Blogia
vgomez

OS 10 DESCUBRIMENTOS CIENTÍFICOS DE 2012

OS 10 DESCUBRIMENTOS CIENTÍFICOS DE 2012

Imaxes dos 10 descubrimentos ientíficos do 2012 / Science

A prestixiosa revista Science publica no seu último número a lista dos 10 grandes descubrimentos científicos durante o ano 2012. Estes son:

1. Aparece, por fin, o bosón de Higgs
O 4 xullo, os físicos de CMS e ATLAS, os dous maiores experimentos do Grande Colisionador de Hadrones (LHC), situado no CERN, preto de Xenebra, en Suíza, confirmaban emocionados a existencia dunha partícula que coincidía coa descrición teórica do bosón de Higgs. O achado «bendicía» os coñecementos actuais sobre o mundo subatómico e, por fin, permitía explicar como o resto de partículas elementais obtén a súa masa. Os científicos asumen que existe un campo enerxético que permea todo o Universo, o campo de Higgs, por onde as partículas se moven como os peixes o fan na auga. Canto maior é a partícula, máis resistencia encontra ao moverse. Así, colisionar cos famosos bosones, que lles confiren a materia. En definitiva, o Higgs é o que fai que os obxectos teñan masa, dende o máis diminuto seixo dun río ata a estrela máis colosal, incluídos, por suposto, nós mesmos. Sen el, o Universo sería moi diferente ao que coñecemos.

2. O xenoma do denisovano, secuenciado
O investigador Svante Pääbo, director do Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva en Leizpig (Alemaña), logrou secuenciar o xenoma do homínido de Denisova, unha misteriosa especie atopada en 2010 en Siberia e emparentada cos neandertais, a partir dun fragmento dun dedo maimiño infantil e dúas pezas dentais. A análise permitíu comparar os denisovanos co home moderno e revelou que o óso pertencía a unha nena de ollos marróns, cabelo castaño e pel morena que vivíu hai entre 74.000 e 82.000 anos.


3. Obteñen óvulos de células nai 
Científicos xaponeses da Universidade de Kioto conseguiron fabricar no laboratorio óvulos fértiles, con capacidade para ser fecundados, a partir de células nai de rato. Os óvulos deron lugar a unha ampla descendencia de ratiños sans. A investigación pode dar lugar a novos tratamentos para combater a imfertilidade feminina, especialmente no caso das mulleres que esgotaron os seus óvulos fértiles, por idade ou por un tratamento médico agresivo.


4. A complexa aterraxe do Curiosity
O rover Curiosity, o máis avanzado creado xamais pola NASA, aterrou en Marte o pasado agosto tras realizar unha serie de manobras que nunca antes foran probadas. O descenso era tan perigoso que mesmo foi denominado os «sete minutos de terror». Demasiado pesado para unha aterraxe convencional, o Curiosity foi descolgado cun complexo sistema de grúas e correas creado polo equipo do Laboratorio de Propulsión a Chorro en Pasadena (California). O éxito da aterraxe abre a porta a unha nova misión en Marte para recoller mostras do terreo e traelas de volta á Terra.


5. Raios X contra a enfermidade do sono
Un equipo internacional de científicos utilizou un innovador láser de raios X no Laboratorio do Acelerador Nacional SLAC (California, EE.UU) para revelar a estrutura dunha encima clave que permite ao parasito Trypanosoma brucei causar a enfermidade do sono en África. O descubrimento pode abrir unha nova vía de tratamento contra a infección, que transmite a mosca Tse-Tse a unhas 70.000 persoas cada ano, e revela o potencial deste tipo de láser, mil millóns de veces máis brillante que a fontes sincrotrónicas tradicionais, para descifrar proteínas.


6. Enxeñaría xenética máis precisa
Científicos da Universidade de Minnesota (EUA) desenvolveron unha nova tecnoloxía de edición do xenoma denominada TALENs, máis barata e rápida, que permite aos científicos modificar xeneticamente peixes cebra, sapos, gando e outros animais. Os investigadores poden alterar ou inactivar xenes específicos con máis habilidade, o que tamén lles permitirá aprender máis sobre as enfermidades humanas.


7. Exóticos fermiones dan a cara
A existencia de fermiones de Majorana, partículas que actúan como a súa propia antimateria e se aniquilan a si mesmas, foi debatida durante máis de sete décadas. Este ano, físicos e químicos holandeses obtiveron a primeira evidencia sólida de que a devandita materia exótica existe, na forma de quasi-partículas. Os científicos cren que estas misteriosas partículas poden ser utilizadas na computación cuántica para fabricar equipos máis eficientes.


8. O ADN quédase sen lixo
O proxecto Encode (Enciclopedia de elementos de ADN), a investigación de maior envergadura na actualidade no campo da xenómica, conseguíu internarse na parte escura do xenoma, que supón o 98,5% de todo o ADN humano. 30 estudos distintos publicados simultáneamente en catro revista de alto impacto desvelaron que o que se consideraba ADN lixo non é en absoluto un refugallo, senón que xoga un papel clave na regulación dos xenes. O descubrimento abre a porta a descifrar por que pacientes coa mesma enfermidade evolucionan de forma distinta e podería dar importantes pistas sobre patoloxías como a esclerose múltiple, a enfermidade de Crohn ou afeccións cardíacas.


9. O poder da mente
O mesmo equipo da Universidade Johns Hopkins (Baltimore, Maryland, EUA) que con anterioridade demostrou como rexistros neurais do cerebro poderían ser utilizados para mover un cursor nunha pantalla, posibilitou en 2012 que persoas con parálise puidesen mover un brazo mecánico coas súas mentes e levar a cabo movementos complexos. A tecnoloxía aínda é experimental (e extraordinariamente cara), pero os científicos teñen a esperanza de que se poidan mellorar estas próteses para axudar a pacientes con apoplexías ou lesións vertebrais.


10. A clave dos neutrinos
Centos de investigadores que traballan no Experimento Neutrino do Reactor de Daya Bay en China demostraron como estas elusivas e fantasmagóricas partículas que xera, por exemplo, o Sol, e atravesan todo o que se encontran se transforman dun «sabor» ou tipo a outro conforme viaxan á velocidade da luz. Os resultados suxiren que os neutrinos poderían axudar no futuro a explicar por que o Universo contén tanta materia e tan pouca antimateria.

Un ano cientificamente produtivo!

0 comentarios