HERBAS MEDICINAIS: SARXA
Sarxa Salvia officinalis
(En castelán salvia)
Outros nomes: Xarxa, Salva
A sarxa é unha planta arbustiva, leñosa na base, pero con anovos anuais herbáceos, erguida, moi aromática, que pode acadar os 60-70cm, moi ramificada, coas ramas estendidas e tomentosas. Follas pecioladas, opostas, ablongo-ovais ou lanceoladas, con finos dentes redondeados, verdosas pola face e abrancazado-pubescentes polo envés, sendo máis pubescentes de novas.
Flores hermafroditas e pentámeras, agrupadas (5-10) en verticilos, formando un acio simple e laxo, con brácteas oval-acuminadas. Cáliz bilabiado de 10 a 14 mm, pubescente e con punteaduras glandulares, con cinco dentes lanceolados, e con abundante nerviación reticulada entre as veas principais. Corola de ata 35mm, excedendo amplamente o cáliz, de cor branca, rosada, azul ou violeta, co labio superior case dereito e o inferior con 3 lóbulos ben definidos, sendo o do medio máis grande.
Froito en tetraquenio, 4 núculas ovoides e lisas. Florece a finais da primavera e durante o verán.
USOS
Contén aceites esenciais, flavonoides e principios amargos. Ten moitas propiedades medicinais como antisudorífica, hipoglucemiante, emenagoga, estimulante, antiespasmódica, astrinxente e antiséptica.
Durante milleiros de anos empregouse como planta culinaria e medicinal. Sábese que axuda no proceso dixestivo estimulando a secreción da bile. É particularmente útil para reducir a acumulación de gases intestinais e calmar os cólicos abdominais. Contén tamén unhas substancias chamadas fitoesterois que teñen un efecto estroxénico e refrescante. Nas mulleres menopáusicas reduce a sudación excesiva, polo que é moi eficaz para reducir as quenturas e suores nocturnas. Diminúe ou detén o fluxo de leite, polo que non debe ser utilizada por mulleres en período de lactancia.
Tamén se pode empregar externamente. Posúe propiedades antisépticas, polo que é útil aplicar un pano mollado cunha infusión de sarxa sobre as picaduras de insectos, cortaduras e outras feridas externas. Emprégase tamén pra tratar a xenxivite e aftas bucais.
Consumida regularmente axuda a reducir os niveis de azucre no sangue en persoas diabéticas.
As partes utilizadas son as follas e sumidades floridas, coas que se preparan infusións, pílulas, tinturas, etc.
0 comentarios