Blogia

vgomez

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XX (FIN)

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

20. Portugal: Ponte 25 de Abril

A Ponte 25 de Abril é unha ponte colgante rodo-ferroviaria que se alza sobre o estuario do río Texo, na área metropolitana de Lisboa (Portugal). Oficialmente designado no seu día como Ponte Salazar, por ter sido mandado construír por Salazar en 1960, mudou a súa denominación pola actual trala Revolución do 25 de abril de 1974, que restaurou a democracia en Portugal. É unha construción, de aceiro, esténdese por case 2 km., e conecta o sur, Almada, co norte de Lisboa. A parte inferior foi renovada para albergar vías de tren.

A moeda de 2 euros deste país amosas esa construción sobre o río Texo.

Con esta moeda remato esta serie. Só é unha mostra da cultura que conteñen as moedas do euro. Espero que de aquí en diante, cando teñamos unha moeda nas nosas mans, son só vexamos un valor economíco da mesma, senón tamén a cultura do país que acuñou esa moeda.

Ata outra serie!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XXI

 

Esta é a bandeira de Vanuatu (República de Vanuatu/Ripablik blong Vanuatu), un país insular localizado no océano Pacífico Sur. A súa poboación, estimada, rolda os 250.000 habitantes e a súa capital é Por Vila, situada na illa de Éfaté. Os seus idiomas oficiais son o Bislama, francés e inglés.

A bandeira é un pano de catro cores: vermello, verde, amarelo e negro. O verde representa a riqueza das illas, o vermello é o símbolo do sangue dos homes e o negro é a cor dos habitantes orixinais de Vanuatu. O amarelo con forma de Y representa a luz do Evanxeo. O emblema no negro é un queiro dun xabarín (o símbolo da prosperidade que se leva como colgante nas illas), xunto con dúas follas dun fieito local chamado namele.

HUMOR REAL: ELECCIÓNS

 

Viñeta do xornal El Progreso de Lugo, do xenial humorista gráfico vigués Santiago Gutierrez Gómez, que leva dende 1993 realizando diariamente viñetas de humor e caricaturas.

A bos entendedores, poucas palabras!

COMPARTIR OS COÑECEMENTOS É A FORMA DE QUE SIRVAN PARA ALGO



Con tan só oito anos, o físico teórico Michio Kaku decidiu que dedicaría a súa vida para completar o traballo inacabado de Einstein: a teoría do todo. Con 16, e diante a admiración dos seus pais, construíu un acelerador de partículas no garaxe da súa casa. Precoz e visionario, este experimento doméstico foi a súa carta para Harvard. Acabou primeiro da súa promoción.

O científico estadounidense é un dos fundadores da teoría de cordas, principal candidata a ofrecer a teoría unificada coa que unha vez soñou. “Cremos que explica a riqueza do universo, desde o Big Bang á creación das estrelas e o Sol, á creación dos humanos e, quizais, incluso o amor”, asegura.

Hoxe, Michio Kaku ostenta a prestixiosa cátedra Henry Semat de Física Teórica na Universidade de Nova York e é un dos divulgadores científicos máis populares do mundo. Está convencido de que “o coñecemento é democracia,  empodera” e sostén que “estamos diante da nova revolución da física e non podemos deixar á xente atrás”. A súa convicción é o xerme do seu traballo divulgativo. Colabora en varios programas de televisión e radio nos que, con linguaxe clara e directa, converte os conceptos científicos máis densos en alimento educativo para todos os públicos. Ademais é autor de libros superventas como ‘Hiperespazo’, ‘Física do imposible’ ou ‘O futuro da nosa mente’. O profesor Kaku cre que “os científicos son inventores de futuro” e atrévese a predicir como será o mañá: Internet nas lentes de contacto, atascos na lúa ou roupa intelixente para previr infartos. O seu futuro imaxinado descansa nos avances da física, a intelixencia artificial e a tecnoloxía. Ciencia de non ficción.

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XIX

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

19. España: Catedral de Burgos

A Catedral de Santa María de Burgos é un templo católico dedicado á Virxe María situado na cidade española de Burgos. O seu nome oficial é Santa Igrexa Catedral Basílica Metropolitana de Santa María de Burgos. Polo seu tamaño, é a terceira catedral de España despois da de Sevilla e da de Toledo. O impulsor da construción foi o bispo Mauricio que nunha misión diplomática a Alemaña, observou as novas construcións que se estaban a levar alí mais en Francia. A súa construción comezou en 1221, seguindo patróns góticos franceses e, como se adoitaba, a primeira pedra colocouse preto da cabeceira do altar maior, Cando o bispo morreu en 1238, foi soterrado en medio do presbiterio. Non se consagrou até 1260. Tivo importantes modificacións nos séculos XV e XVI: as agullas da fachada principal, a Capela do Condestable e o ciborio do cruceiro, elementos do gótico avanzado que dotan ao templo do seu perfil inconfundible. As últimas obras de importancia (a Sancristía ou a Capela de Santa Trega) pertencen xa ao século XVIII, século no que tamén se modificaron as portadas góticas da fachada principal. O estilo da catedral é o gótico, aínda que posúe, no seu interior, varios elementos decorativos renacentistas e barrocos. A construción e as remodelacións realizáronse con pedra calcaria extraída das canteiras da próxima localidade burgalesa de Hontoria de la Cantera.

Na moeda conmemorativa de 2 euros de 2012, aparece esta catedral.

Mañá, outro país, para rematar esta serie e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XX

 

Esta é a bandeira de Ucrania (Україна), un país ubicado no leste de Europa. Conta cunha poboación que rolda os 42 millóns de habitantes e a súa capital é Kiev. O idioma oficial é o ucraniano.

A bandeira está composta por dúas franxas horizontais de igual tamaño de cor azul e amarelo. A franxa azul representa o ceo e a amarela significa a terra fértil e os campos ucranianos.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XVIII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

18. España: Patio dos Leóns- Alhambra de Granada

O Patio dos Leóns é o patio principal do palacio dos Leóns, no corazón da Alhambra. Foi encargado polo sultán Muhammed V do Reino nazarí de Granada no segundo período do seu reinado e construíuse entre 1362 e 1391. É de forma  oblonga, de 35 metros de lonxitude e 20 de ancho, rodeado por unha galería baixa apoiada por 124 columnas de mármore branco de Macael, cun pavillón a cada lado do patio, con paredes de filigrana e cupuliñas. Os pavimentos son de mármore, mentres que as paredes están cubertas de azulexos azuis e dourados ata 1,5 metros, con bordos azuis esmaltados e dourados. No centro do patio está a Fonte dos Leóns, un cunco de alabastro apoiado polas figuras de doce leóns do mesmo mármore branco de Macael.

Aparece na moeda conmemorativa de 2 euros de 2011 do noso país.

Mañá, outra moeda, nesta caso do mesmo país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XIX

 

Esta é a bandeira de Tailandia (Reino de Tailandia / ราชอาณาจักรไทย), un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Ten unha poboación que rolda os 65 millóns de habitantes e a súa capital é Bangkok. O idioma oficial é o Tailandés.

A bandeira está formada por cinco franxas horizontais de cor vermella, branca, azul, branca e vermella. A anchura da franxa azul, a central, é de dobre tamaño respecto ás restantes. As cores vermella, branca e azul simbolizan a nación, a relixión e o monarca.

FONTE: gl.wikipedia.org