Blogia
vgomez

BACHARELATO: 1 HORA MENOS DE E. FÍSICA

A Consellería de Educacións ten enriba da mesa un borrador de modificación horaria dos estudios de bacharetato. Unnha polémica xurdíu coa reducción horaria na materia de E. Física entre outras.

Reprodúcese o artigo de María Cedrón do xornal La Voz de galicia sobre este tema:

Galicia parece querer desmarcarse das últimas directrices recomendadas pola UE en materia deportiva. O documento elaborado en outubro do pasado ano polo Parlamento Europeo sobre a función desa materia na educación insta aos Estados membros «a que fagan obrigatoria a Educación Física en primaria e secundaria e a aceptar o principio de que o horario debería garantir polo menos tres clases desa materia por semana, aínda que tería que animarse ás escolas a superar ese obxectivo mínimo». Pero o borrador de decreto de bacharelato que agora debate o Consello Escolar de Galicia para a súa aplicación o curso 2008-2009 reduce en dous terzos esa recomendación mínima europea ao establecer unicamente unha hora de ximnasia semanal en primeiro curso e ningunha en segundo.

Frear a obesidade

Aínda que o requirimento de Bruxelas non é vinculante, a tendencia en Europa é a acatalo e, ata, a facer un esforzo por ampliar as horas nas que se fomenta a actividade deportiva.

O obxectivo, tal e como explica o informe do Parlamento Europeo, é frear o aumento da obesidade que existe en Europa e instaurar hábitos de vida saudables. Neste sentido, o documento recorda tamén que «España, Portugal e Italia informan de niveis de sobrepeso e obesidade que superan o 30% en persoas con idades comprendidas entre os sete e os once anos».

Ao mesmo tempo, incide en que os escolares están «en peor forma física que as xeracións dos anos setenta e oitenta». A causa, apunta o informe, «non é que os nenos coman máis, é que se moven menos». Pero aínda vai máis aló ao recordar que na UE estímase que o 7% dos gastos de saúde teñen como responsable á obesidade, fonte tamén de enfermidades cardiovasculares.

A advertencia europea fixo que moitos países comecen a traballar nos seus programas de fomento do deporte no aula. O Reino Unido, un dos Estados membros con maior índice de obesidade, ofrece aos adolescentes que cursan estudos equivalentes ao bacharelato un total de catro horas semanais de ximnasia ou a práctica dalgún deporte, tal e como explicaron fontes do departamento de Educación británico.

Algo semellante ocorre en Francia, onde o mínimo son tres horas semanais. Estas complétanse logo coa realización de ligas intercentros de distintas especialidades deportivas. Para iso resérvanse os mércores pola tarde.

Pero tamén hai Estados que, por agora, incumpren a recomendación europea. Italia ou Portugal estipulan dúas horas semanais, un horario equivalente ao actual en Galicia e que quedaría minguado a unha hora en primeiro coa reforma que pretende efectuar a Consellería de Educación.

Este cambio quere levalo a cabo o País Vasco, unha comunidade na que tamén se abriu a polémica ao redor da redución horaria.

Currículo

A capacidade de manobra das comunidades históricas para elaborar os currículos escolares nun 45% é o que lles permite xogar, neste caso coa Educación Física, para poder adecuar as novas materias establecidas polo Ministerio de Educación dentro dos seus programas.

Pero tanto profesores como médicos endocrinos coinciden en que a fórmula está equivocada. O catedrático e xefe de servizo de Endocrinoloxía do Hospital Clínico, en Santiago, Felipe Casanueva, xa advertiu nunha entrevista realizada este mes que a redución do tempo dedicado no aula a esa materia é «un desastre». Ata puntualizou que quen fai exercicio asimila mellor o coñecemento.

0 comentarios