Blogia
vgomez

DOCENCIA

CANTO SABES DE GALICIA LXIII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Moio. É unidade de capacidade de líquidos, equivalente a 8 olas (128 litros, xa que unha ola son 16 litros, aínda que esta pode variar entre 16, 16,5 ou incluso 20 litros dependendo da zona. A ola tamén se chama, en sitios, cabazo).

E imos coa pregunta de hoxe!

63. Na seguinte lista aparecen títulos importantes da literatura galega xunto cos seus autores, pero están descolacados. Fai ti a correcta relación:

- A Esmorga                        - Castelao

- Merlín e Familia                - Rosalía de Castro

- Cousas                               - Manuel Rivas

- Follas Novas                      - Manuel Antonio

- Que me queres, amor?      - Álvaro Cunqueiro

- De catro a catro                 - E. Blanco Amor

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es, lavozdegalicia.es, info.igme.es  Imaxe: cadenaser.com 

CANTO SABES DE GALICIA LXII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Estaño. Deste mineral (Sn), hai moitas máis minas en Galicia: San Finx (Lousame), A Trigueira (Lalín), Fontao (Vila de Cruces), Vilarbacú (Quiroga), Pesqueiras (Forcarei), As Sombras (Lobios)… 

E imos coa pregunta de hoxe!

62. Para desenvolver a vida cotiá o ser humano ten a necesidade de relacionar e comparar os corpos. Unha forma de facelo é a través dunha magnitude (lonxitude, superficie, masa, etc.). Medir unha superficie, por exemplo, é comparala con outra, que se toma como unidade, para saber cantas veces contena. En Galicia empregamos varias unidades, que poden variar moito dun lugar ao outro. Na seguinte lista hai unha que NON se emperaga para medir superficies. Cal é?

- Copelo

- Cavadura

- Ferrado

- Moio

- Fanega

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es, lavozdegalicia.es, info.igme.es  Imaxe: domohomo.es

CANTO SABES SOBRE GALICIA LXI

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Plateresco. Tamén chamado gótico plateresco,  Protorrenacemento, estilo Isabel, estilo Reis Católicos (estes dous últimos en referencia á súa primeira fase) e estilo Príncipe Felipe (referido á súa fase renacentista), foi unha corrente artística, especialmente arquitectónica, desenvolta pola monarquía española na península ibérica e os territorios imperiais de América e Asia, que apareceu entre o gótico tardío e o Renacemento, a finais do século XV, estendéndose durante os dous séculos seguintes. Resulta dunha modificación do espazo gótico e dunha fusión ecléctica de compoñentes decorativos mudéxares, do gótico flamíxero e lombardos, así como primerizos elementos renacentistas de orixe toscano.

E imos coa pregunta de hoxe!

61. Na mina de A Penouta, en Viana do Bolo (Ourense), explotada pola empresa Strategic Minerals, foi o campo de probas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) durante o último ano, nun proxecto conxunto coa propietaria das instalacións enfocado a recuperar dos vertedoiros un mineral e extraer, da  escoria resultante, dous dos metais máis apreciados pola industria tecnolóxica: o niobio e o tántalo. Da súa combinación resulta o coñecido como coltán, clave para a fabricación de teléfonos móbiles. Pero cal é ise mineral?

- Volframio

- Estaño

- Ouro

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es, lavozdegalicia.es Imaxe: strategicmineralsspain.wordpress.com

CANTO SABES DE GALICIA LX

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Víctor Freixanes. Foi elixido o 28 de marzo de 2017, logo da renuncia de Xesús Alonso Montero tras catro anos no cargo.

E imos coa pregunta de hoxe!

60. O Hospital Real de Santiago, tamén coñecido como Grande Hospital Real de Santiago e, nos últimos tempos, como Hospital Xeral de Santiago, ten a súa orixe nunha viaxe que fixeron os Reis Católicos a Santiago de Compostela en 1492, para dar acubillo a aqueles que requirían auxilio médico ao finalizar o Camiño. Foi deseñado e construído polo arquitecto real Enrique Egas. Atópase na Praza do Obradoiro e cctualmente é un hotel pertencente á rede de Paradores Nacionais de Turismo do Reino de España que serve aos peregrinos e visitantes da cidade de Santiago, e que é coñecido como Parador de Santiago e, hoxe, como Parador Museo Santiago. A que estilo aquitectónico pertence?

- Románico

- Mudexar

- Gótico

- Plateresco

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es

CANTO SABES DE GALICIA LIX

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é 2.266 m. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4, 5 e os 7 metros de largo. A media de espesura dos seus muros é 4,20 metros, mais podendo chegar ata os 7 metros nalgúns sitios. Na parte exterior da muralla un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. O certo é que o paso do tempo fixo desaparecer a metade superior en case toda a súa extensión e na parte que queda en pé tamén houbo profundas transformacións. Inicialmente a muralla tiña cinco portas, mais posteriormente abríronse outras cinco.

E imos coa pregunta de hoxe!

59. A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. O seu primeiro Presidente foi Manuel Murguía entre os anos 1906 e 1923. Cal é o actual Presidente da institución?

- Xesús Alonso Montero

- Víctor Freixanes

- Marilar Aleixandre

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es

CANTO SABES DE GALICIA LVIII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Betanzos. Alí naceron os irmáns García Naveira, Xoan no ano 1849 e Xesús no ano 1853. Emigraron a arxentina e alí fixeron unha considerable fortuna. Patrocinaron conxuntamente a construción dun lavadoiro, unha escola, o asilo ou a Casa do Pobo. Xoán, tamén levou a cabo un proxecto moito máis persoal, como foi o Parque do Pasatempo, comezando a súa construción no ano 1893 e aí traballouse sen parar ata 1914, cando se puido dar por finalizado. Aínda que é certo que ata a súa morte, en 1933, a achega de novos elementos e ampliacións foi constante.

E imos coa pregunta de hoxe!

58. A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Quedou catalogada como Monumento Nacional en 1921, e case oitenta anos máis tarde, no 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade. A área que a circunscribe é de 33,4 hectárea e a súa altura varía entre os 8 e os 12 metros. O seu perímetro ten forma de elipse imperfecta, pero cal é a súa lonxitude?

- 1.266 m

- 2.266 m

- 3.266 m

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es

CANTO SABES DE GALICIA LVII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é 1. No escudo de Pontevedra aparecen, nun campo de azur, unha ponte de tres arcos de ouro sobre ondas de azuis e arxénteas. No medio da ponte, un cruceiro de ouro. Na beira dereita, un castelo ameado de ouro e aclarado de goles, e na esquerda unha torre ameada de ouro. O escudo áchase timbrado cunha coroa real, forrada de goles, ou vermello, fechada, que é un círculo de ouro, engastallado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visíbeis cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.

E imos coa pregunta de hoxe!

57. Xoán e Xesús García Naveira, indianos retornados, dedicaron parte da fortuna creada en diversos proxectos na súa terra natal. Un deles foi o Parque de Diversións coñecidos como os Xardíns do Pasatempo ou Parque do Pasatempo, comezando a súa contruión en 1893. En que localidade coruñesa se atopa?

- A Coruña

- Santiago de Compostela

- Ferrol

- Betanzos

- Narón

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es

ACÓRDASTE DE COMO SE FAI A RAÍZ CADRADA?

 

Seguro que a contestación á pregunta é NON, para que, teño a calculadora! Ademais, para que serve?

No mundo real, o das cousas que se tocan e cámbianse de sitio, a principal funcionalidade da raíz cadrada é organizar cousas en cadrados. Poñamos que para a túa sala de trofeos de atletismo, un supoñer, queres comprar un andel cadrado (tipo IKEA) e poñer un destes trofeos en cada oco. Se tes 25, valerache nun andel de lado 5, e se tes 26, pois xa non porque a raíz cadrada de 25 é 5, pero sóbrache un.

Pero que é a ríz cadrada? É o número que multiplicado en por si dá a cantidade pola que me preguntan.

Como se calcula, con lápiz e papel? No video superiro tes a forma!

FONTE: José A. Murcia/verne/elpaís.com