NON SON O QUE PARECEN: EDULCORANTES ARTIFICAIS
O sobrepeso e a obesidade, un tema preocupante nos nenos / Imaxe: sociedad.elpais.com
Os edulcorantes artificiais que se empregan frecuentemente como substitutos do azucre acompañando o café, en refrescos e alimentos preparados quizais non sexan o aliado que aparentan ser contra a obesidade, o sobrepeso e os seus trastornos metabólicos asociados como a diabete. Un estudo de investigadores do Weizmann Institute of Science (Israel) sostén que o consumo destes aditivos provoca, polo menos nalgunhas persoas, intolerancia á glicosa, unha fase previa á diabete na que hai unha maior concentración de azucre no sangue, e alteracións metabólicas relacionadas coa obesidade; é dicir, o efecto contrario ao que pretenden conseguir.
O traballo, que publica a Revista Nature, explica este paradoxo apoiándose fundamentalmente nos cambios que estas substancias (analizáronse tres: a sacarina, a sucralosa e o aspartamo) provocan na flora intestinal de ratos e que derivan en alteracións tanto da composición coma da función das bacterias do sistema dixestivo.
Como consecuencia diso, os autores do estudo, sosteñen que a expansión do uso dos edulcorantes artificiais en bebidas e alimentos pódese considerar, entre outros motivos, como unha das causas da epidemia de diabete e obesidade que se estende polo mundo. Case un terzo da poboación padece sobrepeso.
Outros especialistas son moito menos contundentes e matizan seriamente as conclusións ás que chegou o grupo israelí. É o caso do secretario da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, quen destaca que a maioría dos estudos realizados ata o momento non encontraron problemas para a saúde polo consumo de edulcorantes nas doses habituais. O matiz é importante, xa que, engade, no artigo que publica Nature administrouse a cantidade máxima permitida polas autoridades sanitarias estadounidenses (FDA), 5 miligramos por quilo de sacarina. "Isto suporía 350 miligramos nunha persoa de 70 quilos, o que supón unha dose esaxerada, ninguén consume estas cantidades", comenta. Ademais, censura que a maioría das conclusións ontíveronse das probas feitas en ratos cando, debido ás diferenzas entre ambas as dúas especies, non son resultados que se poidan trasladar directamente a humanos.
Os autores do traballo, non obstante, destacan como o incremento do consumo dos edulcorantes é paralelo ao aumento "dramático" das epidemias mundiais de obesidade e diabete. "Os nosos achados suxiren que estas substancias poderían ter contribuído a aumentar a epidemia que trataban de combater", conclúen.
FONTE: Xornal El Pais /Ciencia
0 comentarios