Blogia
vgomez

CURIOSIDADES

O TOP 10 DAS NOVAS ESPECIES 2013 (III)

O TOP 10 DAS NOVAS ESPECIES 2013 (III)

Cercopithecus lomamiensis (Lésula) / Imaxe: Maurice Emetshu

O Cercopithecus lomamiensis foi identificado como nova especie polos investigadores estadounidenses John e Teres Hart. Debe o seu nome científico aos bosques da conca media do río Lomami, na República Democrática do Congo. Este mono xa era coñecido polos habitantes da zona, ao que chaman "lesula". É a segunda especie de mono descuberta en África nos últimos 28 anos. Os científicos tiveron constancia por primeira vez deste animal en 2007, ao ver un mozo exemplar en cativerio. De carácter tímido e fuxidío, destacan os seus ollos, que recordan aos humanos. Aínda que o seu hábitat é de difícil acceso, o lesula é cazado pola súa carne, polo que está en situación vulnerable. 

FONTE: Revista Consumer

O TOP 10 DAS NOVAS ESPECIES 2013 (II)

O TOP 10 DAS NOVAS ESPECIES 2013 (II)

Violeta Liliputiense (Viola lilliputana) / Imaxe:publico.es

Hoxe imos coñecer a segunda especie rechamante das dez seleccionadas polo Instituto Internacional para a Exploración de Especies (IISE) da Universidade de Arizona. Trátase da VIOLETA LILIPUTIENSE.

A Viola lilliputana recibe o seu nome en honor aos pequenos habitantes do famoso conto “As viaxes de Gulliver” de Jonathan Swift. Non é para menos, porque é unha das violetas máis pequenas do mundo: apenas levanta un centímetro de altura dende o chan. Esta planta só se atopa na meseta dos Andes do Perú, en zonas de secarral, e foi descuberta por casualidade. En 1962, os científicos Hugh Iltis e Don Ugent, da Universidade de Wisconsin-Madison (EUA), traballaban nun proxecto para estudar a pataca do Perú. Ao ir a facer unha foto das vicuñas do seu campo base, en Cerra Palla Palla, a un deles caéuselle ao chan o filtro da cámara. Cando o recolleu, decatouse desta violeta, descrita e nomeada de forma oficial en 2012.

FONTE: Revista Consumer 

O TOP 10 DAS NOVAS ESPECIES 2013 (I)

O TOP 10  DAS NOVAS ESPECIES 2013 (I)

Esponxa lira (Chondrocladia lyra) / Imaxe:species.asu.edu

Unha esponxa con forma de arpa, un mono con rostro case humano, o vertebrado máis pequeno do mundo ou unha cascuda luminiscente, son algunhas das dez novas especies máis rechamantes descritas pola ciencia. A selección realizóuna un equipo mundial de expertos, reunido polo Instituto Internacional para a Exploración de Especies (IISE) da Universidade de Arizona. O seu obxectivo é chamar a atención pública para lograr maiores apoios na investigación e a conservación da biodiversidade.

Hoxe comezamos o seu coñecemento coa primeira das especie, a ESPONXA LIRA.

A Chondrocladia lyra é unha espectacular esponxa carnívora con varias aspas en forma de arpa ou lira. Foi descuberta por científicos do Instituto de Investigación do Acuario da Baía de Monterrey no Océano Pacífico, ao noroeste da costa de California (EUA), a unha profundidade de entre 3.300 e 3.500 metros. Os primeiros exemplares observados tiñan dúas aspas, pero víronse algúns con ata seis. Cada aspa conta con máis de 20 ramas verticais paralelas, a miúdo coroadas por unha bóla. Esta peculiar forma sérvelle para ter unha gran superficie de contacto e captura das súas presas planctónicas.

FONTE: Revista Consumer 

MAXIA OU REALIDADE: A CAPA INVISIBLE

 

O científico da Universidade de Rochester (Estados Unidos), John Howell, e o seu fillo de 14 anos, Benjamin, crearon unha capa de invisibilidade que é capaz de ocultar obxectos grandes en todo o espectro óptico.

A invisibilidade é un tema que se debateu dende hai tempo tanto na cultura popular coma na comunidade científica. Invisibilidade significa ocultar un obxecto da vista a frecuencias específicas, e diferentes tipos de camuflaxe. Ata agora, os estudos realizados só lograban “esconder” obxectos para algunhas frecuencias e para obxectos de pequeno tamaño.

O sistema ideado pola familia Howell, cuxo traballo foi publicado en  
Arxiv, consta de tres dispositivos. O primeiro de plexiglás e con cubos de auga en forma de L. O segundo utiliza catro lentes para conseguir unha camuflaxe óptica, mentres que o último utiliza un conxunto de espellos, un sistema que utilizan os magos nos seus trucos.

Con estes mecanismos lógrase "dobrar" a luz nun determinado espazo e ocultar un obxecto. Segundo explicou o investigador, todos estes materiais se conseguiron en tendas baratas e o presuposto total do experimento foi de 150 dólares. Ademais, poderíase reproducir a grande escala.

Pero este logro tamén ten "algunhas limitacións", como recoñeceu Howel, quen apuntou que "o punto débil desta tecnoloxía é que só funciona nunha dirección, ou asumindo que o observador non se moverá do seu lugar". Aínda así, conta con máis vantaxes que outros sistemas presentados anteriormente por científicos.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

POR QUE O ACEITE SE CONXELA DE XEITO DISTINTO Á DA AUGA?

POR QUE O ACEITE SE CONXELA DE XEITO DISTINTO Á DA AUGA?

O aceite de oliva solidifícase nun rango de temperaturas de 23 a 5,5ºC / Imaxe:metode.cat/es/ 

Tanto a auga potable coma o aceite de oliva están constituídos basicamente por un determinado tipo de moléculas: de auga no primeiro caso e de triacilgliceroles (coñecidos coloquialmente co nome de triglicéridos) no segundo. É certo que a auga e o aceite de oliva conteñen substancias disoltas, pero en cantidades tan pequenas que apenas inflúen no comportamento destes líquidos ao arrefriar. Pero mentres que na auga temos un único tipo de moléculas, no aceite de oliva temos distintos tipos de moléculas de triglicéridos e, por iso, mentres que a auga pasa de líquido a sólido a 0ºC, no aceite de oliva temos un rango de temperaturas (de 23 a 5,5ºC) no cal vaise producindo a solidificación ao arrefriar.

No líquido, as moléculas de auga, H2O, están en continuo movemento: xiran, desprázanse, rebotan. En fase gasosa, as moléculas están moi afastadas unhas doutras pero, no líquido, están moi próximas debido ás forzas de atracción que existen entre elas. A medida que imos arrefriando a auga, as moléculas vanse movendo cada vez máis devagar ata que, cando a temperatura é de 0ºC, o líquido se transforma nun sólido. No xeo, as moléculas de auga xa non se desprazan nin xiran: están en repouso, ordenadas. Non obstante, no xeo aínda hai movemento: os átomos de hidróxeno oscilan arredor das súas posicións de equilibrio, e esas oscilacións son menores canto menor é a temperatura do xeo. A temperatura de conxelación dun líquido depende, polo tanto, da magnitude das forzas de atracción entre as moléculas que o constitúen.

Xa dixemos que no aceite de oliva temos distintos tipos de moléculas. En efecto, os triacilgliceroles son moléculas relativamente complexas. Teñen un núcleo que provén dunha molécula de glicerina, que está unida a tres moléculas de ácidos graxos. Os distintos triacilgliceroles diferéncianse polos ácidos graxos que conteñen e polos lugares de unión deses ácidos graxos ao núcleo de glicerina. No aceite de oliva, os ácidos graxos máis abundantes son o oleico (O), o palmítico (P), o linoleico (L) e o esteárico (S). E se identificamos un triacilglicerol coas letras correspondentes aos ácidos graxos que conteñen, na orde na que están unidos ao núcleo de glicerina, os triglicéridos maioritarios nun aceite de oliva típico son OOO (62%), POO (30%), OOL (4%) e SOO (2%).

Que sucede, entón, cando se arrefría o aceite de oliva? Cada un dos triacilgliceroles ten a súa propia temperatura de conxelación: OOO, 5,5ºC; POO, 18ºC, OOL, -2.8ºC; e SOO, 23ºC. Polo tanto, ao arrefriar, van aparecendo cristais destes compostos en función das súas temperaturas de conxelación. Por iso obsérvase a formación de pequenas cantidades dun sólido de aspecto céreo a partir de 23ºC, e por iso o aceite está en estado sólido a temperaturas inferiores a 5,5ºC.

Hai que indicar, finalmente, que a presenza nun aceite de oliva destes sólidos céreos, de aspecto esbrancuxado, é un proceso completamente natural, e que non está relacionado coa calidade deste: abonda con que a temperatura do aceite sexa maior de 23ºC para que teñamos, de novo, un aceite totalmente líquido.
 

FONTE:Revista Métode.

O AFASTAMENTO DA LÚA E AS SÚAS CONSECUENCIAS

O AFASTAMENTO DA LÚA E AS SÚAS CONSECUENCIAS

Superlúa de maio / Imaxe:viudasdegila.com

Interesante artigo de Miguel Gilarte Fernández, presidente da Asociación Astronómica de España e director do Observatorio Astronómico de Almadén da Prata, publicado no xornal ABC/Ciencia, sobre as consecuencias do afastamento paulatino do noso satélite, a Lúa, que traduzo integramente para o voso coñecemento:          

Hai millóns de anos, a Lúa estaba moito máis preto da Terra, talvez dez veces máis preto que agora, e o seu tamaño aparente no ceo era colosal. Hoxe coñecemos que a Lúa se afástase da Terra a razón de 3,8 cm por ano e sabémolo porque os astronautas e dúas naves rusas que conseguiron alcanzar a Lúa, nas misións dos Apolos 11, 14 e 15 máis as naves Lunokhod 1 e 2 sen tripulación, deixaron cinco reflectores na superficie lunar. Dende a Terra, lanzamos un pulso láser cara a estes espellos que rebotan e volve á Terra. A precisión é de 1 milímetro, non está nada mal para un percorrido duns 800.000 km. A Lúa afástase porque acelérase na súa órbita, debido a efectos que provoca sobre os océanos terrestres.

O feito de que a Lúa se afaste traerá consecuencias á Terra. Unha delas é a duración dos días. Pouco despois de crearse a Lúa, esta comezou a afastarse moi rapidamente da Terra, dende unha posición de 22.500 km, polas friccións xeradas polas inmensas mareas creadas pola propia Lúa e por este mesmo motivo, os días fanse cada vez máis longos. Toda a cuestión está nas mareas, que serven de freo á rotación da Terra. Sabemos que as mareas eran máis numerosas e que os días eran máis curtos, polos rexistros encontrados nas rochas denominadas ritmitas de mareas. Cando a Lúa estaba moi preto da Terra, os días duraban apenas 5 horas, pero a medida que se afastaba, os días alongáronse ata as 24 horas de hoxe. Pero seguirán alongándose ata que duren un mes e máis, ata que se fagan eternos e unha cara da Terra mire sempre ao Sol e a outra resultará estar sempre en tebras.

Outra consecuencia inevitable serán as mareas. Todos sabemos que a gravidade da Lúa atrae a auga de mares e océanos. Cando a Lúa está enriba dun océano, prodúcese a marea alta, ao igual que na parte contraria da Terra, por efecto da rotación Terra-Lúa que provoca un efecto de forza centrífuga que fai que as augas se eleven. Cando a Lúa se afasta desa posición, prodúcese na costa marea baixa. As mareas, hai millóns de anos, cando a Lúa estaba "a tiro de pedra", eran colosais, ata mil veces superiores ás de hoxe. As augas non se retiraban decenas de metros nas mareas baixas ou internábase en terra algúns metros nas mareas altas como o fai agora, senón que retirábanse e internábanse quilómetros, como tsunamis continuos. Co afastamento da Lúa, a forza de gravidade do noso satélite sobre a Terra cada vez será menor, e as mareas deixarán de existir. Os océanos e os mares converteranse en piscinas xigantes.

Outro efecto relevante e que levará a toda a vida a unha evolución descoñecida polo momento, será a oscilación do eixe da Terra. A Lúa mantén o eixe da Terra estable, cunha inclinación de 23º. O feito de que a Lúa se afaste, desestabilizar o eixe terrestre, de forma que oscilará 90 graos, provocando que en ocasións os polos baixen ata o ecuador e o ecuador ocupe a posición dos polos. A situación actual do eixe terrestre é vital, xa que estabiliza o clima. Cando o eixe comece a oscilar, a vida deberá acomodarse ou deixar de existir. Os últimos estudos científicos, indican que a Lúa é un elemento fundamental para manter a vida na Terra.

               

OS DEZ SERES VIVINTES MÁIS VELLOS DO MUNDO X: MOFO ANTÁRTICO

OS DEZ SERES VIVINTES MÁIS VELLOS DO MUNDO X: MOFO ANTÁRTICO
Mofo antártico  / Imaxe:Rachel Sussman

Algúns dos organismos máis antigos viven nos ecosistemas máis fráxiles do mundo. Este é o caso do mofo antártico, de 2.200 anos de antigüidade. O pasado ano, unha investigación sinalaba que o mofo sobrevive ao clima extremo da Antártida grazas a unha fonte inusual de alimento, as materias fecais deixadas polos pingüíns que viviron na mesma zona do continente xeado hai miles de anos.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

OS DEZ ANIMAIS MÁIS PERIGOSOS E MORTAIS DO PLANETA

 

Este vídeo presenta os dez animais máis perigosos e mortais do planeta: augamares, osos, leóns, escorpións, mosquitos, crocodilos, quenllas, serpes velenosas, hipopótamos e elefantes.

Seguramente non están todos, pero todos os que están si o son!