A CONCENTRACIÓN DE GASES EFECTO INVERNADOIRO NA ATMOSFERA EN MÁXIMOS SEN PRECEDENTES
Viñeta de Ramón, onte no xornal El País
A concentración de gases de efecto invernadoiro (cuxo incremento provoca o cambio climático) presentes na atmosfera alcanzou un máximo sen precedentes en 2013, segundo o informe da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) no seu boletín anual. O dióxido de carbono (CO2), o gas que máis contribúe a este efecto, aumentou a súa concentración a un ritmo que non se rexistrara en case 30 anos.
O citado informe recolle como os niveis de CO2 aumentaron máis entre 2012 e 2013 que durante calquera outro ano dende 1984. Ese aumento explícase, segundo os datos preliminares que cita a OMM, polo incremento constante das emisións deste gas sumado á redución da cantidade de CO2 absorbida pola biosfera da Terra. Unha cuarta parte das emisións totais de CO2 absórbenas os océanos, e outra cuarta parte, a biosfera, recorda a axencia, que insiste no "alto tributo" que pagan os océanos por iso. Segundo unha análise que figura no informe, tampouco hai precedentes para o ritmo actual de acidificación dos océanos, polo menos nos últimos 300 millóns de anos, algo do que tamén alertaron os expertos do último informe do Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC).
En 2013, a concentración de CO2 alcanzou o 142% do nivel da era preindustrial (antes de 1750); o de metano, o 253% e o de óxido nitroso, o 121%.
É a primeira vez que o boletín anual da OMM inclúe unha sección sobre a acidificación dos océanos (afectando aos organismos mariños), un proceso que seguirá acelerándose no futuro: "O dióxido de carbono permanece na atmosfera durante centos de anos e no océano aínda moito máis. As emisións de CO2 do pasado, presente e futuro terán un efecto acumulativo tanto no quentamento da Terra como na acidificación dos océanos".
A concentración de dióxido de carbono, o principal culpable do quentamento global, elevouse a 396 partes por millón o ano pasado. Este incremento supuxo unha alza de 2,9 partes por millón entre 2012 e 2013, o maior incremento anual en 30 anos, segundo o informe.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios