OS CRÁTERES XEMELGOS
Imaxe dos cráteres xemelgos "Arima", en Marte / ESA
Dende unha vista cenital, o aspecto dos cráteres xemelgos Arima, na rexión marciana de "Thaumasia Planum", recorda uns ollos sorprendidos. As imaxes obtidas pola sonda Mars Express da Agencia Espacial Europea (ESA) permiten coñecer como se crearon estes círculos de 50 km de diámetro escarvados na superficie de Marte, moi comúns no planeta vermello e en diversas lúas do Sistema Solar.
Os cráteres fórmanse tras o impacto dun meteorito. Cando alcanza a superficie, tanto esta coma o obxecto que a alcanza comprímense a densidades moi altas. As rexións onde impacta despresurízanse e estoupanse violentamente. Non obstante, a orixe dos buratos que aparecen no centro do cráter, que no caso dos "xemelgos" Arima son de diferente tamaño, non está totalmente claro.
Unha das teorías afirma que cando o meteorito impacta, o xeo existente na superficie derrétese é absorbido polas gretas da superficie. Os científicos consideran outra hipótese, pola cal o xeo da superficie quéntase rapidamente e evapórase nunha explosión. Así, o impacto "escarva" na terra e crea ese burato ou marca cos restos do impacto.
A diferenza de tamaño dos buratos nos cráteres xemelgos Arima, que se observa nas fotografías, acapara a maior atención dos científicos. A teoría desta disparidade pode estar na diferente cantidade de xeo de cada unha das zonas, e na velocidade en que se evaporou.
O estudo desta rexión achega máis aos investigadores ao coñecemento da superficie de Marte, e confirma a teoría de que tempo atrás houbo grandes cantidades de auga e xeo no planeta vermello.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios