Blogia
vgomez

FREDERICK SANGER

FREDERICK SANGER

Frederick Sanger / Imaxe:encyclopedia.com 

O bioquímico británico Frederick Sanger morreu en Cambridge o pasado martes 19 de novembro. Sanger, considerado o  pai da genómica, gañou dous Premios Nobel de Química, en 1958 e en 1980, polo seu traballo sobre a estrutura das proteínas e polos seus estudos fundamentais da bioquímica dos ácidos nucleicos, respectivamente.

Frederick Sanger naceu no pobo de Rendcombe, en en condado de Gloucestershire, no sueste de Inglaterra, onde o seu pai era practicante médico. Como el mesmo narrou na web dos Nobel, "probablemente influenciado" por el, interesouse pola bioloxía e o seu método científico.

Aínda que  tivo a intención de estudar medicina, ao chegar á Universidade de Cambridge interesouse pola bioquímica en canto oíu falar dela a través do bioquímico Ernest Baldwin e outros membros do departamento desta disciplina. Parecíalle que era un xeito para entender de verdade a materia vivente e desenvolver unha base máis científica para moitos problemas médicos.

Tras licenciarse en 1939 e facer un curso avanzado en Bioquímica, Sanger foi obxector durante a Segunda Guerra Mundial e estudou un doutorado especializado no metabolismo da lisina e nun problema práctico relacionado co nitróxeno das patacas. Alí aprendeu a investigar e a facer da ciencia un "xeito de vida".

Así foi como se uniu a un grupo que traballaba as proteínas e en particular a insulina. Xunto a outros científicos, a posibilidade de determinar a estrutura química destes compoñentes fíxose realidade. Conseguiu desenvolver novos métodos para secuenciar aminoácidos e usounos para deducir a secuencia completa da insulina, o que lle valeu o Premio Nobel de Química en 1958.

Tras o achado da insulina, Sanger desenvolveu  máis métodos para estudar as proteínas e os núcleos activos dalgunhas encimas. Cara a 1960 interesouse polos ácidos nucleicos, o ácido ribonucleico (ARN) e o ácido desoxirribonucleico (ADN).

Así secuenciou o ARN e rematou por desenvolver o "método didesoxi" para secuenciar ADN en 1975, que pode ler entre 500 e 800 bases ao mesmo tempo. Esta técnica conseguiu que gañase o Nobel de Química en 1980 xunto aos investigadores Paul Berg e Walter Gilbert.

Como recolle o Instituto Sanger, o seu auspiciador estaba considerado como o pai da genómica. Defíneno como un home calado, modesto e con poderosas opinións. O instituto que leva o seu nome abriuse en outubro de 1993 para abrir o camiño a unha nova xeración de xenetistas. Frederick Sanger retirárase dez anos antes e levaba unha vida caseira, especialmente dedicada ao seu xardín.

O investigador casou en 1940 con Margaret Joan Howe, non dedicada á ciencia, pero que contribuíu a outorgar tranquilidade ao fogar e polo tanto ao traballo científico de Sanger. Tiñan tres fillos, Robin e Peter, nacidos en 1943 e 1946, respectivamente e Sally Joan, nacida en 1960.

Descanse en paz!

FONTE: rtve.es 

0 comentarios