Dende o can de palleiro ata o guicho: radiografía das razas de can autóctonas de Galicia
Pastor alemán, bulldog francés, husky siberiano, galgo español… Estas son algunhas das opcións que veñen á cabeza ao pensar en razas de cans. Son animais recoñecibles, con carácteres que os diferenzan doutros e, ademais, cunha orixe e historia identificable. Menos coñecidas son, en cambio, as catro razas autóctonas que acompañaron a formación da identidade galega ao longo dos séculos; son o can de palleiro, o perdigueiro galego, o podengo galego e o guicho ou quisquelo.
Estes animais teñen un pasado indoeuropeo e africano e están fortemente vencellados á tradición gandeira e ao rural galego. Foron tradicionalmente empregados para o pastoreo e a caza, pero as súas cifras actuais amosan unha realidade complicada: segundo o tesoureiro do Club Can de Palleiro (unha entidade única impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de recuperar e protexer a raza que lle dá nome), a raza palleirá está en perigo de extinción. “No Libro Xenealóxico do Can de Palleiro, do que é depositaria a Consellería de Medio Rural, temos inscritos uns 2.200 exemplares. Necesitariamos chegar a 5.000 para determinar que a especie xa non está en risco de desaparecer”, explica o membro da organización. Engade que hai espécimes localizados en distintas provincias españolas, e mesmo en territorios internacionais: “Hai individuos rexistrados en Francia, Alemaña, Portugal… Mesmo hai unha parella en Finlandia. Pero trátase de exemplares soltos; a maior parte reúnense en Galicia”.
O tesoureiro da asociación sinala que é posible que haxa individuos dos que non teñen constancia, tanto dentro como fóra do territorio galego, pero recoñece que, aínda baixo esa suposición, é importante levar a cabo unha labor activa de divulgación sobre a preservación xenética do animal. “Necesitamos que aquelas persoas que teñen un can de palleiro tomen conciencia da situación para crialos. Hai moita demanda para esta raza e queremos aumentar o seu número para que deixen de estar en perigo, pero non hai camadas suficientes“, indican dende o Club.
O can de palleiro, así denominado porque adoita pasar as noites no palleiro familiar, é o animal de pastoreo galego por antonomasia. Das catro razas autóctonas, é a única que non se destina á caza, senón ao acompañamento e coidado do gando. Porén, esta asociación coa gandería galega é parte do declive nos seus números. “Cada vez hai máis explotacións gandeiras extensivas e menos de tamaño pequeno, que é nas que se usa o can de palleiro como pastor”, contan dende o Club Can de Palleiro.
Esta raza ten unha orixe indoeuropea. Como explica a Xunta de Galicia na ficha técnica do animal, o seu agriotipo (é dicir, a especie salvaxe da que procede unha doméstica) foi o principal antepasado dos cans de campesiño do centro de Europa. Os familiares máis antigos dos palleiráns viaxaron cos pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas invasións que se sucederon no territorio que hoxe ocupa Galicia.
“Distínguese moi ben das outras tres razas autóctonas, que son todas de caza. Máis alá da morfoloxía, ten un carácter moi axeitado para o pastoreo e a garda. É un can moi familiar que coida do seu territorio, ten movementos áxiles e é moi intelixente, polo que resulta fácil adestralo”, explica o Club Can de Palleiro. O seu tesoureiro lamenta que, malia ter cualidades innatas para vixiar o gando, o declive das actividades de pastoreo galegas leva a que cada vez se use menos este animal para a labor coa que ten máis afinidade.
A súa aparencia é fornida, cun perfil recto e eumétrico, de constitución forte e pelaxe densa, habitualmente de cor uniforme e amarela, aínda que as capas de tons máis marróns e negros tamén poden darse. Os machos chegan a pesar 38 quilos e as femias, 33. É un can moi ligado á identidade galega por atoparse nas zonas rurais de toda a comunidade.
O pasado deste animal remóntase ao tipo antigo de braco italiano, orixinario do norte de Italia. Chegou cos romanos á península e estableceuse en varios puntos entre a parte setentrional da provincia da Lusitania (sobre o territorio que hoxe corresponde ao norte de Portugal) e o sudoeste do que na actualidade é Francia. Este espallamento fixo que experimentara variacións morfolóxicas nas diferentes rexións que ocupou.
O perdigueiro galego, tamén chamado, aínda que de xeito erróneo, ‘can das perdices’, especialízase na caza de pluma, que se centra na captura de aves silvestres e máis en concreto na perdiz (Alectoris rufa), a arcea (Scolopax rusticola) e o paspallás (Coturnix coturnix). Isto está estreitamente vencellado ao seu forte sentido do olfacto, o que o volve un buscador activo.
É un animal de carácter dócil e agarimoso, con movementos flexibles, de pasos amplos e cunha pel fina e adherida ao corpo. O seu pelo é curto, groso, liso e áspero e pode presentar diferentes cores e patróns, dende a branca e pencada á uniforme en castaño, amarelo ou negro.
No pasado tiñan moita presenza nas zonas ourensás da Mezquita e Viana do Bolo, así como nos concellos de Riós, Laza e A Veiga. A partir da década dos setenta, en cambio, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos pointers e bracos alemáns, levando á raza ao borde da desaparición. Agora, tan só quedan algúns poucos exemplares dispersos polas provincias de Lugo e, sobre todo, Ourense.
O podengo galego, emparentado co podengo portugués mediano, estaba xa presente en Eritrea, Somalia e no antigo Exipto baixo o nome de tesem ou lebrel exipcio de orellas rectas. Unha das súas orixes máis aceptadas é o can neolítico do Sáhara central alxeriano, en torno ao século VII a.C, que chegaría a Hispania a través de rutas comerciais. As súas principais presas son o coello e a lebre, dous animais que leva perseguindo dende tempos dos romanos.
O podengo de Galicia ten unha aparencia de tipo primitivo, graioide e de tamaño mediano, cun peso de entre 10 e 15 quilos. É un can rústico e austero, áxil, con sentidos moi agudos e carácter astuto, o que lle dá unha alta capacidade de adaptación a diferentes terreos. O seu pelo é entre curto e medio, groso e denso. Adoita presentarse cunha cor canela uniforme e, de xeito ocasional, poden ser brancos marxados en laranxa. Aínda que hai exemplares por toda Galicia, a maior concentración está nas zonas de Pontevedra e Ourense.
A Xunta de Galicia sitúaa entre algunhas das que poderían ser as razas máis antigas da Península Ibérica. Puido chegar cos pobos precélticos atlánticos e os celtas, xunto co resto das invasións nórdicas e xermánicas. Debido ás semellanzas e orixe comúns, o guicho estaría emparentado co Västgötaspets sueco ou Can dos Visigodos, así como tamén cos corgi galeses, cardigan e pembroke.
Os habitantes celtas da zona do País de Gales e Cornualles (britanos) adoitaban empregalos como animais de caza. Actualmente, a súa principal presa é o coello, aínda que a coraxe que caracteriza ao guicho tamén adoita levalo a perseguir raposos. Tamén posúen unha alta intelixencia e dotes para a vixilancia, polo que os pobos celtas galeses adoitaban abrirlles as portas das súas casas para confiarlles o coidado dos máis cativos do fogar. A súa ficha, accesible a través do portal da Xunta de Galicia, tamén sinala que pode ser empregado para a detección do xabaril.
No presente, esta raza ten moita máis presenza nas provincias de Pontevedra e Ourense, e, neste caso, cunha forte concentración en Oímbra, Verín ou a Mezquita, que na Coruña e Lugo, onde os exemplares son moito máis escasos.
FONTE: Noelia Gallego/gciencia.com
0 comentarios