Blogia
vgomez

A VOLTAS CON PLUTÓN: É OU NON UN PLANETA?

A VOLTAS CON PLUTÓN: É OU NON UN PLANETA?

Plutón, o disco grande no centro, visto dende unha das súas lúas / NASA, ESA y G. Bacon (STScI)

 

Que é un planeta? Durante xeracións, a resposta era doada. Unha gran bóla de rocha ou de gas que orbitaba ao Sol, e había nove deles no noso Sistema Solar. Pero entón os astrónomos empezaron a encontrar novos obxectos do tamaño de Plutón máis alá de Neptuno. Despois acharon mundos do tamaño de Xúpiter que circundan estrelas distantes, primeiro a ducias e logo por centos. De súpeto, a resposta non eran tan doada. Eran planetas todas esas cousas recén descubertas?

A Unión Astronómica Internacional (IAU), encargada de nomear estes mundos recén descubertos, abordou a cuestión nunha reunión en 2006. Trataron de chegar a unha definición de planeta coa que todos puidesen estar de acordo. Discutiron, votaron e elixiron unha definición que eles pensaban que ía funcionar.

A actual definición oficial di que un planeta é un corpo celeste que:

-Está en órbita arredor do Sol.

-É redondo ou case redondo.

-“Limpou a veciñanza” arredor da súa órbita.

Pero esta definición desconcertou ao público. Por un lado, só se aplica aos planetas no noso Sistema Solar. Que pasa con todos os exoplanetas que orbitan outras estrelas? Son planetas? E Plutón foi expulsado do club planetario e pasou a chamarse planeta anano. É un planeta anano un planeta pequeno? Non segundo a IAU.

Oito anos máis tarde, o Centro Harvard-Smithsoniano para Astrofísica decidiu volver examinar a cuestión cun debate entre tres primeiras espadas da ciencia planetaria, cada un dos cales presentou unha opinión. O obxectivo: atopar unha definición coa que todo o mundo puidese estar contento.

O historiador científico Owen Gingerich, que presidiu o comité de definición de planetas da IAU, presentou o punto de vista histórico. Gareth Williams, director asociado do Centro de Planetas Menores, presentou o punto de vista da IAU. E Dimitar Sasselov, director da Iniciativa Orixes da Vida de Harvard, presentou o punto de vista dun experto en exoplanetas.

Gingerich argumentou que “un planeta é unha palabra culturalmente definida que cambia co tempo”, e que Plutón é un planeta. Williams defendeu a definición da IAU, que declara que Plutón non é un planeta. E Sasselov define un planeta como “a masa máis pequena esférica da materia que se forma arredor das estrelas ou restos estelares», o que significa que Plutón é un planeta.

Despois, o público do debate votou sobre que é un planeta ou non e se Plutón está dentro ou fóra nesa definición. De acordo coa audiencia, a definición de Sasselov é a gañadora e, polo tanto, e Plutón si é un planeta.

Seguro que a IAU non está de acordo!

FONTE: Xornal abc/Ciencia

0 comentarios