Blogia
vgomez

DORMAALOCYON LATOURI: UN ANTEPASADO DOS LEÓNS, TIGRES E OSOS EUROPEOS

DORMAALOCYON LATOURI: UN ANTEPASADO DOS LEÓNS, TIGRES E OSOS EUROPEOS

Recreación artística do Dormaalcyon latouri / Charlène Letenneur (MNHN)/Pascale Golinvaux (RBINS).

Un novo fósil descuberto en Bélxica botou luz sobre a orixe dalgúns dos mamíferos modernos máis coñecidos. Os cans e os gatos, así como os osos, as focas e as denociñas, todos carnívoros, cuxos primitivos antecesores datan de hai 55 millóns de anos (o comezo do período de tempo chamado o Eoceno). Un novo estudo, publicado na revista Journal of Vertebrate Paleontology, describe un deses primeiros antepasados.

A especie, bautizada como Dormaalocyon latouri, fora encontrada previamente na localidade belga de Dormaal. Novos exemplares descubertos investigadores do Real Instituto Belga de Ciencias Naturais, permitiron caracterizar mellor o animal.

Os novos exemplares inclúen máis de 250 dentes e ósos do nocello. A aparición de tantos dentes, mesmo algúns de leite, é toda unha sorte, xa que desta forma pode describirse a fila enteira da dentadura do animal. O feito de que teñan un aspecto tan primitivo e a súa época tan temperá implican que o Dormaalocyon está preto da orixe dos carnívoros, e que esta orixe puido ser Europa.

Os ósos dos nocellos, pola súa banda, suxiren que esta especie era arbórea, que vivía e movíase de árbore en árbore. Posiblemente habitaba unha zona cálida, húmida e boscosa, pouco despois dun evento chamado o Máximo Térmico do Paleoceno-Eoceno, un período extremadamente cálido que afectou á evolución de moitos grupos de mamíferos, incluíndo estes antigos carnívoros. Os investigadores consideran  que o feito de que o Dormaalocyon fose arbóreo e que os carnívoros se dirixisen a América do Norte en torno a este momento, suxire a existencia dun cinto de bosques de folla perenne continuo en altas latitudes durante esa época.

Aínda que preto da orixe dos carnívoros, os fósiles suxiren que mesmo houbo especies máis primitivas no grupo nun período de tempo anterior, o Paleoceno.

Máis fósiles deberán atoparse para responder á pregunta sobre a orixe destes animais!

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios