CUN LIBRO NUNCA ESTÁS SÓ
De pequena tiña medo a falar en público e soñaba con vivir en Nova York. Hoxe inspira a miles de persoas coas súas conferencias e leva 20 anos habitando a Gran Mazá. Para Bisila Bokoko non hai obstáculo que a free, nin soño que non se propoña alcanzar. “Se cres, creas”, asegura esta filántropa e emprendedora nada en España con raíces en Guinea Ecuatorial.
Bokoko está considerada unha das mulleres españolas máis influentes na actividade empresarial en Estados Unidos. Foi Directora Executiva da Cámara de Comercio España en Nova York e é, ademais, unha recoñecida empresaria. “A educación foi a chave da miña liberdade”, asegura esta muller decidida e inquieta que pisou África por primeira vez cando tiña 35 anos. Aínda que, admite Bokoko, "sabía moito das miñas raíces grazas aos libros e ás historias que me contaban os meus avós". Un dos seus proxectos máis ambiciosos pretende plantar o coñecemento nas zonas máis remotas do continente. É o ’African Literacy Project’: unha rede de bibliotecas en varios países para promover a alfabetización nos pobos africanos.
Bisila Bokoko defende o empoderamento das persoas a través do desenvolvemento persoal. O seu traballo valeulle multitude de galardóns internacionais. En 2019 a ONU honrouna co premio ‘Cidadá do Mundo’. “É o recoñecemento que mellor describe quen son”, sentenza.
0 comentarios