¡NON É O CASTRO DO TREGA!
Levo vivindo na Guarda dende o 1 de setembro do ano 1984, é dicir vai cumplir 24 anos, case a metade da miña vida. Dous referentes deste pobo son o mar e o monte Santa Trega, onde hai un dos castros máis grandes de galicia. Onde eu nacín, e onde aínda teño aos meus pais, lugar chamado Freás, do Concello de Punxín, na provincia de Ourense, tamén temos un castro, que por certo non ten menos mérito que o que temos na Guarda. Eu diría máis, é de dimensións iguais ou superiores. Trátase do castro de San Ciprián de Lás ou da Cidade. Quérovos contar algo sobre o mesmo.
O Castro de San Ciprián de Lás, atópase nunha pequena elevación de 473 msnm, terreo que pertence aos concellos de Punxín e San Amaro, a 18 quilómetros da cidade de Ourense.
O castro divídese en dous recintos amurallados de forma elíptica case concéntricos, cun lixeiro alongamento no eixo NE-SW, cunhas dimensións de 294 m do eixe E-W e de 420 m do eixe maior. Deste xeito, a superficie intramurallas é de 95.900 m², distribuidos en 8.750 m² de acrópolis y 87.150 m² de anteacrópolis. Entre ambas murallas hai un foso.
A súa ocupación continuada abarca dende o éculo II a. C. ata o século II , e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías. As excavacións comenzaron polo ano 1922 e nelas traballaron Florentino López Cuevillas, Xaquín Lourenzo entre outros. Na actualidade estase a construír un Centro de Interpretación da Cultura Castrexa. Mentres non se remate esta obra a maior parte dos achádegos atópanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Nas súas inmediacións atopouse, curiosamente facendo un campo de fútbol, un xacemento paleolítico.
Se algunha vez pasades por Ourense, polo Ribeiro, non dubidedes en achegarvos ata alí e comprobaredes que as súas dimensión son colosais, así como o estado de mantemento en que se atopa, podendo pasear polas súas rúas, divisar ata moi lonxe dende as torres das súas murallas, etc.
¡Algo digno e ver! Por certo, non quero quiralle mérito ao castro do Trega.
0 comentarios