Blogia
vgomez

SABER É, CLARAMENTE, O QUE NOS FAI LIBRES



O seu icónico pelo vermello e a súa incomparable traxectoria xornalística fan dela una das correspondentes máis emblemáticas da televisión pública en España. Na retina e na memoria quedan aínda as súas incontables reportaxes, conexións en directo e coberturas internacionais. A veterana reporteira Rosa Mª Calaf non só foi unha pioneira do xornalismo televisivo, senón que acabou convertida, a través da pantalla, en testemuña directa de gran parte da historia da segunda metade do século  XX. Co seu estilo directo e innovador, inspirou a futuras xeracións de xornalistas e transportou aos fogares españois a algúns dos lugares máis recónditos do mundo. A súa obsesión sempre foi contar as historias dos que non teñen voz, porque para ela “o xornalismo debe facer visible o invisible e contar o que outros calan”.

Curiosa, entusiasta e incansable, así se definiu hai 50 anos, cando decidiu estudar Xornalismo, e así segue definíndose a día de hoxe. Aos seus 74 anos continúa sendo unha inesgotable viaxeira que percorreu máis de 180 países porque, asegura, “do que máis se aprende é do diferente”.

Tras unha vida de dedicación absoluta ao mundo da información, Rosa Mª Calaf móstrase crítica con algunhas prácticas do xornalismo actual: “É fundamental que os medios de comunicación volvan poñer por diante a información de calidade”. Aos cidadáns, especialmente aos mozos, advírtelles: “Hai que ser moi esixentes e críticos coa avalancha de información que recibimos, para aprender a diferenciar o que é tóxico do que non o é”. Para ela, o exercicio do xornalismo leva consigo unha enorme responsabilidade e é, xunto á educación, un dos alicerces da construción social: “Porque o saber é, claramente, o que nos fai libres”, conclúe.

0 comentarios