O DRAMA DE PERDER O MÓBIL
Teléfono móbil / Imaxe:imagenesfotos.com
Perder un teléfono móbil é un drama, xa que ao custe económico hai que engadirlle as fotografías persoais, o acceso ao correo electrónico, o historial da nosa mensaxería instantánea, as contas en redes sociais como Facebook ou Twitter e, mesmo, aplicacións para acceder á nosa entidade bancaria. Por iso, a súa perda por un descoido ou un roubo pode xerar máis dun rompedeiro de cabeza.
Moitos dos problemas que carrexa a perda do dispositivo atenuaranse se se toman estas medidas:
Antes da perda ou roubo
Pon un contrasinal ou patrón para bloquear o terminal: Non é unha medida que te vaia protexer ao 100% pero polo menos darache algo máis de tempo para poñer remedio a todo o que se che vén enriba. Pode ser algo pesado ter que escribir o contrasinal cada vez que un quere mirar algo no teléfono pero a molestia paga a pena.
Instala aplicacións de localización e protección: Existen aplicacións que permiten rastrexar a situación dos dispositivos e bloquealos dende unha páxina web pero que hai que instalalas antes de perdelo, obviamente. Os usuarios de Apple, tanto de iPhone coma de iPad, poden optar pola aplicación ’Buscar o meu iPhone’, creada pola propia empresa de Cupertino. Mentres, en Android existen diversas opcións, entre as máis populares encóntranse Cerberus, Android Lost ou Where’s my Droid. Algunhas delas permiten bloquear o terminal tamén con SMS. Para os usuarios de Blackberry existe a app BlacBerry Protect mentres que Prey está dispoñible para iOS, Android e tamén para ordenadores con Windows e Mac. Hai outras moitas con funcións parecidas.
Apunta o código IMEI: O código IMEI é o ’DNI’ do noso teléfono, o seu identificador único. Coñecer o número pode ser útil á nosa operadora para poder bloquealo se foi roubado. Adoita estar imprimido baixo a batería aínda que tamén é posible velo pulsando *#06# no teclado de chamadas, algo útil para os usuarios de iPhone, cuxa batería non é accesible.
Fai copias de seguridade habitualmente: Perder un teléfono pode doer pero máis aínda probablemente todos os arquivos e datos que temos nel. É recomendable facer polo menos un ’back up’ no ordenador polo menos unha vez ao mes, con maior frecuencia nos usuarios máis intensivos aínda que é certo que a proliferación de servizos na ’nube’ fai que cada vez sexa menos necesario.
Despois da perda ou roubo
Intenta contactar co teu teléfono: Pode parecer un pouco de perogrullo pero é aconsellable chamar ou escribir unha mensaxe ao teu número de teléfono antes de dar o seguinte paso. Quizais a persoa que o encontrou non teña problema en devolvelo ou, mesmo, póidase negociar unha ’recompensa’ económica por el. Por intentalo non se perde nada.
Chama ao teu operador: En canto perdas a esperanza de poder recuperar o teléfono, é moi aconsellable chamar inmediatamente o teu operador para bloquear a túa tarxeta SIM. Doutro xeito, a persoa co teléfono podería chamar co teu número e facerte un ’roto’ na túa factura se comeza a realizar chamadas internacionais por exemplo.
Pon unha denuncia: Canto antes acudas á Policía, máis posibilidades terás de que se poida encontrar o terminal grazas aos servizos de localización que xa deberías ter instalados.
Goza do teu tempo de desconexión: Consólate con algún deses moitos refráns dos que podes tirar se finalmente non logras recuperalo. Pensa en positivo e goza dos momentos de desconexión que che brindará o suceso. Non hai mal...
FONTE: Xornal El Mundo/Navegante.Tecnoloxía
0 comentarios