Blogia
vgomez

PDS 70 b: UN PLANETA BEBÉ

A estrela anana PDS 70 captada polo telescopio  VOLT. O planeta é o punto brillante á dereita do centro da imaxe / ESO/A. Müller et al.

Un planeta recentemente nado acaba de ser fotografado por un telescopio situado en Chile. PDS 70 b, como foi bautizado, é un xigante  gasoso, máis grande que Xúpiter. Orbita a estrela anana chamada PDS 70, da que a separan 3.000 millóns de quilómetros (máis ou menos a mesma distancia que hai entre  Urano e o Sol), o que, segundo os científicos, corrobora a teoría de que os planetas gasosos como Xúpiter fórmanse a grandes distancias do seu astro.

Por primeira vez, os astrónomos puideron observar con claridade o proceso de formación do planeta no disco de gas e po que rodea á estrela, segundo detallan esta semana os autores do descubrimento en dous artigos publicados en  Astronomy& Astrophysics. É dicir, PDS 70 b está aínda moi preto do lugar no que naceu e segue acumulando material.

A detección deste novísimo planeta foi posible grazas ao potente instrumento  SPHERE instalado no Telescopio Moi Grande (Very  Large  Telescope,  VLT) que o Observatorio Europeo Austral (ESO) ten en Chile.

Na imaxe capturada polo telescopio vese a estrela e o planeta (é a esfera brillante situada á dereita do centro). O círculo negro que hai no medio da fotografía é a pegada deixada polo  coronógrafo, o dispositivo que se usa para bloquear a intensa luz que provén da estrela.

Segundo detalla o estudo, a estrela  PDS 70 ten entre cinco e seis millóns de antigüidade, o que lles dá idea do máximo de idade que ten o planeta. "Fomos testemuñas dunha instantánea do sistema planetario pero aínda non sabemos con exactitude cando empezou a formarse o planeta. Segundo os nosos modelos teóricos, é posible que só teña uns poucos millóns de anos".

Segundo os cálculos da sonda espacial  Gaia, que está a facer un censo da Vía Láctea, a estrela PDS 70 atópase a unha distancia de 370 anos luz.

Os astrónomos puideron medir o brillo do planeta en diferentes lonxitudes de onda, o que lles permitiu deducir algunhas das propiedades da súa atmosfera e determinar, por exemplo, que parece ter nubes. Así mesmo, estiman que as temperaturas na superficie PDS 70 b roldan os 1.000º C, o que fan del un mundo moito máis caloroso que calquera dos planetas do Sistema Solar.

FONTE:Teresa Guerrero/ciencia/elmundo.es

0 comentarios