Blogia
vgomez

ZONA VERDE

A ANTÁRTIDA TAMÉN SE DERRETE

A ANTÁRTIDA TAMÉN SE DERRETE

Moitos dos glaciares antárticos están a ser socavados pola acción da auga máis cálida do mar / Imaxe:Alba Martin-Español

Dende que en 1979 os primeiros satélites artificiais puxesen os seus ollos nela, a Antártida nunca foi tan grande. Segundo a NASA, en decembro de 2013, o xeo mariño que rodea o continente antártico alcanzou a súa maior extensión. Non obstante, tamén nunca como agora, se está derretendo a un ritmo tan acelerado. Por primeira vez dende o fin da última glaciación, a Antártida perde máis xeo do que gaña. De novo, xa sexa en forma de cambio climático ou deterioración da capa de ozono, a acción humana está detrás.

A ciencia ten tan clara que o Ártico desxéase como que a Terra xira arredor do Sol. Coa Antártida non existe o mesmo consenso científico. Por cada estudo sobre un glaciar que se fende, hai outro que destaca a acumulación de nova neve na meseta antártica. E é que todo na Antártida é grande, tamén o debate científico. Cunha extensión case 28 veces a de España, a Antártida acumula entre o 80% e o 90% da auga doce que hai no planeta. A altura media da capa de xeo é duns 2.500 metros, aínda que hai zonas de case 5.000. Se se derretese de súpeto, o nivel do mar ascendería decenas de metros.

Pero a Antártida non é tan uniforme e inmutable como pode parecer na distancia. O cambio climático e a deterioración da capa de ozono están a afectar de forma diferente a unhas zonas e outras do continente. Mentres en lugares da costa oeste, os glaciares que morren no Mar de Amundsen están a adelgazar, no leste, o xeo avanza e elévase. A comezos de século, o balance neto entre perdas e ganancias tendía a ser cero, pero no último lustro o equilibrio está a romper a favor do desxeo en zonas ata agora estables.

Cos datos de altimetría ofrecidos por unha sucesión de satélites dende comezos de século, os investigadores puideron comprobar que a elevación dos xeos desta zona se mantivo estable ata 2009, pero dende entón non deixou de reducirse. Segundo publican en Science, a rexión perde uns 60 quilómetros cúbicos de xeo ao ano. En auga líquida, serían uns 60 billóns de litros. Hai glaciares que se retiraron ata 30 metros na última década.

A perda de xeo é enorme, uns 60.000 millóns de toneladas ao ano dende 2010. Pero aínda está lonxe dos 110.000 millóns anuais que perden os glaciares do Mar de Amundsen. Se se lles restan as ao redor de 70 gigatoneladas que gaña a zona occidental da Antártida, o balance é dunha perda neta de xeo. E iso que non hai datos globais de todo o continente.

As cifras aínda están lonxe do desxeo no Ártico onde, só Groenlandia está perdendo 243.000 millóns de toneladas. Pero o que máis preocupa aos científicos non é a cantidade, senón a tendencia acelerada dos últimos anos. É coma se se tivese alcanzado un punto crítico no que o sistema antártico non aguantara máis e se tivese desestabilizar.

O panorama aínda podería ser peor. Aínda que non está de todo claro porqué a parte occidental da Antártida, a maior das dúas, segue acumulando xeo novo. A mesma circulación oceánica que debilita os glaciares do oeste, parece protexer os do leste. Na súa circulación de oeste a leste, as augas cálidas arrefríanse e volven a estratos inferiores do océano.

Pero a súa situación pode ser temporal. En marzo pasado, expertos alemáns en modelos climáticos, mostraron como o quentamento global estaba a levar máis humidade ao interior do continente antártico. Isto fai que neve máis e a capa de xeo se eleve. Pero ten un efecto colateral: acelera o movemento dos glaciares cara a unhas augas cada vez máis cálidas. O resto da historia xa sábese: a máis desxeo, maior elevación do nivel do mar.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

A GUARDA MANTÉN AS DÚAS BANDEIRAS AZUIS ESTE VERÁN

A GUARDA MANTÉN AS DÚAS BANDEIRAS AZUIS ESTE VERÁN

Bandeira azul, ondeando ao fondo da imaxe, na praia da Area Grande anos atrás / Imaxe:ocio.farodevigo.es

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) acaba de facer púbico a lista de bandeiras azuis para este verán 2015.

As bandeiras acreditan o cumprimento dalgúns estándares como a calidade da auga ou a axeitada ordenación ambiental, pero tamén a accesibilidade a eses espazos para persoas con mobilidade reducida e a existencia de servizos sanitarios e de salvamento.

Galicia, con 131 distincións a praias e a 40 municipios costeiros (8 máis que 2014), mantense á cabeza das Comunidades autónomas en número de bandeiras azuis, por diante da Comunidade Valenciana (120), Cataluña (89) e Andalucía (78)

Por provincias, Pontevedra acada 59 bendeiras, A Coruña 50 e Lugo 22. Como curiosidade en Ponte Caldelas (Pontevedra) logra unha insignia para a praia fluvial da Calzada, a primeira vez que un areal destas características lógrao en Galicia.

A nosa localidade mantén as 2 bandeiras do ano pasado: A praia do Muíño e a da Area Grande.

En canto aos portos galardoados, Galicia suma 19 bandeiras azuis.

En calquera caso, España segue á cabeza en número de praias galardoadas con esta distinción con 577. Por detrás séguenos Turquía, con 436 praias, Grecia con 395, Francia que conta con 379 e Portugal con 299 praias.

En canto aos portos, España sitúase en terceiro  lugar, con 101 bandeiras, detrás Holanda, con 112 portos con bandeira azul e Alemaña, que conta con 106.

FONTE: Xornais La Voz de Galicia e abc.

A MÁIS CAMBIO CLIMÁTICO, MENOS ESPECIES

A MÁIS CAMBIO CLIMÁTICO, MENOS ESPECIES

Os países con maior risco de extinción de especies / Imaxe: Mark Urban

O cambio climático afecta a todo o planeta, pero non da mesma forma en todos os países e rexións. O estudo do científico Mark Urban, investigador de ecoloxía e bioloxía evolutiva da Universidade de Connecticut, e publicado na revista Science, sinala a América do Norte e Europa cos riscos máis baixos (5% e 6%, respectivamente), mentres que América do Sur (23%) e Australia e Nova Zelandia (14%) serían os lugares onde se concentran os maiores riscos de extinción de especies, debido ao aumento da temperatura.

En calquera caso, subliña Urban, mesmo especies non ameazadas directamente pola extinción poderían experimentar cambios substanciais no seu número e distribución, que á súa vez podería afectar aos ecosistemas e os seus servizos aos seres humanos.

Janneke Hille Ris, investigadora da Universidade de Washington en Seattle (EUA), quen publica tamén en Science un artigo de apoio ao traballo de Urban, explica que as rexións de maior risco teñen un número alto de especies endémicas. Ao estar adaptada a un sitio concreto teñen máis problemas se os hábitats nos que viven desaparecen ou se encontran barreiras xeográficas que lles impiden migrar a outros lugares. Neste sentido, se un hábitat axeitado desaparece por completo co cambio climático, a extinción parece inevitable, sentenza.

Os investigadores recordan que a maioría das predicións se centran en América do Norte e Europa. Polo tanto, os riscos poderían ser aínda maiores en rexións pouco estudadas, como en Asia, de maneira que reclaman máis traballos científicos.

FONTE: Revista Consumer/Medio Ambiente

PRAIA DO MUÍÑO: BANDEIRA "ECOPLAYA"

PRAIA DO MUÍÑO: BANDEIRA "ECOPLAYA"

Praia do Muíño / Imaxe:rutadelvinoriasbaixas.com

A praia de “O Muíño”, de A Guarda, recibiu a bandeira “Ecoplaya” que certifica a súa calidade dende un punto de vista ambiental. O Muíño é o areal fluvial por excelencia da localidade, xa que está situado onde as augas do río Miño se encontran coas do Océano Atlántico.

Este galardón, que está promovido pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medioambiente (ATEGRUS), foi recibido pola limpeza manual da praia, que axuda a conservar o ecosistema dunar, e polas diferentes actuacións realizadas para a súa rexeneración.

O Muíño, xa presume do distintivo de calidade SICTED e  da “Bandeira Azul”, aínda que esta última terá que ser revalidada no próximo mes.

FONTE:galiciasuroeste.info

22 DE ABRIL: DÍA DA TERRA

 

Hoxe, 22 de abril de 2015, celébrase o DÍA DA TERRA. O seu promotor, o senador estadounidense Gaylord Nelson, instaurou este día para crear unha conciencia común aos problemas da superpoboación, a produción de contaminación, a conservación da biodiversidade e outras preocupacións ambientais para protexer a Terra. É un día para render homenaxe ao noso planeta e recoñecer á Terra como o noso fogar e a nosa nai, así como expresárono distintas culturas ao longo da historia, demostrando a interdependencia entre os seus ecosistemas e os seres vivos que a habitamos.

A HORA DO PLANETA

A HORA DO PLANETA

Logotipo da Hora do Planeta / Imaxe: WWF

Mañá sábado, 28 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas será A HORA DO PLANETA. Esta iniciativa da organización conservacionista World Wide Fund for Nature (WWF) proponnos apagar a luz durante esa hora para concienciarnos da importancia de loitar contra o cambio climático e en defensa do medio ambiente.

O ano pasado, participaron máis de 7.000 cidades de 160 países de todo o mundo. A Torre Eiffel de Parides, o Cristo Redentor de Río de Janeiro, as cataratas do Niágara, San Pedro do Vaticano, a Acrópolis de Atenas, A Porta de Alcalá de Madrid, a Alhambra de Granada, a Sagrada Familia de Barcelona, o Museo Guggenheim de Bilbao, a catedral de León, a Mezquita-Catedral de Córdoba, a Torre do Ouro de Sevilla, a Ciutadella de Menorca, o Castelo de Bellver de Palma de Mallorca, as Casas Colgadas e Hoz do Huécar de Cuenca, a Muralla de Ávila, a Torre de Hércules da Coruña, foron algúns dos lugares emblemáticos que tiveron apagadas as súas luces, uníndose a esta campaña ambiental, unha das maiores a nivel global.

Este ano, noveno consecutivo, animóte a que participes con este xesto como mostra de compromiso co noso planeta

Participa!

FONTE: Revista Consumer

OITO CONSELLOS PARA VIVIR CON MENOS PLÁSTICO

OITO CONSELLOS PARA VIVIR CON MENOS PLÁSTICO

Plástico / Imaxe: alterativaregonal.com

O plástico é un material con multitude de aplicacións na vida cotiá, pero ao abusar del nas últimas décadas estase a producir un grave impacto no medio, a saúde e a economía en todo o planeta. Sen impoñerse prohibicións absolutas, os consumidores podemos facer fronte a este problema con diversas medidas sinxelas que logren evitalo ou polo menos reducir o seu emprego indiscriminado:

1. Concienciar(se) polo impacto do plástico

Concienciarse e concienciar aos demais sobre as consecuencias negativas do uso excesivo do plástico é o primeiro paso para tomar unha actitude activa. En España hai medio século cada cidadán consumía uns 300 gramos anuais de plástico; na actualidade, 115 quilos. Ao utilizalos de forma masiva contribúese a graves impactos para o medio ou a saúde: cambio climático, saturación de vertedoiros, contaminación, en especial nos ecosistemas mariños, onde morren millóns de seres vivos, diversas enfermidades causadas por algúns de tipo tóxico, etc. 

2. Evitar os plásticos comúns máis nocivos

No mercado pódense encontrar multitude de produtos e materiais plásticos, como demostran os símbolos para identificalos do 1 ao 7 rodeados de tres frechas formando un triángulo. De entre todos eles convén evitar os que peores consecuencias teñen para o medio e a saúde: o cloruro de polivinilo (PVC # 3), o poliestireno (PS # 6) e o policarbonato (Outros # 7).

3. Rexeitar as bolsas de plástico de usar e tirar

O impacto ambiental das bolsas de plástico de usar e tirar é enorme. A súa vida útil é duns 12 minutos, pero poden tardar séculos en degradarse. A gran maioría remata desbotada sen control, contaminando dende as cidades aos ecosistemas naturais. No mar o seu impacto pode ser letal para animais como tartarugas, baleas ou delfíns, que morren tras inxerilas. O consumidor pode crear o hábito de empregar bolsas reutilizables cando vai de compras ou levalas no coche para cando as necesite. Os tamaños e materiais son moi diversos para que duren o máis posible e cumpran a súa función.

4. Non tomar auga embotellada

O consumo de auga embotellada medrou de xeito espectacular nos últimos anos, provocando diversos impactos ambientais e un gasto innecesario nun país como España, onde a subministración pública garante auga potable de calidade. Os cidadáns poden usar botellas reutilizables de diversos materiais, como vidro ou aceiro inoxidable, ou pedir nos establecementos de hostalaría un vaso ou unha xerra de auga da billa xunto á consumición.


5. Utilizar produtos doutros materiais

Antes do plástico todos os produtos de uso común se facían doutros materiais. Agora, tamén: vasos, tarteras, botellas, utensilios de cociña, cubertos e un longo etcétera pódense encontrar feitos en metal, madeira ou outros materiais capaces de darlles unha maior vida útil e un menor impacto ambiental. A roupa merece especial atención, xa que se poden evitar no posible os materiais sintéticos e substituílos por outros naturais (sempre que estean elaborados de forma sostible).

6. Comprar a granel e fuxir do excesivo empaquetado

A froita xa ten a súa pel como protector natural. É imprescindible comprar unha mazá forrada en filme transparente e cunha bandexa de plástico? Para evitar este sobre envasado, e de paso aforrar diñeiro, os cidadáns poden comprar a granel todo tipo de produtos. Para iso pódese levar o seu propio envase e explicar a quen poña pexas as vantaxes desta práctica.

7. Reutilizar os produtos plásticos

Os produtos plásticos máis duradeiros poden reutilizarse para ampliar así a súa vida útil o máximo posible. Coidalos, reparalos en caso de que se estraguen ou cambiar algunha das súas partes para que estean operativos, regalalos a amigos e familiares, se non se usarán máis, ou doalos, vendelos ou adquirilos nalgunha rede de intercambio e compravenda de economía colaboradora son algunhas posibilidades. Os máis manitas mesmo poden empregar produtos plásticos usados para facer orixinais manualidades ecolóxicas.

8. Adquirir produtos sen plástico

Algúns produtos alternativos son doados de encontrar, pero outros non tanto. Algunhas das persoas que fixeron da redución do emprego do plástico un sinal de identidade ("plasticarianos") crearon tendas en Internet onde se venden centos de produtos sen plástico de todo tipo. A parella canadense Chantal Plamondon e Jay Sinha teñen en marcha dende 2006 ’Life Without Plastic’ (Vida sen plástico), mentres que en España Javi Terrón, Marion de La Porte e Javier Barrios creaban en 2014 ’Sinplástico’.

FONTE: Revista Consumer

RAEE: RESIDUOS DE APARATOS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS

RAEE: RESIDUOS DE APARATOS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS

Residuos de aparactos electrónicos e eléctricos / Imaxe:eis.uva.es

O Goberno aprobou un Real Decreto sobre Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) que inclúe novas medidas para mellorar a súa recollida e xestión. Nós, s consumidores, teremos máis facilidades para reciclar estes aparatos, que poden ocasionar un grave impacto no medio e a saúde, se non se tratan de xeito axeitado.

Unha das principais novidades da nova norma é que as tendas de aparatos eléctricos e electrónicos deberán aceptar gratis, e sen necesidade de comprar outro a cambio, os xa usados polos consumidores. Agora ben, só estarán obrigados a recoller os aparatos moi pequenos "de ata 25 centímetros" (teléfonos móbiles, transistores, etc.) e se dispoñen dun local de máis de 400 metros cadrados.

No resto dos casos, poderemos seguir depositando os RAEE nos Puntos Limpos. Ecolec, a fundación dos fabricantes e importadores de grandes e pequenos electrodomésticos é a encargada de xestionar os seus residuos. Ao mercar un electrodoméstico novo, os responsables do establecemento deben facerse cargo do antigo de forma gratuíta.

A cantidade de RAEE non para de aumentar. A Iniciativa para resolver o problema dos refugallos electrónicos (STEP), composta por Nacións Unidas, a industria, gobernos, ONG e asociacións científicas, publicaba en 2013 un informe no que aseguraba que se produciron case 48,9 millóns de toneladas no mundo, unha media de sete quilos por cada un de 7.000 millóns de habitantes da Terra.

Ademais da gran cantidade de residuos xerados, un dos seus principais problemas é que son moi contaminantes. Moitos deles conteñen substancias tóxicas como fósforo, mercurio, cadmio ou bromo que, sen unha axeitada xestión, provocan danos graves ao medio e a saúde. Por exemplo, o fósforo dun televisor pode contaminar ata 80.000 litros de auga, mentres que un frigorífico mal reciclado emite á atmosfera gases de efecto invernadoiro (implicados no cambio climático) equivalentes ás emisións dun coche en 15.000 quilómetros, segundo datos de Ecolec.

A reciclaxe, ademais de evitar o devandito impacto, recupera materiais valiosos (cobre, ouro, prata ou aluminio), aforra diñeiro e recursos naturais e xera postos de traballo.

FONTE: Revista Consumer