Blogia
vgomez

A MAIOR EXPLOSIÓN NO UNIVERSO DESDE O BIG BANG

As ondas de radio (azul) e os raios X (rosa) permitiron descubrir o oco no plasma dunha galaxia xerado por unha violentísima explosión ocurrida no pasado / X-ray: NASA/CXC/Naval Research Lab/Giacintucci, S.; XMM:ESA/XMM; Radio: NCRA/TIFR/GMRTN; Infrared: 2MASS/UMass/IPAC-Caltech/NASA/NSF

Os astrónomos acaban de descubrir a explosión máis potente no universo desde o Big Bang. Este estalido tivo lugar no buraco negro supermasivo do centro dunha gran galaxia situada por centos de millóns de anos luz da Terra. A explosión liberou cinco veces máis enerxía que o que era considerado como o estalido máis potente ata a data, de nome MS 0735+74. Estes achados publicáronse en The Astrophysical Journal.

Este dramático evento ocorreu hai millóns de anos moi lonxe da Terra. En concreto, tivo lugar no centro dunha gran galaxia no cúmulo de Ofiuco, a 390 millóns de anos luz. Os astrónomos cren que se trata da erupción dun buraco negro  supermasivo.

Estes obxectos son famosos por engulir enormes cantidades de materia e enerxía, pero ás veces expúlsana cunha violencia indescritible a través de chorros e ondas de choque, que poden aceleralas ata velocidades próximas ás da luz, desprazando á súa vez as nubes de plasma que se atopan nos arredores.

De feito, esta explosión foi tan poderosa que creou un auténtico buraco na nube de plasma (gas superquente) que rodea ao buraco negro desta galaxia.

Segundo os investigadores, a explosión foi similar á brutal erupción do Monte Santa Helena, en 1980, que desfixo a cima da montaña.  De feito, o estalido é tan inmenso que os científicos non o creron ao principio.

As colosais escalas deste evento tamén implican que non fose inmediato: "Ocorreu moi lentamente; foi como unha explosión a cámara lenta que durou centos de millóns de anos", comentan os investigadores.

O sinal do enorme buraco no plasma do buraco negro xa se detectou con raios X, pero, sinxelamente, pensábase que era demasiado grande como para tratarse do rastro dunha explosión. Pero ao mirar cos radiotelescopios, os científicos déronse conta do seu achado.

O descubrimento foi posible grazas a unha das misións estratéxicas da NASA, a do telescopio espacial de raios X Chandra, ao telescopio espacial XMM-Newton, da ESA, e aos observatorios terrestres Murchison Widefield Array (MWA), en Australia e ao Giant Metrewave Radio Telescope (GMRT), en India.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios