Blogia
vgomez

DOCENCIA

CANTO SABES DE GALICIA XLVIII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Non. Unha pequeña parte de Galicia pertence a diocese de Astorga (diocese sufragánea da archidiocese de Oviedo) que abrangue, na provincia de Ourense: A Rúa, A Veiga do Bolo, As Ermitas, O Barco de Valdeorras, Proba de Trives, Ponte de Domingo Flórez, Sobradelo de Valdeorras, Viana do Bolo e Viñariño de Conso.

E imos coa pregunta de hoxe!

48. En Galicia temos unha das maiores fragas de teixo (Taxus baccata) de europa. Atópase nun lugar chamado Casaio. En que provincia está?

- A Coruña

- Lugo

- Ourense

- Pontevedra

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es Imaxe: galiciaenteira.com

CANTO SABES DE GALICIA XLVII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é 62 kg. Orixinalmente pesaba 60 kg, pero en 2006 engadíuselle un baño de prata que fixo aumentar a súa masa ata os 62 kg actuáis. Mide 1,50 m de altura e 59 cm de diámetro na parte máis ancha. Énchese primeiro cuns 40 kg de carbón e incenso, co que supera cheo, e ao inicio dos seus movementos, os 100 kg de peso. Logo átase con fortes nós a unha corda longa suxeita ao teito do edificio, no cruceiro, e desprázase cun mecanismo de poleas pola nave da igrexa. Para iso, un grupo de oito homes, denominados tiraboleiros, empúrrano primeiro para poñelo en movemento, e logo turran do outro cabo da corda, para, cun mecanismo de randeeira, irlle dando velocidade. A corda que o suspende, é, desde o 2007, dun material sintético, mide 65 metros, ten 5 cm de diámetro e pesa 90 kg.

E imos coa pregunta de hoxe!

47. A arquidiocese de Santiago de Compostela é a sede metropolitana da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela. Da arquidiocese dependen catro dioceses sufragáneas: Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo. Esta arquidioese cubre a totalidade de Galicia?

- Si

- Non

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es

CANTO SABES DE GALICIA XLVI

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Maquis. Tamén coñecidos como a guerrilla, foi o conxunto de movementos guerrilleiros antifascistas de resistencia en España que comezou durante a guerra civil. Tiveron relevancia en todo o norte español, en Andalucía e noutras zonas durante e despois da guerra civil española. O período de máximo apoxeo guerrilleiro foi o comprendido entre 1945 e 1947. A partir deste ano intensificouse a represión franquista, que pouco a pouco foi terminando coas partidas ou grupos. Moitos dos seus integrantes morreron ou foron detidos (o que en moitos casos supuxo a morte), outros escaparon a Francia ou Marrocos. En 1952 procedese á evacuación dos últimos continxentes de importancia. Desde ese ano, os que aínda resistían no monte, negándose a elixir entre o exilio ou a morte, loitan xa case exclusivamente pola supervivencia. O final do maquis márcano as mortes de Ramón Vila “Caraquemada”en 1963 e de Xosé Castro “O Piloto” en 1965.

E imos coa pregunta de hoxe!

46. O botafumeiro é un grande incensario, o maior do mundo, feito de latón bañado en prata, que se atopa na catedral de Santiago de Compostela. Pero, canto pesa?

- 42 kg

- 52 kg

- 62 kg

- 72 kg

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es  Imaxe: vivecamino.com

CANTO SABES DE GALICIA XLV

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é 1920. Concretamente o 30 de outubro de 1920, en Ourense, e aquí publicaríanse os primeiros 15 números, antes de pasar a ter a administración na Coruña e Santiago, na sede da editorial Nós. O enderezo mantívose sempre no domicilio de Vicente Risco. A revista, vinculada ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do idioma e elevalo dos usos orais á alta cultura. Mesmo a publicidade era maioritariamente en galego. Pretendeuse tamén que o seu deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, para o que Risco designou a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como responsábel artístico.

E imos coa pregunta de hoxe!

 

45. Estes nomes ’Foucellas’, ’Gardarríos’, ’Piloto’ son alcumes de galegos que tiveron “relevancia” durante e despois da guerra civil española. Por que? Unha pista, a imaxe pode axudar.

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es  Imaxe: elcomentamierda.blogspot.com

CANTO SABES DE GALICIA XLIV

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é...

O río nace nos montes de Olveda no concello de Antas de Ulla (Lugo). Os seus dous afluentes principais pola esquerda son o Arnego e o Deza, pola dereita recibe as augas do Pambre, Furelos e preto da súa desembocadura o río Sar, un pouco antes de recibir as augas do Pambre forma as correntes de Macara. Desembocando na ría de Arousa á altura de Catoira tras percorrer 132 km. A súa conca é de 2.764 km², a segunda máis importante de Galicia despois da do Miño.

E imos coa pregunta de hoxe!

44. "Grupos Nós". Baixo esta denominación, incluímos un grupo de autores que, aglutinados arredor da revista Nós, constrúen un dos proxectos culturais colectivos máis singulares non só da Galicia de preguerra, senón de toda a historia da literatura galega. Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antonio Losada Diéguez ou Florentino L. Cuevillas son algún dos nomes máis relevantes que se adoitan incluír baixo esta etiqueta; tamén debemos citar a Afonso Rodríguez Castelao, aínda que posúa características parcialmente diferentes a respecto dos anteriores. A revista foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político. En que ano apareceu o seu primeiro número?

- 1918

- 1920

- 1922

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es e aelg.gal Imaxe: mapasinteractivos.didactalia.net e galiciaunica.es

CANTO SABES DE GALICIA XLIII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Araño. Atópasen Rianxo (A Coruña). É de pedra, con cuberta de tella e a dúas augas. Posúe por dimensións exteriores 37,05 metros de longo, 2,40 de ancho e 2,70 de altura media. Séguelle o de Lira con 36,53 mentros de longo e o terceiro en o de Carnota (chamado así, pero o anterior tamén está en Carnota, pero na parroquia de Lira) con 34,74 metros. Outra cousa e a súa fermosura arquitectónica.

E imos coa pregunta de hoxe!

 

43. Na imaxe tes a ubicación dos principais ríos galegos.

Localiza o río Ulla.

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es e elviajeroaccidental.com Imaxe: mapasinteractivos.didactalia.net

CANTO SABES DE GALICIA XLII

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Petróglifo. É unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras. Tradicionalmente os petróglifos galegos foron datados na Idade de Bronce, aínda que algúns investigadores cínguena ao cambio do III ao II milenio, no inicio da Idade de Bronce. Existen dous tipos de deseños: naturalistas ou figurativos, que son respectivamente aqueles nos que é posíbel adiviñar que representan, como por exemplo os cervos, os cabalos, figuras humanas e armas; e os xeométricos ou abstractos, aqueles que non sabemos que representan, como son as combinacións circulares. Por certo, o petroglifo da imaxe da pregunta do día de onte está en As Neves (Pontevedra)

E imos coa pregunta de hoxe!

42. Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo. Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés, co fin de evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas. A imaxe superior amosa o hórreo máis grande de Galicia. Onde se atopa?

- Poio (Pontevedra)

- Carnota (A Coruña)

- Araño ( A Coruña)

- Lira (A Coruña)

- A Merca (Ourense)

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es Imaxe: arousa-norte.es

CALTO SABES DE GALICIA XLI

Continúo coa serie Canto sabes sobre Galicia, que pretende facer un percorrido sobre cousas que tod@s deberiamos de coñecer sobre a nosa Comunidade Autónoma. A resposta a pregunta do día anterior é Praia da Lanzada. Atópase no lado suroeste do istmo que une a península do Grove con terra firme, pertencente aos concellos de Sanxenxo e O Grove (Pontevedra). A súa lonxitude de 2,5 km pasa a 3 se se teñen en conta os tramos adxacentes de Areas Gordas e Lapa. Alí fórmase un complexo dunar e intermareal, o Espazo Intermareal Umia-O Grove.

E imos coa pregunta de hoxe!

 

41. Fíxate na fotografía. Que é?

- Triscere

- Petróglifo

- Torque

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal blog.galiciamola.es, portalgalicia.com, wikipedia.es Imaxe: Eloy Martínez