Blogia
vgomez

SUSKITYRANNUS HAZELAE, O "CURMÁN" PEQUENO DO TYRANNOSAURUS REX

Recreación artística do Suskityrannus hazelae / Andrey Atuchin

Hai nenos que soñan con ser coma Indiana Jones e  desenterrar grandes achados. E algún lógrao antes mesmo de chegar a adulto. Pasoulle ao estadounidense Sterling Nesbitt cando só tiña 16 anos: durante unha expedición que fixo en Novo México co seu instituto atopou un fósil que resultou ser unha especie de dinosauro descoñecida ata agora.

Corría o ano 1998 e durante moitos anos os seus descubridores non souberon o que tiñan entre mans. O esqueleto permaneceu almacenado ata 2006 no Museo de Historia Natural de Mesa, en Arizona, ata que Nesbitt volveu interesarse por el. Dúas décadas despois e xa como profesor asistente no Virginia Tech Colleague of Science, desvela que os fósiles pertencen a un pequeno dinosauro emparentado como o famoso Tyrannosaurus rex. O descubrimento de Suskityrannus hazelae, como bautizaron a esta nova especie, supuxo o comezo do seu camiño para converterse en  paleontólogo.

Doug  Wolfe, o científico que liderou aquela expedición, figura entre os científicos que asinan o traballo, publicado esta semana na revista Nature Ecology&Evolution.

O dinosauro achado por Nesbitt en 1998 era un individuo novo que morreu aos tres anos de idade aproximadamente, segundo a análise dos seus ósos. O seu cranio medía só entre 25 e 32 centímetros. O estudo inclúe tamén a análise do cranio doutro dinosauro da mesma especie atopado en 1997 por Robert Denton.

Segundo detallan os autores, Suskityrannus hazelae vivíu hai 92 millóns de anos, durante o Cretácico, unha época na que a Terra estaba habitada por algúns dos dinosauros máis grandes que existiron. Nese mesmo xacemento de Novo México atopáronse outros esqueletos de dinosauros de distintas especies, ademais de abundantes restos de peixes, tartarugas, mamíferos e réptiles.

O seu nome, Suskityrannus hazelae, é unha homenaxe ao xacemento de Zuni onde se atopou. Suski significa coiote no idioma da tribo nativa desa rexión de Novo México.

O animal medía uns 90 centímetros de altura e algo menos de tres metros de ancho. É dicir, o dinosauro enteiro era un pouco máis grande que o cranio dun  Tyrannosaurus rex adulto. Ambas especies alimentábanse de carne: "As súas dentaduras mostran que eran carnívoros pero non que tipo de animais tomaba cada un", di Nesbitt, que ao principio pensou que se trataba dun Velociraptor.

Un dos trazos que máis sorpresa e bromas suscita nos T. rex son os seus brazos, moi curtos en proporción ao resto do corpo. Entre os ósos achados de S. hazelae non figuran os dos seus brazos así que os científicos non saben se os tiña tan curtos como o seu curmán maior ou se tiña dous ou tres dedos nas súas patas.

Os científicos sitúan a S. hazelae como un  tiranosaurio intermedio, a medio camiño entre as especies máis pequenas, que evolucionaron antes, e os dinosauros xigantes do final do Cretácico. Por iso, segundo destacan os seus descubridores, o achado enche un oco importante para comprender a historia evolutiva dos tiranosaurios que tan famosos fixéronse tras a película Parque Xurásico.

0 comentarios