O SISTEMA SOLAR TEN COLA COMO AS DOS COMETAS
Así se vería dende fóra a cola do Sistema Solar, segundo os novos datos do satélite IBEX / NASA/Goddard Space Flight Center
O satélite científico IBEX (NASA Interstellar Boundary Explorer), que estuda a interacción do noso Sistema Solar co espazo exterior, acaba de revelar unha nova e sorprendente estrutura no noso sistema planetario. Trátase dunha inesperada e xigantesca cola que, como a dun cometa, esténdese ao longo de decenas de miles de millóns de quilómetros no espazo interestelar, máis alá dos dominios do Sol.
O achado publícase esta semana en The Astrophisycal Journal. Ata agora tratábase só dunha teoría. De feito, dende hai anos os investigadores especulaban sobre a posible existencia dunha grande cola, parecida á dos cometas, que abranguería todo o Sistema Solar e se estendería máis alá da heliosfera a través do espazo. As primeiras imaxes do IBEX, en 2009, xa amosaban unha especie de "fita" feito de átomos moi enerxéticos que rodeaba, pola parte exterior, todo o noso sistema planetario. Foron necesarios longos anos de investigación para que a estrutura á que pertencía esa "fita" enerxética cobrase forma e revelase a presenza dunha "helio cola". Para iso, durante os anos 2010 e 2011 os refinados instrumentos do IBEX apuntaron xusto na dirección contraria a do seu primeiro achado. E encontraron outra parte da grande estrutura que estaban a intentar revelar.
O equipo de investigadores, en sucesivos cambios de orientación dos instrumentos, foron revelando unha serie de "lóbulos", ou ulteriores rexións da misteriosa e ata agora descoñecida estrutura. Coma se se tratase das pezas dun enorme crebacabezas, os científicos sumaron agora os resultados de todas esas observacións parciais e decatáronse de que, en conxunto, forman unha auténtica e descomunal cola xusto detrás do Sistema Solar.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios