Blogia
vgomez

DESCUBERTO O PLANETA EXTRASOLAR MÁIS PRÓXIMO A NÓS

DESCUBERTO O PLANETA EXTRASOLAR MÁIS PRÓXIMO A NÓS

Exoplaneta  tipo Terra orbitando Alfa Centauri B / Imaxe: ESO, Observatorio Europeo Austral

O trofeo máis desexado dos astrónomos cazadores de planetas extrasolares é atopar un que sexa como a Terra, que estea na chamada zona habitable (a unha distancia da súa estrela na que pode haber auga líquida) e que o astro se pareza ao Sol. Entre os máis de 750 planetas extrasolares descubertos ata agora (máis 2.300 posibles e pendentes de confirmación), aínda non se encontrou o premio gordo. Pero un prestixioso equipo da Universidade de Xenebra estase aproximando moito e o seu último triunfo é o planeta máis lixeiro descuberto ata agora (cunha masa similar ao do noso) en órbita dunha estrela de tipo solar. Non está en zona habitable, pero ten algo importante: está en órbita de Alpha Centaury B, unha das tres estrelas que forman o sistema estelar máis próximo á Terra. É, polo tanto, o planeta extrasolar máis próximo a nós descuberto ata a data, a só 4,3 anos luz de distancia de nós.

Alpha Centauri B é un pouco máis pequena e un pouco máis fría que o Sol. O planeta atopado dando voltas ao seu arredor tarda 3,2 días en cumprir unha órbita en torno ao seu astro (un ano) e faino a unha distancia moi inferior á da órbita terrestre; 0,04 UA (unha UA, Unidade Astronómica, é a distancia media da Terra ao Sol, é dicir uns 150 millóns de quilómetros). É dicir, ese planeta está moito máis preto de Alpha Centaury B que Mercurio do Sol, demasiado quente para ser habitable. A estrela forma parte dun sistema dobre con Alpha Centauri A polo que "será un obxecto moi brillante no ceo visto dende ese planeta", sinalan dende o Observatorio Europeo Austral (ESO) de La Silla (Chile).

O descubrimento dáse a coñecer na revista Nature. O líder da investigación é Dumusque (investigador da Universidade de Xenebra e da de Porto, Portugal) e forman parte do mesmo Michel Mayor e Didier Queloz, os descubridores do primeiro planeta extrasolar (51 Pegasi b) en torno a unha estrela de tipo solar, en 1995, que por certo, era 150 veces maior que o descuberto agora.

Para esta investigación empregaron unha ferramenta especial: o espectógrafo HARPS (Buscador de Planetas por Velocidade Radial de Alta Precisión).

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios