de barro case instantaneamente. Algúns dos restos de dinosauros están na parte superior da secuencia estratigráfica, o que convida a pensar que os seus cadáveres estiveron a flotar na auga antes de que o terreo volvese secar. O metro e medio de grosor que ten o xacemento está saturado de microesférulas de cristal, chamadas tectitas, un produto coñecido da choiva de rocha fundida que provoca un gran impacto meteorítico. E o xacemento está cuberto por un estrato de dous centímetros rico en iridio. Por tanto, Tanis inclúe todos os elementos necesarios para converterse nun soño feito realidade para calquera paleontólogo.
DePalma leva traballando en Tanis desde 2012 e algúns colegas aos que convidou a participar nas súas escavacións cualificaron o seu traballo como “extremadamente meticuloso”. Con todo, outros investigadores poñen en dúbida algunhas das súas conclusións. Por exemplo, aínda que DePalma asegurou á prensa que en Tanis hai fósiles de dinosauros, este extremo non foi publicado aínda nunha revista científica e por tanto este posible achado non foi sometido aínda ao escrutinio doutros científicos. DePalma sostén que eses resultados serán publicados moi pronto.
Ademais, DePalma ten aínda unha reputación que emendar: en 2015 atopou unha especie nova de dinosauro, o Dakotaraptor, pero ao reconstruír o seu esqueleto incluíu un óso que resultou ser de tartaruga. Cando outros colegas sinalaron o erro, DePalma viuse obrigado a publicar unha corrección ao seu traballo e desde entón non gozou de especial recoñecemento entre a comunidade paleontolóxica
Dispoñemos ao fin dunha foto do día en que morreron os dinosauros? A realidade é que faltan algúns detalles non menores por confirmar. É Tanis un dos descubrimentos máis importantes da historia da paleontoloxía, ou de novo esaxerouse a relevancia dun descubrimento que non pasa de ser relativamente substancial? Se todo o que afirma DePalma resulta ser correcto, será a primeira vez que dispoñamos dunha proba incontrovertible de que os dinosauros aínda deambulaban sobre a Terra ao final do Cretácico. Así, aínda que existen outras hipóteses para explicar a extinción no K-T (por exemplo, varias decenas de miles de anos de vulcanismo desenfreado no que hoxe é India, que causarían unha enorme diminución na poboación mundial de dinosauros durante o Cretácico tardío), Tanis proporcionaría os datos necesarios para afirmar sen dúbida que polo menos algúns dinosauros seguían vivos para ser testemuñas do último día do Cretácico.
FONTE: Alberto González Fairén/elpais.com/ciencia
0 comentarios