ZIMBABWE HAND JIVE: A ALIMENTACIÓN ESTÁ NAS TÚAS "MANS"
Método Zimbabwe Hand Jive / Imaxe:antena3.com
Nin dietas milagre, nin libros de autoaxuda nin nutricionistas-gurús: algo tan sinxelo como as nosas propias mans pode ser a mellor ferramenta para lograr que nos alimentemos correctamente. A idea é sumamente simple, e talvez sexa esta simpleza a que propiciou que numerosas institucións, dietistas e asociacións de prevención da obesidade estean a apostar por ela.
Trátase de utilizar as nosas mans como guía para calcular o tamaño das porcións. Así, a palma da man sería a medida da porción de proteínas animais (é dicir, adeus a esas costeletas que se saen do prato); unha manchea serviríanos para establecer a cantidade de arroz, pasta e outros cereais que deberiamos tomar; a xema do dedo gordo equivalería á porción de manteiga e de azucre, mentres que a dose de queixo e outras graxas similares non debería ser maior de dous dedos. En canto a hortalizas e verduras, poderiamos comer tantas como caiban nas nosas dúas mans xuntas. Ao tempo, os cinco dedos recordaríannos non só que convén distribuír a inxestión diaria en cinco comidas (almorzo, media mañá, comida, merenda e cea), senón tamén o número de porcións de froitas e verduras que hai que inxerir cada día.
Pero, por que as mans? A historia é curiosa, e para coñecela debemos remontarnos 30 anos atrás e mirar cara a África. Alí, en Zimbabwe, o doutor Kazzim G.D. Mawji, un reputado médico especialista en diabete, centrou os seus esforzos en conseguir que a poboación aprendese a alimentarse correctamente co fin de previr o impacto desta enfermidade.
Ante o elevado grao de analfabetismo, comprendeu que debía deseñar un método que fose sinxelo, visual e ao alcance de todos. E así ideou o coñecido como Zimbabwe Hand Jive, polo que as mans se usan como recordatorio e ferramenta de medida que axude a mellorar a dieta no lugar. Como recordatorio, porque as mans teñen a vantaxe de que sempre as levamos connosco; como ferramenta de medida, porque serven para personalizar as porcións: o tamaño das mans vai en consonancia co das persoas e, en consecuencia, coas necesidades alimenticias.
Pero o que naceu como un rudimentario método local rematou dando a volta ao mundo: o doutor Mawji expúxoo na Global Medical Conference on Diabetes Education, celebrada en 1993 en Indiana, e o seu éxito foi rotundo. Ata o punto de que se incorporou ás recomendacións sobre alimentación ofrecidas polas distintas sociedades e asociacións dedicadas á prevención da diabete tipo 2. Tamén o exército norteamericano, a través do programa Guard your Health (dedicado a promover a saúde entre militares e as súas familias), publicou unha guía baseada nesta dieta. E o que aconteceu despois foi que dietistas e nutricionistas occidentais foron adaptando esta dieta, máis alá da diabete, co fin de empregala como método para baixar de peso.
O obxectivo da dieta da man, «non» é «adelgazar, senón recuperar o sentido común na nosa alimentación. Pero é evidente que, naquelas persoas afeitas a comer grandes porcións, a aplicación deste sinxelo método terá como consecuencia unha baixada de peso». Así pois, xa o sabemos: non temos que ir moi lonxe a buscar o modo de recuperar a figura; a solución témola, e nunca mellor dito, nas nosas propias mans.
FONTE: Xornal El Mundo
0 comentarios