Blogia
vgomez

UN ANO QUE DURA 8,5 HORAS

UN ANO QUE DURA 8,5 HORAS

Ilustración do planeta extrasolar Kepler 78b, onde un ano dura só 8,5 horas / CRISTINA SANCHIS OJEDA

No tempo dunha xornada laboral, ou dunha boa noite de sono, un pequeno planeta extrasolar descuberto a 700 anos luz de aquí cumpre toda unha volta arredor da súa estrela, un ano completo, explican os astrónomos que o encontraron. É un planeta do tamaño da Terra, pero está tan preto da súa estrela (a súa órbita é só unhas tres veces o raio estelar) que a temperatura estimada na súa superficie debe roldar os 3.000 graos centígrados, así que estará fundida completamente formando todo un mar de lava.

O planeta, denominado Kepler 78b (un máis da boa colleita do telescopio espacial do mesmo nome cuxa misión a NASA  deu por concluída debido a unha avaría irreparable), está unhas 40 veces máis preto da súa estrela que Mercurio do Sol. A estrela debe ser nova porque xira moi á présa e Kepler 78B está tan preto dela (o seu período orbital é un dos máis curtos que se descubriron) que os investigadores cren que poderán medir a súa influencia gravitatoria nesta, co que poderían estimar a masa do planeta.

O grupo de investigadores deron con Kepler 78 b analizando os datos do Kepler de máis de 150.000 estrelas. Nas observacións, buscan a atenuación periódica da luz do astro debida ao paso dun planeta que se cruza por diante, na liña de visión da Terra, e este equipo está especializado precisamente en planetas similares ao noso pero en órbita moi estreita do seu astro.

Ao tempo que estes astrónomos presentas o Kepler 78b na revista The Astrophysical Journal, parte do equipo xunto con colegas doutras institucións anuncian un achado máis noutra publicación, Astrophysical Journal Letters, acerca dun planeta xa descuberto e cun período orbital aínda máis curto: 4.25 horas. Para poder soportar unha órbita tan estreita arredor do seu astro, segundo determinaron eles agora, o exoplaneta KOI1843.03 ten que der incriblemente denso, composto fundamentalmente de ferro, ou as forzas de marea da estrela o romperían.

A medida que avanza a investigación dos planetas extrasolares, os científicos estanse a encontrar un auténtico zoolóxico deses obxectos, moitos deles ben diferentes dos do Sistema Solar, ben sexa polo seu gran tamaño ou pola súa peculiar distancia á estrela... o Kepler mesmo encontrou un xirando en torno a dous soles, o Kepler 16b. Agora, co telescopio inutilizado para continuar a busca, os científicos afánanse na análise das observacións realizadas e, tal e como sinalou a NASA ao anunciar que os enxeñeiros non lograban devolver ao Kepler a precisión necesaria, seguirán facendo descubrimentos escarvando na información almacenada.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios