A SONDA "MAVEN" CAMIÑO DE MARTE
Lanzamento do foguete Atlas V, que leva a sonda Maven / Imaxe:www.emol.com
A sonda espacial Maven, da NASA, deseñada para poñerse na órbita de Marte e investigar a súa alta atmosfera, foi lanzada con éxito dende a base da Forza Aérea Estadounidense en Cabo Cañaveral (Florida) nun foguete Atlas V. O despegue producíuse onte, ás 19.28 (hora peninsular).
Está previsto que a nova nave funcione polo menos un ano dando voltas ao planeta vermello e achegándose ata 150 quilómetros da superficie na súa órbita elíptica, para tomar datos directos da composición do gas. Ademais, descenderá nalgunhas fases da misión ata 125 quilómetros do chan. Á máxima distancia orbital, uns 6.000 quilómetros sobre a superficie do planeta, poderá captar imaxes en ultravioleta de todo Marte.A combinación de medicións detalladas e imaxes globais é un enfoque poderoso para comprender as propiedades da alta atmosfera . A Maven tomará datos en todas as rexións do espazo próximo a Marte que permitirán aos científicos caracterizar o estado da alta atmosfera e a ionosfera, determinar as taxas actuais de perda de gas ao espazo e explorar a evolución pasada para determinar a perda total de atmosfera que se producíu "na historia do planeta". O custo da misión ascende a 500 millóns de euros.
Aínda que as observacións da Maven poderían axudar aos científicos a comprender mellor a habitabilidade pasada e presente de Marte, a misión non realizará unha busca activa de signos de vida. De feito a sonda non vai equipada cun sensor de metano, un gas que podería ser un bo indicador de vida (arredor do 90% do metano na atmosfera terrestre está producido polos organismos vivos).
Varias universidades estadounidenses desenvolveron os instrumentos científicos da bordo ou colaboraron neles, como o detector de partículas enerxéticas, os analizadores de ións e de electróns do vento solar, o aparato encargado de determinar a composición do gas, e o magnetómetro. A Maven ten unha masa de 903 quilos (2.550 con combustible no lanzamento) e mide 11,4 metros cos paneis solares despregados.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios